Opinión

"Brandamente deitada no medio da ribeira"

Cando escribo esta achega do mes de setembro para o Nós é tempo de romaría en Muxía e os pensamentos navegan cara a esa vila que, como dixera o poeta, está "brandamente deitada no medio da ribeira". Mais esta peste do século XXI leva a que o barullo da festa mingüe e xa non se poida exclamar coa poeta: "¡Canta xente..., canta xente / por campiñas e por veigas!". A pandemia afecta aos rituais e, estes, son importantes nas vidas das persoas, como individuos e como seres sociais.

A romaría da Barca é unha das de máis sona en Galicia e con presenza na literatura, sobre todo desde que Rosalía acudiu a ela en 1853. Desde entón este feito cultural, así como o espazo no que se celebra, ten presenza na literatura. Pódese dicir que Muxía, "a  areosa, a seca e triste", é un terreo fértil para a creación literaria, especialmente para a poesía, e deu poetas de sona como os Abente, Victorino e Gonzalo, e no tempo de hoxe "os tombos do mar, fervendo" seguen salpicando os versos das novas voces, como as de Rivadulla Corcón e Rosalía Fernández Rial.

Cando Rosalía describe a romaría da Barca esta xa era, segundo Murguía, "espléndida y concurrida", algo que a poeta refire no poema

As referencias comezan coa literatura viaxeira, cos relatos dos peregrinos, desde  a segunda metade do século XV, como León de Rosmithal, Nicolás de Popielovo, Christoph Gunzinger, ou os italianos Buonafede Vanti e Giacomo Antonio Naia xa no século XVIII. Aquí tamén habería que colocar os relatos haxiográficos. Mais non debemos esquecer ao camiñante frei Martin Sarmiento quen, ao falar do emprazamento onde se sitúa o santuario, diría que alí "bate el mar bravo sin arrimo ni abrigo alguno". Tamén sería este frade o que criticou a crenza de que nas pedras se daba o milagre de que se debuxaban os símbolos da paixón de Cristo, algo que era "ignorancia imaginar milagro alguno". Supoño que o frade de ir hoxe diría algo sobre o pouco respecto que se tivo sobre este lugar nos últimos tempos e que levou á desfeita do camiño e fonte da Pel, á colocación dunha "Ferida" que fere o espazo, aparcadoiros e ampla estrada, todo para poñelo "bonito", mais, outra vez acudimos á poesía, para dicir que a xeografía pode ser desapiadada con quen desistiu de crer na historia.

Cando Rosalía describe a romaría da Barca esta xa era, segundo Murguía, "espléndida y concurrida", algo que a poeta refire no poema, poema que transmite a alegría festiva e a vitalidade dunha sociedade celebrando un feito social total (Marcel Mauss). Un xeito de vivir o tempo. Hai descricións das xentes, de como visten, que fan e que beben, como se divirten, desde onde chegan. Fainos un relato etnográfico do ambiente da romaría desde o punto de vista de alguén que a viviu desde dentro. 

A romaría da Barca é unha das de máis sona en Galicia e con presenza na literatura, sobre todo desde que Rosalía acudiu a ela en 1853

A obra de Rosalía serviu de acicate para outros poetas e narradores. Nela, seguramente, encontrou o camiño Federico García Lorca para compoñer o seu "¡Ay ruada, ruada, ruada / da Virxe pequena / e a súa barca!", pois non hai constancia de que viñera á romaría. Ademais, os seus amigos galegos seguro que lle falarían dela, pois un deles, Ernesto Guerra da Cal, tamén  "Tinha de ir à sua romaxe", mais acabou no exilio, como no exilio migratorio acabou Paz Lestón: "¡Ai! Como quixera / chegar a Muxía / un día da Barca .../ ¡sin a tiranía!"

A nómina é longa: Salvador Golpe, Francisco Tettamancy, Aurelio Ribalta, Galo Salinas, Florencio Vaamonde, Uxío Carré Aldao, Henrique Labarta Pose, José Más,  Ángel Valente, John Reibetanz ... literatura para reforzar unha paisaxe simbólica e unha memoria de nós.

Comentarios