Opinión

Se xa nos controla a policía, por que non deixar que nos controlen os médicos?

Felipe González dixo hai moitos anos que prefería morrer asasinado no metro de Nova York que vivir en Moscova. A frase en si era un disparate, pero entendéuselle o que quería dicir. Era unha afirmación de liberalismo a ultranza.

Ese debate está de novo de actualidade, ante a posibilidade de que o medo ás epidemias nos conduza a un control por parte do Estado “ao estilo chino”.

O tema con todo non é simple. De feito hai xente de esquerdas criticando o control e liberais defendéndoo. Inflúe, neste caso, en mans de quen se encontra o Estado.

Pero vaiamos un pouco máis atrás. Un dos mellores modos de guiarnos cara ao futuro é observar a propia historia. A revolución francesa foi o primeiro acto contemporáneo que trouxo consigo un maior control social. A partir dese cambio limitouse por exemplo o cruce de fronteiras e naceu o pasaporte. O concepto de protección social e o de usos sanitarios da propia revolución trouxo consigo a necesidade de coñecer o número de cidadáns e o lugar onde vivían. A revolución creou o concepto de urbanismo, a protección dos anciáns e dos necesitados, a eliminación polo municipio das augas sucias. Para iso era necesario numerar, crear arquivos, coñecer os nomes. Eran necesarios funcionarios que supervisasen.

O marxismo puxo de moda o dilema entre liberdades “formais” e liberdades “reais”. De que servía ter liberdade se non había que comer. O socialismo quitou a anguria do paro (varios miles de norteamericanos emigraron á URSS despois do crack do 29, un feito pouco coñecido), garantiu a sanidade e a escola gratuíta, continuando a liña trazada pola revolución francesa. Unha reportaxe de hai poucos días mostraba como un norteamericano, hospitalizado a causa da epidemia, preguntaba como ía pagar aquilo. O seu medo á falta de recursos era maior que o medo á enfermidade.

Pero, claro está, as vantaxes recoñecidas do control tamén provocan no cidadán o medo ao establecemento dunha ditadura. Aínda que non debería ser tanto cando Google xa che informa, sen que ti llo solicites, dos lugares nos que estiveches no último mes. E o control de chamadas é unha prerrogativa do goberno, non só da NSA, a axencia de seguridade norteamericana, senón tamén do goberno que temos aquí.

O problema creo que non está tanto no control, senón en que este veña acompañado das necesarias garantías e dereitos para o cidadán. É iso o que evita a creación dunha ditadura. Ao fin e ao cabo, o liberalismo extremo non é máis que a lei da selva, a lei do máis forte, en última instancia a supervivencia dos máis aptos.

Vivir en sociedade implica dereitos e deberes. O desenvolvemento e o progreso veñen da man dun aumento do número de leis. Leis que nos obrigan pero que tamén nos protexen. Ambas as partes deben ir unidas. Por iso Napoleón, por máis que se alcumase de emperador, foi un emperador superior aos que gobernaban no imperio austro-húngaro ou na Rusia zarista, porque traía con el un Estado máis desenvolvido, coa posibilidade de que no seu exército ascendesen, por exemplo, os máis preparados e non só os pertencentes ás familias da nobreza.

Foi precisamente Montesquieu, pai do noso sistema democrático actual, quen afirmou que todos os intereses particulares, todas as relacións persoais, debían ceder ante o ben xeral. Os vellos aristócratas de Europa viron niso o totalitarismo e a politización absoluta da vida.

Dise que o can non é máis que un lobo domesticado. Os meus gatos non saen nunca da casa. Ás veces pregúntome se son máis felices os gatos que andan libres na rúa e que, hipoteticamente, poderían cazar un paxaro. Os meus gatos deben limitarse a ver voar as gaivotas desde a fiestra e o seu instinto indúceos a soltar un son gutural de caza. Pero despois penso que os meus gatos están sans, viven moitos máis anos, nunca padecen a anguria de ter que buscar comida e tampouco lle teñen medo a ningún depredador.

Conciliar liberdade e seguridade é labor dos políticos e materia de debate das humanidades. Non todo ía ser ciencia.

Comentarios