Opinión

A sensación térmica que causa a política, na era da internet, pode levarnos a tirar conclusións equivocadas

Durante os primeiros anos da democracia, a metade da poboación galega non exercía o seu dereito ao voto. Nas provincias de Lugo e Ourense, a abstención acadou o 56 e o 59%, en varias ocasións. Os motivos eran o medo, a ignorancia ou ambas cousas. Moitas persoas tremían ao pensar que, se votaban, ían “quedar alí anotadas”. Ese silencio daba pé a interpretacións moi abertas. O BNPG felicitouse, despois de varios comicios cun elevado abstencionismo, de que moitos galegos lle desen as costas ao sistema que estaba nacendo e que aínda non se consideraba asentado. 

En efecto, aquel silencio electoral da metade da poboación, silencio que en realidade abarcaba case todos os aspectos da vida política, podía facer crer nas posibilidades dunha inconcreta e difusa insurrección popular. Algúns mozos imaxinábana como unha masiva marcha de tractores en dirección a Santiago, na liña dos versos de Novoneira, que anunciaban a viaxe “do Courel a Compostela por terras liberadas”. A maioría da poboación vivía aínda no campo. No nacionalismo da época había unha sombra de maoísmo.

Os feitos ocorreron doutro modo. En moitos daqueles lugares nos que sobranceaba a abstención, anos despois comezou a suceder exactamente o contrario. A participación en moitos concellos rurais acabou sendo alta e moitas veces incluso superior á das cidades. Nalgúns casos, o número de sufraxios supera o de residentes, por mor do voto emigrante. 

A finais dos setenta e primeiros oitenta, aínda vivían moitas persoas que coñeceran a liberdade da República e a represión posterior. Sabían o prezo que pagaran, eles ou os seus veciños e familiares, por significarse. As xeracións posteriores, en cambio, non sabían nada da República, non tiveran, por exemplo, un mestre laico, como o que retratou Rivas en A lingua das bolboretas. Pola contra, foran adoutrinadas polo español-catolicismo. As distintas actitudes políticas non viñeron así tan determinadas pola profesión de labrego, como pola moi diferente experiencia vivida.

Desde hai uns anos, non máis dunha década, estamos presenciando o fenómeno contrario ao daquel mundo abstencionista. Non só se pode afirmar que todas as persoas participan, dun modo ou outro, na vida pública, senón que a vida pública está entrando a gran velocidade na esfera privada. Moi pronto, non quedarán vellos que non estean nas redes. Xa non hai sectores silenciosos. A sociedade con paredes de cristal. 

Este novo marco non é máis que a última etapa da participación das masas na ágora política, comezada a finais do século XIX, coa universalización do sufraxio e o nacemento da prensa. Aínda que ás veces poida parecer o contrario, estamos vivindo unha consolidación da democracia. Ben ou mal, todos opinamos. E, como consecuencia, o poder sente a necesidade de modificar e estender os mecanismos de control. 

Aínda que ás veces poida parecer o contrario, estamos vivindo unha consolidación da democracia. Ben ou mal, todos opinamos

 

Xa non se trata de guindar as urnas, cheas de votos, ao río, como tantas veces sucedera no tempo da Restauración e aínda nos anos trinta do século pasado, senón de aplicar unha morea de mecanismos que van desde a aprobación de leis coercitivas, aos intentos de desprestixio das redes sociais, de modo que quede xustificada unha posterior censura. 

Hoxe vivimos nunha sociedade máis preparada e máis informada. Desde 1977, o número de institutos e de prazas universitarias multiplicouse case por dez e o de xornalistas quizais por vinte. Pero foi a internet e os móbiles os que provocaron o gran salto.

Por suposto, quedan zonas opacas. Pese a todo o que se sabe sobre a corrupción, é moi pouco aínda o que coñecemos da corrupción do PP galego. Non existe? É unha excepción? Ou do que sucedeu cos Bancos Pastor e Popular, absorbidos con inusitada rapidez polo Santander. En Europa existe unha rede de máis de cincocentos xornalistas traballando para esclarecer o funcionamento dos paraísos fiscais e aínda non sacou á luz nin o 1% do iceberg. As zonas máis sensíbeis seguen sendo opacas, seguen a cuberto da información e do escrutinio público.

