Opinión

O confinamento trae mudanzas no xeito de relacionarnos e no social

Nunca choveu que non escampara. É un refrán galego para albiscar algo de optimismo ao mal tempo, mais tamén hai quen pensa que se debe revisar. Mentres chove uns poden enterrarse na lama, quedar no bulleiro e, outros, saír máis enxoitos. Iso pasa sempre en toda crise.

Nestes momentos, no que os lugares de encontro e socialización están clausurados e reunirse nun mesmo espazo físico volve ser perigoso, os hábitos e rituais asociados son alterados, afectando ao imaxinario e simbólico que nos sostén como seres que precisamos das relacións sociais.

Pensei escribir este artigo despois de ler a nova da primeira persoa falecida en Irlanda tras as medidas de confinamento que, as autoridades da illa, aplicaron para facer fronte ao coronavirus, medidas tomadas unha semana antes que no Reino Unido. A familia da persoa morta sentía, ante estas medidas, que a falecida, a matriarca da familia, non ía ter unha despedida adecuada e acorde a como entenden estes rituais. Sen velorio, e coa igrexa baleira no funeral, só lle puideron cantar no camiño ao cemiterio Oro se do bheatha bhaile, unha vella canción asociada tradicionalmente a cando a muller marchaba vivir á casa do marido, un cantar de benvida que marcaba un ritual de tránsito á residencia patrilocal. Mais os costumes cambian e a tradición non é un fósil. Coas reivindicacións políticas pronto a canción vaise converter nun canto rebelde e símbolo das revoltas contra os ingleses, especialmente desde que Pádraig Pearse lle engadiu novos versos. Cantárona no levantamento da Pascua de 1916 e na posterior contenda contra os ingleses que levou ao acordo de 1921. Así, na película de Ken Loach O vento que axita a cebada, cántana os rebeldes que marchan envoltos na néboa para atacar un convoi inimigo.

A crónica deste enterro dicía que a morte, como outros ritos na vida irlandesa, é tanto un evento social como un tempo de dó, algo que tamén dicimos nós. A morte, e os rituais que a envolven, como o pranto, foi tema tratado pola antropoloxía e cabe lembrar, entre nós, os varios traballos de Marcial Gondar ao respecto. Hoxe non é así, e moitos rituais teñen cambiado, están cambiando. Algunhas noticias destes días falan disto. A xente morre en soidade, os velorios xa non son encontros de familiares e veciños, xa non estreitamos as mans. O individualismo da sociedade capitalista e o virus están matando a terapéutica función dos rituais sociais.

Os cambios requiren un tempo de adaptación, un tempo de liminalidade, antes de volver a un estado de normalidade. Así, agora xa non importa que un morto cruce territorio doutra parroquia para ir ao cemiterio, pero hai anos asistín a unha discusión entra e viúva e os fillos porque ela quería que levasen o cadaleito polo “camiño sacramental, por onde foron toda a vida”, entón abandonado; os fillos, en coche e pola estrada, que cruzaba outra parroquia. Velaí o problema.

Hoxe, teñen lugar novas como a de saltar o confinamento para ir ao velorio, porque ninguén debe morrer en soidade. O coronavirus, e as medidas para frealo, como a supresión das xuntanzas, fan repensar estes rituais (sempre repensados), e o que era un acto social e ritual de socialización vai camiño de ser un acto illado, sen función social. A dor xa non se dilúe en sociedade.

Mais tamén nos teñen que preocupar outros cambios que se van dar, e estanse dando con esta crise: a incerteza social que se nos aveciña, o desemprego, os recortes que sempre afectan aos mesmos, o control social, pois cada vez a nosa esfera de actuación vese limitada ao ámbito do privado e doméstico. Como di o antropólogo indio Arjun Appadurai, facendo uso dun refrán inglés, o cabalo está fóra da corte. E o cabalo pode ser unha democracia fatigada que trouxo o medre en popularidade de líderes autoritarios que seguen dicindo o que temos que facer e din que, saídos desta, van atender as nosas necesidades, que o prioritario é o Estado de Benestar que con tanta ansia demoucaron.

A crise pode valer para reivindicar xestionar nós o noso como forma de solucionar estes problemas traídos por unha globalización desembocada e apartada do local e da xente.

Comentarios