Opinión

Da ‘Glandimiro’ romana á Brandomil de hoxe

Unha das imaxes que gardo na retina da memoria, froito dos desprazamentos desde a casa materna a Compostela, é a de ver xente maior de Brandomil sentada diante das casas e as mulleres cun sombreiro de palla tipo sancosmeiro na cabeza. Agora, e visto non desde o coche de liña, a realidade ten máis matices: a xente sentada é cada vez menos e máis vella, as pedras non son só pedras, senón restos de arquitectura romana (capiteis) reutilizados como bancos para sentarse ou como chanzos para subir ao cabazo, e o sombreiro non é exactamente un sancosmeiro, senón unha variante deste cun trenzado e copa distintos.

Brandomil, ao carón do río Xallas, aparece sinalado como un importante enclave romano desde a segunda metade do século XIX, como aparece como un lugar viario e paso do río desde a baixa idade Media. As primeiras referencias relacionan esta localidade cunha mansio da vía XX romana ou per loca maritima, vía cuxo trazado é discutido, como tamén é discutido que a Glandimiro que aparece no itinerario de Antonino sexa a Brandomil actual, máis hoxe a tendencia entre os arqueólogos é relacionar esta localidade xalleira con Glandimiro, así como que este é un topónimo con raíces  indoeuropeo e non latino. Este asentamento romano sería non só unha “estación de servizo” e área de descanso ao lado dun río no camiño cara a Brigantium, senón tamén un importante enclave administrativo relacionado coas explotacións mineiras da contorna, explotacións que a fins do século XIX aínda chamaban a atención dalgunha compañía mineira.

A vinculación toponímica e achados illados falaban dunha presenza romana. Mais, desde as prospeccións arqueolóxicas levadas a cabo entre os anos 2007 e 2008 hai que dicir que este asentamento tiña unhas dimensións maiores das que se lle supoñía, como un elevado grao de romanización en relación a outros achados dados na súa contorna. Até o momento atopáronse cinco inscricións (algunhas xa foran expostas na Exposición Rexional de 1909) e nelas predomina unha clara onomástica latina e marcada romanidade, indicativo de que a xente que estaba neste lugar procedía de fora da Gallaecia, xente relacionada coa administración imperial. Isto levou ao arqueólogo Juan Naveiro a afirmar que este sería un dos asentamentos romanos máis importantes da provincia da Coruña.

Agora en Brandomil miran con atención este pasado romano, pasado que sempre estivo presente. Entenden que unha das principais potencias deste pequeno lugar pode radicar nesa imaxe dun distinguido pasado romano e non por unha actividade agraria en vías de extinción e terciaria xa maioritariamente extinta.

Se dicimos que o territorio actual é o resultado de superposicións anteriores e onde se reflicten os feitos históricos que se teñen sucedido, entón, o recurso ao patrimonio pode ser entendido como unha mostra da vontade de manter viva unha comunidade, algo que tamén podemos entender como un xeito de criticar o esmorecemento dun modo de vida e a perda de vitalidade demográfica e social. Aquí mírase o patrimonio non como unha colección de obxectos desde unha ollada historicista, non como unha defensa dunha “tradición” ou de algo xa morto, senón como parte dun mecanismo creativo e moderno que vale para reforzar os marcos e valores culturais e sociais, os intereses colectivos e  públicos.

Agora o concello de Zas, coa colaboración da Deputación da Coruña e a Fundación Brandomil, vén de abrir no pazo das Torres do Allo, unha pequena mostra que trata de facer visible este pasado e chamar a atención sobre a necesidade de seguir sacándoo á luz e avanzar no seu coñecemento. Administracións e sociedade civil camiñando xuntas para facilitar o acceso a un ben común e facilitar a protección por medio da difusión e utilidade social.

Hai unha lenda local que fala do desbordamento do Pozo Limideiro, posiblemente restos dunha explotación mineira romana, que asolagou a localidade e fixo desaparecer a cidade de Brandomil. Agora miran ao patrimonio para non asolagarse na cultura da indiferenza e procurar un camiño cara ao futuro.

Comentarios