Pese a todo o que se sabe sobre a corrupción, é moi pouco aínda o que coñecemos da corrupción do PP galego. Non existe? É unha excepción?

 

Pero outras accións si son públicas. As cargas policiais, por exemplo. Aínda que o goberno aprobase unha lei que penaliza as fotografías, quen pode impedir que alguén, desde un balcón, obteña as imaxes e as distribúa?

Este foi o motivo de que as cargas do 1 de outubro en Cataluña fosen máis suaves que as que se producían no franquismo e incluso na Transición e de que, á mediodía, o goberno dese a orde de paralizalas. Se aumentou o nivel de alarma e protesta é porque todos as puidemos ver. Do mesmo modo que o aumento das denuncias de abusos sexuais non indica que se produzan máis casos, senón que se toleran menos. A visibilidade xera un aumento da conciencia e reduce a tolerancia.

O aumento do nivel cultural, o fin dos medos que creara a ditadura e a crise, provocaron así un incremento aritmético da participación política. As novas tecnoloxías provocaron un aumento xeométrico. A política vívese cunha extensión e intensidade, como só sucedía en tempos de guerra, e cunha inimaxinábel rapidez. A internet e os móbiles crean unha sensación térmica moi superior á temperatura política real.

A política vívese cunha extensión e intensidade, como só sucedía en tempos de guerra, e cunha inimaxinábel rapidez

 

Esta intensidade ten outro efecto. As persoas non soportamos niveis moi altos de tensión durante moito tempo. Por iso é necesario cambiar. A un acontecemento sucede outro. Á euforia españolista, tras o Mundial de Sudáfrica, sucedeu, case de inmediato, a acentuación da crise e o subseguinte desprestixio da marca España. Os alumnos que na primaría presumían coa súa camiseta da selección, chegados á secundaria afirmaban, sen dubidalo, que de maiores todos ían emigrar.

Actualmente, non son xa só as elites ou as persoas que antes se dicían instruídas as que opinan. Agora, todos opinan e esa polifonía inquieta o poder que se sente máis inestábel. Xa non se trataría dunha insurrección, liderada por unha vangarda, como a daquel Outubro de hai un século en Rusia, cando os bolxeviques derrubaron o poder case dun sopro, senón dunha toma de conciencia bastante máis ampla. Ante este novo “desafío” –o propio poder emprega esta palabra– os medios que difunden o discurso oficial deben ser máis activos e diversificados. Os vellos periódicos en papel e as principais cadeas de televisión despréndense da horma da obxectividade e convértense, cando é necesario, en medios activistas.

Os golpes, no ring político, sucédense, pero agora con máis rapidez e, se non con máis violencia, si con máis efectismo. O debate parécese, en certo modo, aos combates de pressing catch e as batallas de paintball. Os españolistas son máis españolistas e os independentistas máis independentistas. Os gritos e as exclamacións son máis elevados que nunca pero os danos físicos resultantes son bastante menores aos dun combate real. Lembremos que os motíns de hai un século, provocados por unha suba de prezos no portádego da cidade, acababan regularmente con golpes planos de sabre da garda civil e con varias mortes. Cada ano, había, por motivos similares, entre 200 e 300 falecidos no conxunto do Estado. Convén lembrar esta violencia para comparala coa dos tempos actuais.

Os españolistas son máis españolistas e os independentistas máis independentistas. Os gritos e as exclamacións son máis elevados que nunca

 

O progreso tecnolóxico é imparábel, como o foron sempre os avances técnicos. Creo que traerá unha profundización da democracia, pero obviamente ese cambio non se producirá sen unha forte resistencia, sen intensas vagas propagandísticas e incluso represivas. Hai, por un lado, unha tendencia centralizadora –económica e territorial– e, por outro, unha tendencia á diversidade e ao pluralismo, que se traduce en múltiples voces, non sempre fáciles de xestionar. En medio dese balbordo e desa confusión estamos vivindo.

Comentarios