Opinión

Por que o rock se librou da crítica feminista?

Leo un libro que acaba de saí, A roupa, a música, os mozos, de Viv Albertine, guitarrista punk e parte dun dos poucos grupos que existiron formados exclusivamente por mulleres. Está ambientado a finais dos setenta e a autora mostra unha gran sinceridade. A súa lectura tráeme, de novo, á cabeza unha pregunta: Por que o rock se librou da crítica feminista? 

O de Viv Albertine é o que hai anos se chamaría un fresco de época. Non é, polo tanto, un libro teórico nin apriorístico, pero das súas páxinas é posíbel entresacar interesantes conclusións sociais. O machismo, por exemplo, está moi presente. Entre os grupos non só se perciben os micromachismos, senón un machismo que hoxe en día soa brutal. Sen que isto signifique unha acusación específica ao punk, porque probabelmente o movemento punk non era o peor neste sentido.

Chama a atención que os estudos de xénero, cada vez máis estendidos a ámbitos diferentes, cada vez máis complexos e audaces, non teñan atendido aínda o suficiente un fenómeno tan visíbel como é o mundo do rock.

Entre os grupos non só se perciben os micromachismos, senón un machismo que hoxe en día soa brutal

 

O feminismo, tan crítico con algunhas letras de salsa e actualmente de reggaeton, por suposto con bos motivos, garda neste caso silencio ou, cando menos, móstrase bastante máis discreto, coma se lle resultase problemático afiar o lapis cando se encontra cunha chupa de coiro con cravos prateados.

Se nos fixamos nas estrelas do rock femininas, a súa presenza iníciase máis ou menos con Janis Joplin, Patty Smith, Suzi Quatro, Nina Hagen e algunhas outras, pero o número, ademais de reducido, parece esgotarse pronto. Houbo moi poucas mulleres sobre os escenarios. 

Por outra parte, as letras sexistas, fóra dos países anglosaxóns, e tendo en conta que daquelas o coñecemento do inglés era escaso, pasaron bastante desapercibidas. 

Aínda que se diga pouco, no mundo do rock predominou sempre a visión masculina. O rock que protesta contra a sociedade convencional garda, paradoxalmente, certas semellanzas estéticas co militarismo: admiración polo líder, gregarismo, actos espectaculares, uniformización da vestimenta, etc. Aínda que apareceron tamén, relativamente pronto, representantes da estética andróxina, como Bowie. E algúns membros do punk foron chamados, no seu día, efeminados.   

O rock que protesta contra a sociedade convencional garda, paradoxalmente, certas semellanzas estéticas co militarismo

 

A pesar da súa simboloxía maioritaria e da súa contundente sonoridade, o rock é tamén unha arte ambigua. A ideoloxía máis afín ao movemento, e dentro da súa propia pluralidade, talvez sexa o anarquismo. 

O rock combina as sobredoses de testosterona cunha confusa defensa da liberdade sexual. Jim Morrison, unha das súas estrelas iniciadoras, masturbábase ostentosamente ante auditorios que incluían a bastantes mulleres. O feminismo gardou xeralmente silencio ante o feito. En defensa dos seus movementos sensuais, coa man na entreperna, podería dicirse que, a diferenza das mulleres sexualizadas que se vían noutros espectáculos, aquí era o varón o obxecto das miradas femininas. 

A crítica feminista pasou bastante por alto tamén o mundo das groupies, esas pouco máis que adolescentes que corrían obsesivamente, e con pretensións moi claras, detrás dos seus ídolos. Algunhas destas mulleres, sobre todo nos Estados Unidos, chegaron a confeccionar moldes de cera cos membros xenitais das estrelas coas que acababan de manter relacións. Pero, tamén o papel das groupies podería ser interpretado como unha confusa forma de liberación, fronte á sociedade patriarcal e extremadamente puritana da época.

O rock combina as sobredoses de testosterona cunha confusa defensa da liberdade sexual

 

Entre a tribo rockeira, cando menos nos inicios, e se ben é certo que ás veces só na fantasía, as mulleres pasan de man en man. Algunhas delas, pola súa parte, tamén fachendean do número de músicos que conseguiron conquistar. Liberdade entre iguais ou opresión? A cantos cantantes de rock, mesmo hoxe en día, non lle escoitamos dicir nalgunha entrevista que el comezou a dedicarse á música simplemente “para follar máis”? 

É probábel que o feito de que tanto o rock como o feminismo nacesen na mesma época, en ambientes semellantes e cun ánimo de rebeldía paralelo, teña influído nesta moderación crítica. A liberación sexual dos sesenta trouxo debates que aínda non están de todo resoltos dentro do movemento feminista, como é o da pornografía. 

En certo momento do libro, Viv Albertine confesa que aínda nunca tivo un orgasmo. Parece que chegou a hora de que o rock, como referente social, sexa analizado, e se é necesario reinterpretado, desde a óptica de xénero.

Comentarios