Opinión

Son eu europeo?

Unha amiga de IU fálame das vantaxes de pertencer á Unión Europea. Non é unha devota pero nótase que se sente cómoda con esa cidadanía. Eu non digo nada. Estamos de acordo en moitas cousas, mais neste caso teño dúbidas. Síntome europeo? De que forma? Con que intensidade? Formar parte desta estrutura política ás veces confúndese con ser europeo no sentido cultural e xeográfico. 

Para min Europa é un monte cun castelo, situado máis ou menos no centro dunha cidade pola que pasa un río. É dicir, para min Europa nace co medievo e co cristianismo e tamén co latín. O propio alemán actual procede da tradución que fixo Lutero da Biblia. Esa imaxe de Europa que teño na cabeza reprodúcese de Romanía a Escocia e de Rusia a Portugal. A cultura rusa, incluída a da parte asiática, é esencialmente europea. Como non sentirse cómodo en calquera lugar de todo este territorio? Son europeo logo. Recoñézome na súa historia e entendo os seus pensadores, desde os filósofos presocráticos ao Weber que inventou esa teoría de que a ética protestante está na orixe do capitalismo.

Pero Europa é tamén o mundo colonial. Hai pouco máis de cen anos, os belgas que recollían caucho no Congo cortábanlle as mans aos congoleses desobedientes. Hai fotos de cestos con ducias de mans e brazos. Na capital europea aínda hai monumentos ao Rei Leopoldo. Este egoísmo sen escrúpulos do vello continente non é algo antigo. Os gurkas británicos traumatizaron a toda a xeración de mozos arxentinos que loitou nas Malvinas. En todos os países se cometen atrocidades, dirán algúns. Certo, pero de existir unha universidade onde aprendesen a usar o terror, esa universidade estaría por dereito propio sobre o chan da actual UE.

O supremacismo é un vicio moi europeo. A hexemonía norteamericana é aplicada ás veces con inocencia, en comparación coa hipocrisía coa que se moven aínda hoxe os gobernantes da Unión Europea. A ópera de Salzburgo, Madame Bovary e os actos de fe cos que nos reafirmamos cada día nos dereitos humanos, esconden, como sinalou Brecht, que desde a Basílica de San Pedro ás exposicións universais de París, todos os grandes edificios da maioría das capitais europeas, magníficos e dos que estamos orgullosos, están feitos con diñeiro expropiado, están construídos sobre ríos de sangue que farían bordar os sumidoiros de cada unha desas cidades. Sábese cal é a historia do Museo Británico, pero non é necesario ir tan atrás. O Banco de Inglaterra acaba de roubarlle ducias de millóns de dólares en ouro a Venezuela amparándose na autoproclamación de Guaidó. Guaidó desaparece pero os cartos non se devolven. 

Non. Non é só a historia. A Unión Europea, a das bolsas Erasmus e a do interrail (quen nos dera ter vinte anos para desfrutalo), é ao mesmo tempo unha construción turbia que encerrou a ética nas súas bibliotecas e entre os seus comités de sabios, pero que non deixa que esa ética pise a rúa, non deixa que esa ética, esa liberdade, igualdade e fraternidade, se vexan nos barrios, nas banlieue nin baixo os invernadoiros de plástico que cobren unha boa parte de Almería. Non é xa o problema que tivo Europa cos xudeus, desde moito antes do nazismo, nin o dos máis de trescentos alxerianos guindados mortos ao Sena, cando Alxeria loitaba pola súa independencia, masacre por certo escurecida até hoxe mesmo polos medios de comunicación. É moito máis. 

Pero, ben. Digamos que acepto toda esa historia e que prefiro fixarme na parte boa que tamén é importante. O problema é que a día de hoxe non me identifico co ministro alemán que humillou Grecia, nin con que se siga permitindo que os ricos europeos non paguen impostos porque para iso inventaron microestados como Luxemburgo ou Mónaco. Un sistema de evasión fiscal que agora xa adoptan algúns Estados máis grandes como Irlanda, Holanda (e a comunidade de Madrid).

Non. Ser europeo non fai que me identifique con eses intereses, con ese Goberno fundamentado na mentira e que ás veces dá a impresión de usar "a alta cultura" como taparrabos das súas vergoñas. Eu vexo cando menos dúas Europas. E unha delas non me gusta.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios