Opinión

Unha crónica inacabada sobre as terras do Incio

Facilitar a lectura do traballo intelectual dunha persoa pode ser un xeito de rememorar o seu labor, así como presentalo ás novas xeracións. Xa dixera alguén que a memoria é un método de lectura. Para ler os escritos de Carlos García Martínez (CGM), un dos fundadores do Museo do Pobo Galego, alma máter durante os primeiros corenta anos desta institución civil e último director, o Museo decidiu publicar toda a súa obra espallada en varias e dispersas publicacións desde 1968 xunto a un texto inédito.
Hai neste traballo un antes e un despois: un antes de creación do MPG e un despois da aparición desta institución. Até 1977 a obra de CGM é abundante, regular no tempo e centrada esencialmente en temas arqueolóxicos e da prehistoria; despois, o tempo investido en erguer un museo levouno a ir descoidando estes temas e esa regularidade, mais foron aparecendo outros de calado etnográfico, bibliográfico, sobre museos... O que podía ser un bo estudoso e sintetizador da nosa prehistoria rematou sendo un dos artífices dun museo que fixo realidade unha vella arela ansiada especialmente desde a xente de Nós.

A cen anos de Nós e ás portas doutro centenario, o do Seminario de Estudos Galegos (SEG), a obra de CGM é tamén unha homenaxe á xente de Nós e do vello Seminario. Abundan as referencias a esta segunda institución civil e ás súas xentes: Xocas, Antonio Fraguas, Cuevillas, Bouza-Brey. Sería este último quen a finais da década de 1960 introduce no Instituto Padre Sarmiento a un grupiño de mozos universitarios “ansiosos de coñecer os arcanos das primeiras culturas do territorio que hoxe é Galicia”, coñecementos que a Universidade non lles achegaba. Será neste centro, que viña “a arremedar en certo modo o histórico Seminario de Estudos Galegos”, e ao abrigo duns persoeiros que “cando Galiza se achaba sumida nun dos tempos máis sombríos da súa historia” foron quen de manter aceso “o facho da súa singularidade como país e fosen quen de transmitir o que ese facho representaba para as novas xeracións e que non quebrase para sempre o anel da nación”, pois sería no “Sarmiento” onde descubriron a recente memoria do país e, tamén, onde argallen iniciativas como unha “xeira” ao estilo das realizadas polo SEG. Será esta ás terras do Incio en xuño de 1968, a unha paisaxe louzán, con caivancas inzadas de castiros.

Rematou sendo un dos artífices dun museo que fixo realidade unha vella arela ansiada especialmente desde a xente de Nós

Nos últimos tempos da súa vida, Carlos García Martínez estaba traballando con ansia na elaboración dun texto sobre este traballo de campo realizado cincuenta anos atrás. Algunhas cousas relativas á arqueoloxía xa saíran noutros artigos, mais o traballo definitivo estaba por facer e ía polo camiño das xeiras do SEG ás Terras do Deza ou a de Fisterra, traballos que nunca viron a luz, aínda que as causas e contextos foran outros. Agora, e no groso volume recentemente publicado, hai unha parte inédita que se titula “Crónica inacabada dunha terra”. É a crónica dunha experiencia iniciática duns mozos urbanos ao “encontro cunha ricaz e aínda relativamente viva sociedade campesiña”, neste caso a inciá, mais xa “ferida por unha considerable emigración”.

A idea principal desta xeira era, orientados por Bouza-Brey, catalogar xacementos arqueolóxicos, entre eles aqueles cunha posible presenza da actividade humana no período Paleolítico. Naquela altura o coñecemento sobre este período da Prehistoria era escaso en Galiza. Non encontraron presenza paleolítica, mais catalogaron castros, petróglifos, mámoas e, seguindo o ronsel do SEG, recolleron o folclore relativo a estes xacementos e “estiveron alí” coa veciñanza, incluso traballaron facendo beirarrúas na Cruz do Incio. 
De todo isto fala esta “crónica inacabada”, que se presenta como un relato denso ou como unha descrición profunda, no sentido da antropoloxía posmoderna, onde o autor vai dialogando cos datos e coa propia experiencia no lugar, e faino cun texto construído cunha linguaxe por veces oteriana, cargada de referencias cultas e populares, históricas e literarias. Un relato nordeado pola entrega e o amor á Terra e ás súas xentes.  

Comentarios