Opinión

Sartre e Beauvoir, Murguía e Rosalía

Durante o terceiro cuarto do pasado século, é dicir entre 1950 e 1975 máis ou menos, Francia exercía de faro da cultura internacional, cando a cultura internacional non fora absorbida aínda pola sociedade de consumo. E, dentro desa cultura, Sartre e Simone de Beauvoir exercían de principais figuras dun grupo social con moito prestixio, o dos intelectuais, e máis en particular o dos intelectuais comprometidos.

Os dous reunían outra condición que agora apenas é admitida: a de discrepar nalgunha cuestión fundamental e, ao mesmo tempo, a de ser aceptados polo sistema. En concreto, Sartre apoiou a independencia de Alxeria, o que non fixo o Partido Comunista Francés. Foi un dos poucos e obviamente recibiu moitos ataques e críticas por iso. Lembremos a consigna "Alxeria é Francia e sempre o será". Aínda así, en 1964 foi galardoado co Nobel, premio que rexeitou, unha decisión que lle deu máis sona que telo aceptado.

A finais dos setenta, a onda dereitista que comezou con Thatcher foi arrombando as principais figuras da esquerda internacional, atacadas con cadansúa crítica personalizada. De Sartre, por exemplo, díxose que non criticara suficientemente a URSS. Beauvoir salvouse apoiada polo emerxente movemento feminista e a día de hoxe o seu prestixio segue en alto. Sartre veu ser substituído por outra figura da época, Camus, que morrera novo. A Camus ninguén pode discutirlle a calidade de A Peste e O estranxeiro, pero si as contradicións de O home revoltado

Camus parecía máis aceptábel para o xiro á dereita que se estaba a dar no mundo da cultura. Máis aceptábel para o anticomunismo que hoxe é lei e que daquela aínda non era asumido de forma tan categórica, nin sequera polos que discrepaban abertamente de calquera colectivización. Aínda estaba moi viva a evidencia de que fora o exército vermello o que liberara Europa dos nazis. Beiras sempre citaba a Camus, nunca a Sartre. 

Con todo, son varias as obras de Sartre que conservan o seu interese. Por exemplo, dúas obras de teatro: As mans sucias (toda unha lectura obrigada para militantes e aínda hoxe unha obra case única) e A puta respectuosa, anticipo de moitas obras posteriores na mesma liña. Persoalmente, e coma outros da miña xeración nacionalista, gardo unha boa lembranza do prólogo de Sartre a Os condenados da terra de Frantz Fanon. Tomo agora ese libro do andel e atopo, entre as súas páxinas, un recorte de El País (12 de maio de 2001), coas palabras do xeneral francés Paul Aussaresses: "Non se pode vencer o terrorismo sen a tortura e as execucións". 

É certo que Sartre foi arrombado, non tanto polos franceses, como por esa tendencia internacional que mencionamos e que veu determinada pola predominancia dos Estados Unidos primeiro na política e despois tamén na cultura. Pero pregúntense que sucedeu en España con Alfonso Sastre e José Bergamín, un dos máis destacados intelectuais do antifranquismo e un dos membros da intelectualidade republicana que sobreviviron. Ambos se solidarizaron nos anos oitenta co País Vasco e ambos foron practicamente borrados da cultura española. Hoxe poucos os coñecen a pesar da súa extensa e sólida obra, sobre todo en comparación con outras figuras menos importantes e tendo en conta o amigas que son dos fastos e as homenaxes as institucións madrileñas. 

Sartre e Beauvoir seguen a ser símbolos, a pesar de todo, da lucidez radical e do adianto en moitas reivindicacións, por exemplo na idea de que o privado tamén é político. Os dous foron un exemplo da chamada "parella aberta" e nunca ocultaron senón que debateron sobre as súas relacións, ás veces por suposto non sen custos persoais. Pero que loita non ten custos? Beauvoir segue felizmente presente nos estudos e nas discusións feministas de hoxe en día. 

Cando os lembro, non podo deixar de pensar en Rosalía e Murguía, a gran parella de persoas valentes e creativas que deu Galiza. Pasou un século máis por elas, pero seguen sendo exemplo e seguen a ter validez. Con todas as limitacións, nós tampouco podemos queixarnos de falta de fontes limpas. 

Comentarios