Opinión

Baixando as estatuas dos pedestais

Foi Baudelaire quen non só dixo que a escultura era aburrida, senón que era contra o que sempre se tropezaba cando nun museo ou exposición de arte dabas un paso atrás para mellor poder contemplar unha obra pictórica. As esculturas estaban alí para molestar. Semella que moitas estatuas seguen cumprindo esta función.

Os conceptos e olladas sobre a arte teñen mudado moito desde 1846. Como escribiu Rosalind Krauss en 1979: “nos últimos dez anos, cousas bastante sorprendentes pasaron a chamarse escultura: estreitos corredores con monitores de tv ao final, grandes fotografías documentando camiños no rural...”. A escultura, entendida como estatuaria, xa non é unha representación ideal. Seguirá habendo estatuas cuxa función é “crear a distancia co heroe, fixar sinalando no ceo a medida das cousas posibles. Poñer o límite entre o ordinario das persoas ao seu pé e o extraordinario que non pode repetirse”, como di o poeta Mario Regueira. Mais o heroe tamén é un concepto en revisión e non ten por que estar distante.

A idea de aburrida na escultura, traída polo poeta, non é outra cousa que un cualificativo de antimoderna e menos cultural que a pintura, como que a súa linguaxe é máis simple, propia de xente que só sabe ler nas imaxes escritas na pedra. Moitas das estatuas situadas no espazo público son algo máis que aburridas e antimodernas, son inadecuadas, por non dicir obscenas. A mensaxe que portan é inadecuada para a sociedade que comparte o espazo público no que se sitúan. Por espazo público entendemos o lugar no que se interactúa e se establecen relacións sociais. E algunhas estatuas non xeran calidade a un espazo que ten que ser participativo e de entendemento. Non serven para entender a sociedade na que vivimos, non tenden pontes para entender o pasado, nin rachan coas desigualdades, tampouco axudan a construír unha identidade visual harmónica. Mais esa inadecuación é culpa de quen as mandou colocar, colocación case sempre por imposición. Así, ultimamente, e no contexto das protestas tras a morte de George Floyd baixo o xeonllo dun policía branco, vimos caer ou encher de graffitis estatuas en diferentes partes do mundo, como ten pasado noutros tempos. En A Mirada de Ulises, película de Theo Angelopoulos, unha barcaza baixa por un río levando unha enorme estatua de Lenin. Alguén pregunta quen é, e a resposta: ninguén, porque representa unha etapa que se quer deixar atrás. Así, tamén vimos aquí entre nós casos para a polémica e a prepotencia: a estatua de Montero Ríos no centro da praza do Obradoiro, os cabalos do ditador, monolitos polos “caídos” ou por organizar un partido de fútbol, o monumento ao xeneral San Martín en Corcubión que acabou mirando cara ao outro lado do Océano, a “Ferida” en Muxía co chapapote de fondo.

Hai anos escribín sobre a orixe do topónimo Matamoras nos Estados Unidos e o concepto supremacista de fronteira. Contaba alí o caso da estatua dedicada a Juan de Oñate, conquistador do territorio do actual estado de Novo México. A colocación da estatua quería celebrar o 400 aniversario desa chegada. Mais, o que para uns era unha data fundacional, para a poboación orixinaria era a conmemoración dun xenocidio. O día da inauguración o cabalo do conquistador apareceu cunha pata cortada. Un acto que tiña unha lectura histórica. Juan de Oñate asaltou unha localidade, chamada Acoma (A Rocha Branca), en vinganza porque os locais, xente Pueblo, mataran a un capitán da súa tropa e a dez soldados. O ataque rematou coa morte de oitocentos nativos e a mutilación ou desterro para os superviventes. Así, aos homes maiores de 25 anos cortoulles o pé dereito, aos menores unha man; ás mozas leváronas para un convento en México e nunca máis regresaron. O cabalo non podía galopar de novo. Agora, no contexto das protestas contra a brutalidade policial e a desigualdade racial, esta estatua, como outras, volve estar de actualidade. Unha protesta diante dela acabou nun tiroteo, o que levou ás autoridades de Alcalde, así se chama a localidade na que está/estaba, decidiron retirala para evitar que acabara no chan ou xerara máis problemas.

Con Rodin a escultura comezou a baixar do pedestal e ter unha linguaxe máis próxima ao social. Sobre o pedestal marcan imposición, distancia social, e a súa función máis útil pode ser a de servir de pousadoiro para pombas e gaivotas e poidan, así, tinguir de branco a agresiva textura do bronce ou as violentas arestas do mármore.

Comentarios