Opinión

Venezuela e Cataluña, o medo a opinar diferente

A calquera comentarista lle resulta difícil, hoxe, falar de Venezuela ou de Cataluña. A non ser que se conforme con poñer algunhas énfases sobre ideas que xa lle veñen escritas. O desobediente, o heterodoxo —palabra tan propia da historiografía española—, corre un altísimo risco de non ser publicado e, desde logo, de ver impresa enriba súa a marca dos que deben ser excluídos de contratos, viaxes, invitacións e congresos.

Non se crea que todo o mundo obedece. Hai moitas persoas cultas, bos analistas, que prefiren a verdade ou, cando menos, a dúbida. Aínda que só sexa porque saben que a historia sempre se escribe así, con poderes que cegan e intelectuais, algúns, que iluminan.

Só con abrir un pouco os ollos, vese que as informacións oficiais sobre o que sucede en Venezuela e Cataluña resaltan polas súas descontextualizacións, pola súa falta de perspectiva e, en efecto, polo uso de mentiras flagrantes. Un artigo de portada de The New York Times e outro de La Vanguardia –nótese que non cito os medios máis decantados– chamáronme hai poucos días a atención polo uso ostensíbel de afirmacións sen ningún tipo de contraste ou apoio na realidade. Eran simplemente fakes. E non estaban en twitter, nin en facebook nin creo que tivesen a súa orixe en Moscova. 

Onde quedan as regras sagradas do xornalismo, en que lugar queda a democracia que se ampara na liberdade de expresión, na independencia do poder e na obxectividade?

As informacións oficiais sobre o que sucede en Venezuela e Cataluña resaltan polas súas descontextualizacións, pola súa falta de perspectiva e, en efecto, polo uso de mentiras flagrantes

 

Como aludir ao respecto xurídico cando se teñen os pés sobre simples fakes, distribuídas precisamente polos medios chamados de prestixio? 
Merecen realmente o noso respecto eses medios? Debemos aceptar as supostas verdades, reiteradas por prensa, radio e, sobre todo, televisión (os vellos medios, pero que seguen sendo, con moito, os máis influentes)? Debemos deixalas pasar, aínda sospeitando que estamos a ser cómplices dunha inxustiza?

Creo que hai que respectar o medo de moitas persoas, serias e honestas, a opinar. Incluso creo que hai que respectar os seus equilibrios para manterse equidistantes. A equidistancia tamén paga un prezo, pero bastante menor. Todos estamos obrigados a atender as necesidades do presente (“hai que comer”, dito de modo vulgar).

Con todo, non podo deixar de lembrar agora a vella frase de Orson Welles, nos anos do macartismo: moitos franceses colaboraron cos nazis para salvar a súa vida ou a da súa familia. Aquí, nos Estados Unidos, moitos colaboran só por salvar as súas piscinas.
 

Comentarios