Opinión

Por que seguen votando PP, se non son fachas? 

Haberá eleccións autonómicas pronto e as forzas da oposición, nas súas distintas variantes, prepáranse para enfrontarse ao Partido Popular. A batalla, tan repetida, non deixa de mostrarnos a súa faciana teatral. Poderiamos imaxinar facilmente un ogro enfrontado a un grupo de mozos. No conto tradicional, un dos mozos acerta a cravarlle unha estaca no ollo, pero o drama está en que aquí, entre nós, ninguén parece saber cal é o punto sensíbel do PP.

Levamos anos de admonicións, tribunas reiterativas e palabras grosas nos mitins, pero algo falla. 

Unha das principais raíces da vella Alianza Popular, orixe do actual PP, está en Galiza. Catro dos nove deputados que logrou nas primeiras eleccións democráticas, que lle deron a vitoria á UCD, procedían das nosas circunscricións. Na súa etapa como presidente da Xunta, Fraga gustaba de compararse con Strauss, o poderoso líder da CSU bávara, aliado permanente da CDU. E hoxe, despois de todo o visto, o PP segue mostrándose na nosa comunidade en mellor situación que en case ningunha outra parte.

Pensar, por iso, que os cidadáns galegos son máis de dereitas que o resto é, como mínimo, superficial. Vaiamos entón á pregunta clave: por que, a pesar da crise e de todo o seu corolario de corruptelas saídas á luz, o PP segue tendo bastantes opcións de repetir a vitoria? 

Pensar, por iso, que os cidadáns galegos son máis de dereitas que o resto é, como mínimo, superficial

É obvio que as circunstancias que rodean a oposición axudan, pero tamén habería que explicar por que o electorado conservador é tan sólido.

Descartando que todo el se mova por razóns ideolóxicas, creo que boa parte do electorado que vota PP faino, basicamente, por tres motivos distintos, segundo a escala territorial á que nos refiramos, aínda que nalgúns casos se mesturen. 

A nivel local, o votante pode saber, por exemplo, que o alcalde é dono, a través de testaferros, de varias empresas que gozan de concesións municipais, pero tolérao en tanto a el lle permita darlle un piso de máis á vivenda, en tanto poida pedir unha axuda para a asistenta social e en tanto lle axilice, ou simplemente non lle entorpeza, as diferentes xestións que se vexa na obriga de facer ante o concello.

A nivel de Estado, e sen contar a minoría privilexiada que loxicamente vota a favor dos seus intereses, o votante conservador sabe que os administradores, públicos ou privados, foron case sempre de dereitas e, en base a iso, razoa que só eles, que pertencen á trama “natural” do diñeiro, serán capaces de sacarnos da crise.

O ámbito galego ten particularidades engadidas. Boa parte dos xestores económicos, de todos os niveis, desde o pequeno construtor que só accede a segundas subcontratas, até o empresario que exporta granito que en Italia se venderá como autóctono, baixo o nome de “Porino”, están adscritos ao PP. En primeiro lugar, porque temos unha economía feble e polo tanto demasiado necesitada da axuda e da demanda pública. E, en segundo e máis importante, porque o PP é o defensor do modelo económico máis viábel no noso país, nas actuais circunstancias, que é o extractivo.

O PP é o defensor do modelo económico máis viábel no noso país, nas actuais circunstancias, que é o extractivo

O labor de deostar, sen comprender, a estes emprendedores económicos ofreceu até agora poucos réditos. A clave para cambiar a situación, dado que non todos serían por natureza identificábeis co Partido Popular, estaría en convencer, cando menos a unha parte deles, de que sería bo para os seus intereses, que aquí existise un tecido produtivo máis articulado, capaz de elaborar en maior medida os produtos, e de acrecentar así o seu valor engadido.

Alguén pode pensar que este punto afecta unicamente aos empresarios e que nada ten que ver coa política que debe desenvolver unha oposición progresista. Pero eu creo que ocorre todo o contrario. A esencia do funcionamento dunha metrópole consiste en controlar as fases que xeran máis marxe de beneficio. 

Nos últimos anos, a área económica madrileña fíxose cargo incluso de tarefas secundarias que até hai pouco se realizaban en Galiza (como a centralización de chamadas telefónicas de toda clase de empresas). 

A área económica madrileña fíxose cargo incluso de tarefas secundarias que até hai pouco se realizaban en Galiza (como a centralización de chamadas telefónicas)

Calquera forza, política ou económica, que poña isto en cuestión será moi contestada desde o poder. Esa é, por exemplo, a razón de que o soberanismo catalán xere unha oposición tan forte e tamén, aínda que nunha menor medida, de que o bipartito galego, sobre todo a súa parte nacionalista, fose no seu día atacado con dureza.

Se conseguimos substraernos por un momento a certas análises esquerda-dereita, demasiado esquemáticas e ás veces inapropiadas para entender a economía galega, poderiamos dicir que o momento máis lúcido do nacionalismo tivo lugar nos anos noventa, cando Beiras se fixo eco do resultado dalgunhas enquisas que mostraban que a segunda opción de voto para o 30% dos electores do PP era o BNG. Pena que Beiras se encontre tan afastado neste momento deste tipo de análise.

Comentarios