Opinión

Somos un pobo covarde?

Un conto de hai máis ou menos un século, bastante difundido na época, narraba como catrocentos segadores que regresaban a pé desde Castela encontráronse de pronto fronte dous ladróns que lles levaron todo. Pero como é posíbel? Preguntáronlle despois a un deles. É que nos rodearon, respondeulles o interpelado. A primeira vista, esta clase de historias podería formar parte da nosa particular “lenda negra” propiciada desde unha literatura castelá que nos dedicou bastantes burlas. Seguramente é así, pero eu ás veces pregúntome se non haberá algo de verdade na acusación.

O meu amigo Henrique Albor, persoa intelixente e ilustrada, atribúe esa suposta covardía á nosa asunción dunha derrota histórica. De ser certo, a miña dúbida é: até cando vai durar? 

Aínda que non se formule explicitamente, no nacionalismo subxace desde hai tempo a mesma cuestión. Algúns grupos independentistas adoptaron puntualmente a violencia precisamente para apartar de nós a idea da covardía histórica. O camiño escollido, en cambio, pareceu sumilos noutra derrota máis. 

Existe o debate público en Galiza? O filósofo Antón Baamonde negouno xa varias veces. mellor diriamos que hai pouco

No relato nacionalista do Bloque nunca se mencionou nada relacionado coa covardía, quizais por aquilo de non ofender ao pobo que se quere representar, pero si hai alusións indirectas pero frecuentes á falla de confianza nas propias forzas. O nacionalismo sería de por si a contrapartida a esa debilidade, sería a expresión da Galiza que confía en si mesma e que, polo tanto, non é covarde.

O mesmo, pero aínda con maior énfase, foi o que defendeu en particular Camilo Nogueira. O del foi un combate insistente contra o noso habitual “deixarse ir”. A súa persoa representa o optimismo e o voluntarismo, non exentos de sentido da realidade. 

Con todo, se lle preguntásemos a alguén da CIG, diríanos que a análise que vimos facendo está errada. Partindo de datos oficiais, demostraríanos que en Galiza hai anualmente máis mobilizacións e protestas que na maioría dos outros puntos do Estado, se ben os medios de comunicación escurecen de cote estas cifras.

Mudemos o posto de observación. Calquera que coñeza o noso campo sabe que moitos votos, sobre todo municipais, se gañan apenas coa promesa de, por exemplo, unha contrata temporal, talvez dun só mes, nas brigadas contraincendios. En cifras, un ingreso anual de mil euros escasos pode garantir o voto non xa dunha persoa, senón tamén de todos os seus familiares. Non hai alternativa? É venderse barato? É covardía? Estamos a falar de certo sector social aínda bastante numeroso. Pero as vilas e cidades tampouco se libran de mostrar exemplos semellantes. Unha boa socioloxía, a nivel micro, podería dicirnos moito ao respecto.

Temos medo a perder unha axuda, a que nos neguen o favor, a que nos rexeiten nunha praza, pero tamén a que nos critiquen ou nos insulten

Vaiamos agora ao ámbito da opinión. Existe o debate público en Galiza? O filósofo Antón Baamonde negouno xa varias veces. No mellor dos casos, diriamos que hai pouco. ¿Será sempre por culpa dos periódicos que non deixan máis marxe que o que a Xunta ou a propia ideoloxía dos seus donos permiten? En parte, si. Pero algo de responsabilidade haberá tamén no que eu creo “excesiva adaptación ao medio” por parte dos opinadores.

Aínda chama máis a atención o medo a discrepar de grupos sen capacidade para quitarlle a ninguén “o pan dos fillos”. Temos medo a perder unha axuda, a que nos neguen o favor, a que nos rexeiten nunha praza, pero tamén a que nos critiquen ou nos insulten nas redes. Unha vez inoculado, o medo esténdese a todo.

Ten medo, e este é o máis grave, a clase dirixente galega, un medo histórico que Fraga veu temporalmente a contradicir, aínda que máis na aparencia que na realidade. Feixoo, como se dicía na mili, é o grande “escaqueador”. 

Sobre este mesmo tema da covardía fixera xa Ortega, en España invertebrada, unha suxestiva análise: “En Galiza, terra pobre habitada por almas rendidas, suspicaces e sen confianza en si mesmas, o particularismo será reentrado, como erupción que non pode agromar, e adoptará a fisionomía dun xordo e humillado resentimento, dunha inerte entrega á vontade allea, na que se libra sen protestas o corpo para reservar tanto máis a íntima adhesión”.

Comentarios