Opinión

Por que votei PP

Obviamente, eu non votei PP, pero si o fixeron veciños do meu edificio, a muller da tenda que me vende a froita e moitas persoas coas que coincido no bar. Naturalmente, sei como pensan.
    
Sei perfectamente que lles molestan, e moito, as noticias sobre corrupción. Agachan a cabeza e, o día que se publican, esperan de min que, por educación, non llas recorde. Por suposto, cren que a corrupción constitúe un problema grave e que os culpábeis merecen o cárcere, pero tamén opinan que as demais forzas políticas non están libres dela. Se até na China comunista, como oíron dicir na televisión, a corrupción é un dos principais problemas! Cren, con certa razón, que o feito de aproveitarse dalgunha vantaxe de modo inxusto é un característica do ser humano.

Cren que a corrupción constitúe un problema grave e que os culpábeis merecen o cárcere, pero tamén opinan que as demais forzas políticas non están libres dela. Se até na China comunista, como oíron dicir na televisión, a corrupción é un dos principais problemas!

Pero, o principal non é isto. O importante é que case todos os cidadáns coincidimos nos problemas que nos preocupan: paro, corrupción, etc. A diferencia entre unhas ideoloxías e outras, entre unhas persoas e outras, radica no valor que lle outorgamos a cada problema. É coma neses exames nos que un pode acertar tres preguntas de cinco e suspender, porque resulta que as dúas que fallou puntúan máis.
    
Algo parecido sucede cos votantes. Cada un concédelle a cada problema un peso distinto á hora de tomar unha decisión.

A serenidade e o aparente bon senso de Raxoi dálle votos e os seus erros resultan, para moitos votantes, simplemente unha anécdota que contribúe á humanizar o personaxe.

Á inversa, as imaxes dun mitin de Podemos, onde moitos dos asistentes mostran un aspecto, digamos, hippy, non convencen a esa mesma parte do electorado. Esa clase de votante pode saber que nese mitin está presente a súa filla, o seu neto ou o seu cuñado, pero non cre que ese tipo de persoas sexan as máis adecuadas para gobernar o país.

Son criterios que eu, por suposto, estou lonxe de compartir, pero que entendo e non me sorprenden.

Un votante calquera do PP non se confía en persoas que exhiben o seu lesbianismo, que poden fumar marihuana e que defenden, por sistema, a entrada no noso país de inmigrantes e refuxiados. Prefire que as cuestións de sexo se leven con discreción e opina que non podemos abrirlle a porta, sen máis, aos inmigrantes subsaharianos porque, de facelo, virían a miles, quizais a millóns e o noso sistema económico resultaría insostíbel.

Isto non quere dicir que esa mesma persoa non lamente a situación dos refuxiados sirios e mesmo pode estar disposta a facerlles algún tipo de donativo económico.

Os votantes do PP están contentos coa apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Para eles, o máis importante é que se abrise, aínda que, por suposto, se dean conta da baixa calidade da súa construción e non lles guste nada que se reducise o número de médicos. Sobre a súa privatización, opinan máis ou menos isto: “Se a Xunta non tiña cartos, así polo menos púidose facer”.

Por suposto, calquera pode opoñer datos e argumentos en contra. É máis, iso é o que se debe facer. Pero, antes de nada, o que se trata é de asumir o feito de que o votante maioritario do Partido Popular nin é moito máis inmoral que outros nin sostén posturas carentes cando menos dalgunha lóxica.

O que se trata é de asumir o feito de que o votante maioritario do Partido Popular nin é moito máis inmoral que outros nin sostén posturas carentes cando menos dalgunha lóxica

El, cando vota, pregúntase, por exemplo, que estabilidade lle dará aos seus aforros o líder que chegue ao poder. E, se eses aforros son poucos, máis razón para tratar de conservalos. Ademais conta co aprezábel apoio do refrán: máis vale mao coñecido que bo por coñecer. A maioría dos seres humanos preferimos estar o bastante seguros antes de cambiar algo nas nosas vidas, sobre todo se ese cambio se presenta como grande ou radical.

Certo que hai votantes, e sobre todo dirixentes, do Partido Popular, corruptos, racistas e sexistas e que ademais consideran que o réxime de Franco foi un éxito, pero numericamente non pode afirmarse que estas sexan as características principais da maioría do electorado conservador.

Creo que o modo de razoar da maioría dos votantes do PP é lóxico, pero tamén superficial, ás veces carente de perspectiva e pouco esixente. Pero tamén penso que moitos dos que votan a esquerda pecan de esquemáticos. 

Creo, en fin, que botarlle a culpa dun determinado resultado electoral os vellos ou falar da inmoralidade dos electores é unha reacción simplista que non axuda a que se produza ningún cambio.            

Comentarios