Opinión

Culto á memoria en tempos de crise

En 1993 o artista Alan Michelson, Mohawk das Seis Nacións do Gran Río (propiamente Haudenosaunee Confederacy), realizou unha obra para a galería de arte da Universidade de Nova York (NYU). Era unha inmensa tea amarela da que colgan como as perneiras e brazos dunha xente que se viu atrapada na rede dunha pandemia. Colocouna na xanela da galería para ser vista polos moitos e apurados camiñantes que acotío pasan pola praza Washington Square. Falando deste lugar, Alejo Carpentier ou un dos seus personaxes literarios, sentiu aquí a realidade angustiosa desta cidade que, ao tempo permite contemplar a apertura de amplos seráns sobre a praza, tamén do xesto canso da xente sen ocupación e sen rumbo.

A día de hoxe, tempo de forzosa reclusión e de reclusión social, un sae a camiñar polas paisaxes da memoria. A memoria non é totalizadora, é selectiva. Recordar implica participar dunha cosmovisión en relación a unha reflexión histórica da nosa condición como seres sociais. E os recordos van seleccionando momentos, imaxes. Foi así como lembrei esta peza que me chamara a atención cando, hai xa uns quince anos, visitei no Museo Nacional do Indio Americano a mostra sobre as “novas tribos” (título máis acaído sería “outras tribos”) que habitan a cidade de Nova York, unha mostra que era unha invitación á reflexión desde a arte sobre como se foron borrando as pegadas que falaban doutros xeitos de habitar e á reivindicación doutra lectura desa paisaxe urbana que, nas medras, borrou un patrimonio relacionado con esas ”outras” maneiras de vida en sociedade.

E lembramos isto agora porque algunhas imaxes da actualidade lévannos de novo a esa xeografía e a unha situación até certo punto semellante: a fosa común na que se enterran os mortos polo coronavirus na illa de Hart Island.

Primeiro, volvamos á peza de Alan Michelson e que titulou “Culto á memoria”, título que lle copio aquí. A cor estridente e a forma conmemoran as mortallas das vítimas da febre amarela de finais do século XVIII e comezos do XIX que asolou a cidade de Nova York e outras, como Filadelfia, a fins da primeira gran vaga migratoria. As vítimas eran enterradas nunha fosa común no espazo que hoxe ocupa a praza e parque de Washington Square. O artista quer así chamar a atención sobre a historia do lugar, que o balbordo que en tempos normais ten esta cidade non pise a memoria sobre a que se construíu; sinalar un lugar como xeito tamén de defensa dun modelo social que a especulación e ferocidade do capitalismo global quer acurralar. A memoria pode ser feble e efémera, pero deixa pegadas que só sobrevivirán se somos capaces de interpretalas desde o presente.

Comentarios