Opinión

O voto conservador ten lóxica pero non futuro

Que sentido teñen as escolas de enxeñería galegas se só unha minúscula parte dos seus estudantes poderán traballar aquí?

Hai anos era bastante común ler a frase de Marx: “Os filósofos limitáronse até agora a explicar o mundo, o que hai que facer é cambialo”. Pero o propio Marx tamén sabía, grazas á experiencia de Blanqui, que o voluntarismo pode resultar inútil se un non é capaz de analizar ben o funcionamento da sociedade.

O nacionalismo debe parte da importancia que tivo nas últimas décadas á presenza de notábeis economistas nas súas filas: Suevos, Beiras, Facal, Vence… 

Con todo, creo que non chegou a gobernar a autonomía porque non foi capaz de explicar nin as causas do voto conservador nin a reticencia dos galegos a darse a valer en Madrid. 

Galiza non é por tradición de dereitas, non o era en febreiro de 1936, nas últimas eleccións da República. Tampouco pode ser motivo o franquismo, porque ese problema afectou a todas as autonomías. Por último, o envellecemento parece máis unha consecuencia da propia evolución que unha causa.

Un artigo de López Facal en Praza (“A mudança económica de Galiza…”) pode servirnos para poñer de novo un pé na cuestión. Datos semellantes aparecen ampliados na parte que escribiu Edelmiro L. Iglesias para a Historia das historias de Galicia.

Poderiamos dicir que Galiza é conservadora porque, como indican os datos económicos, de 1955 a 2018 ou, se se quere, desde o Plano de Estabilización de 1959 á actualidade, a súa renda per cápita pasou de andar polo 60% da media española a igualala ou mesmo nalgún momento a superala. E porque, en algo máis de sesenta anos, viu multiplicar o seu produto económico por oito (aínda que co emprego estancado). 

É dicir, os galegos votan conservador porque, no último medio século, viron mellorar moito o seu nivel de vida. E son españolistas, a pesar de ter conciencia da súa identidade, porque viron que o crecemento recente de España foi inclusivo e igualador, cando menos até certo punto. 

O complemento desta realidade é que a poboación de España medrou un 55% de 1960 a hoxe, en canto que a de Galiza medrou só un 3,7%. Madrid, pola súa parte, medrou un 160%. É dicir, este éxito ten un prezo: a emigración. A economía galega pesa menos cada vez no conxunto de España e iso ten consecuencias. 

Galiza non é por tradición de dereitas, non o era en febreiro de 1936, nas últimas eleccións da República

O agro e a pesca ocupaban o 66% dos galegos e hoxe só o 5,6%. Un cambio radical no tocante á mellora da calidade de vida, pero que tamén preocupa cando se pensa no recente desequilibrio entre o interior e a costa, no desaproveitamento de tanta terra produtiva e na separación entre proxenitores xa vellos e fillos que, a pesar de todo, deben seguir emigrando. 

Para entender a razón desta falta de sintonía hai que volver atrás. En primeiro lugar, a Galiza do policultivo e do autoconsumo non era tan pobre como os números parecen indicar. Galiza nunca padeceu a fame de Andalucía e Estremadura. O sistema agrario galego era bastante sólido e bastante estábel, de aí entre outras razóns que durase tanto, aínda que a súa baixa mercantilización poida indicar o contrario. O que ocorre é que non todo o que existe é contabilizado polas estatísticas. E talvez agora que comezamos a valorar o medio ambiente e a criticar a globalización desmedida debamos revisar algúns aspectos daquel modelo. 

Hai que lembrar tamén que en 1936 funcionaban máis de mil sociedades agrarias, por medio das cales os agricultores se poñían de acordo para comprar a maquinaria ou os fertilizantes. O cooperativismo puido ser unha saída. Pensemos na importancia que hoxe ten o conglomerado de Mondragón no País Vasco.

Galiza necesita ser restaurada, reconstruída e modernizada. Non todo o pasado vale, por suposto, non imos volver medir en ferrados e fanegas. Pero o modelo do PP é o feísmo. Un modelo extractivo, mimético e de baixa calidade que despreza a maioría do potencial do noso territorio. Que sentido teñen as escolas de enxeñería galegas se só unha minúscula parte dos seus estudantes poderán traballar aquí? Galiza merece un futuro semellante ao doutros pequenos países europeos. Por que só o nacionalismo é capaz de imaxinalo?

Comentarios