Opinión

A remuda do BNG e a relación coas Mareas

É probábel que exista un consenso bastante grande sobre a necesidade de remuda do BNG.

É probábel que exista un consenso bastante grande sobre a necesidade de remuda do BNG. O que xa suscita moitas menos coincidencias é a posibilidade de pactar, negociar ou integrarse na Marea. Cabe no posíbel, sen embargo, que se tratamos de aclarar en que consiste esa refundación do BNG, tamén estaremos máis próximos de resolver a segunda cuestión, a da relación do BNG coas Mareas.

Centrémonos, entón, no primeiro aspecto. Remudar, como e para que? Desde logo, non sería útil que eu fixese aquí unha longa enumeración de asuntos a mellorar e de variantes organizativas posíbeis. Tampouco serven os chamamentos, tan repetidos, a resolver cuestións xerais e obvias: hai que traballar máis e mellor, estar máis en contacto coa sociedade, facer cursos internos de formación, etc. E, por último, sería impropio dunha organización que busca o cambio da sociedade, externalizar certas áreas, como fan os partidos profesionais que lle encargan o programa económico a un experto e a comunicación a unha axencia.

Para non perdérmonos nese tipo de detalles ou de aspectos diferentes, debemos pensar cal é o problema principal do BNG. Hai algo que inflúa negativamente en todo o demais? Pois si, hai. Trátase da idea de esencia. O problema principal radica, ao meu entender, en que algúns asumen Galiza e o nacionalismo como unha idea fixa e indiscutíbel. Desa concepción derivan outros moitos problemas. 

O problema principal radica, ao meu entender, en que algúns asumen Galiza e o nacionalismo como unha idea fixa e indiscutíbel

A idea de esencia non é desprezábel, como tampouco o é a de mito ou a de relixión. As tres se sustentan no mesmo e as tres tiveron e teñen un papel importante na sociedade. Serviron e aínda serven de guía, en momentos nos que non hai outra cousa á que agarrarse.

Se partimos dunha idea esencial, o método para comprender a realidade é, case sempre, o deductivo. É dicir, ir do xeral ao particular. 

Mais, eu penso que, polo contrario, o noso método de razoar preferente, neste momento, debe ser o inductivo. Tomemos o concreto, o que a xente ve e palpa e, a través de comparacións e razoamentos, iremos chegando a cuestións máis xerais, é dicir, ao terreo do político. Este último é o modo de proceder tradicional, por exemplo, do sindicalismo. 

O programa das Mareas era practicamente igual ao de Podemos para o conxunto do Estado. O da Alternativa pola Unidade era semellante ao habitual do nacionalismo

E agora xa podemos achegarnos ao problema da Marea. Se falamos de esencialismo, eu podo comprender e compartir en parte a postura ou o clima que en xeral se difunde desde as Mareas: rexeitamento das esencias, necesidade de construír a democracia e de organizármonos de novo, etc.  

Rexeitadas, ou cando menos deixadas en suspenso, as definicións apriorísticas, vaiamos á observación da nosa realidade. Cales son os problemas concretos que se anuncian máis veces desde as Mareas? Os recortes sanitarios, os desafiuzamentos, os casos de emerxencia social. Cales son os problemas que anuncia, con máis frecuencia, o BNG: o cerco, o leite, o naval. 

Vímolo, con claridade, cando se debateu a concorrencia ás eleccións xerais. O programa das Mareas era practicamente igual ao de Podemos para o conxunto do Estado. O da Iniciativa pola Unión era semellante ao habitual do nacionalismo, cando este trata os problemas concretos. 

A pesar da escasa conciencia nacional que hai en Galiza, estou seguro de que sería posíbel entenderse con boa parte da poboación a partir de aspectos concretos

Hai posibilidade de crear algo novo que mesture ambos? Podería ser e estaría moi ben. Pero a min, xa daquela me sorprendeu que houbese tantas diferencias. Eran dous camiños senón contraditorios, si claramente distintos.

Pero, concretemos un pouco máis. Estamos de acordo, cando menos, en temas sanitarios? Pois, en parte claro que si, pero quizais non en todo. Eu son de Monforte. Alí non se fala tanto de recortes, como de supresión do propio hospital comarcal. É dicir, a ordenación do territorio, o despoboamento, xogan un papel importante incluso cando se fala de sanidade e educación. Iso lévame a sospeitar que incluso nestes ámbitos podería haber diferencias.

Con todo, insisto en que a única forma de pactar, negociar, falar, coas Mareas é, deixar a un lado, por un momento, as definicións e centrarse nas propostas concretas. 

Pero non só coas Mareas. Esa debería ser a maneira de relacionarse co conxunto da sociedade. A pesar da escasa conciencia nacional que hai en Galiza, estou seguro de que sería posíbel entenderse con boa parte da poboación a partir de aspectos concretos. 

A remuda do nacionalismo debería partir dese cambio de orientación. Por suposto, non é algo novo. Esta metodoloxía sempre se practicou, sobre todo nos mellores momentos. Pero creo que determinados erros propios, o cambio xeracional e a crise deron lugar a unha viraxe da opinión pública que provocou disensións internas, perda de influencia, illamento social, inseguridade e un peche de filas que conduce outra volta ás esencias, á etapa fundacional. 
Cómpre entón valentía para ceder e lucidez para poñer os pés na terra, sen perderse entre a multitude de ofertas que pululan vivas e desordenadas polo conxunto da sociedade. 

Creo que o BNG ten que falar coa Marea e facelo publicamente. Creo tamén que non debe realizar ningunha exclusión partidista

As Mareas carecen de definición en moitos terreos, están moldeándose. Se o nacionalismo non inflúe en toda esa nova xeración que empeza a politizarse, resultará que se politizará igualmente, pero nun sentido mimético ao de Madrid; alleo, cando menos en certa medida, á realidade concreta do noso territorio. 

Postdata sobre Beiras. Como as noticias van rápido, despois de escribir este artigo, leo unhas declaracións de Beiras nas que, máis ou menos, di que para entrar na Marea hai que aceptar todo o que a propia Marea xa ten definido. Ante esta situación, o que interesa é a proposta que pensa presentar o BNG, posto que situarse á marxe, repetindo definicións abstractas, é realmente o que lle vai resultar máis cómodo á Marea, que xa conta con que a apoien moitos dos antigos votantes nacionalistas.

Creo que o BNG ten que falar coa Marea e facelo publicamente. Creo tamén que non debe realizar ningunha exclusión partidista. E, en liña co afirmado máis arriba, debería presentarlle á Marea unha proposta, centrada en puntos concretos, é dicir, unha especie de programa de país, pragmático e sen maximalismos autocompracentes. E iso debe facerse dunha maneira sincera e aberta. Veremos se Beiras é capaz de negar, en publico, o que veu postulando até agora, ao longo de toda a súa vida.

Con independencia do resultado que se derive destas conversas, creo que, en todo caso, sempre serán pedagóxicas para a cidadanía, nun momento importante e de tanta confusión.
 

Comentarios