Opinión

O relevo xeneracional no nacionalismo

Os cambios xeracionais nos partidos sempre son difíciles


Os cambios xeracionais nos partidos sempre son difíciles, sobre todo cando a xeración a remprazar é a fundadora. Nese caso resulta especialmente problemático porque, máis alá do relevo, o problema que se presenta é o da lexitimidade. ¿Abonda cunha votación, por máis democrática que sexa, para relevar os fundadores? ¿Non pode ocorrer que, a pesar dese relevo nominal, a súa voz siga sendo oída por unha boa parte da militancia? 

Estamos ante o problema do respecto ao pai, á xeración anterior, pero tamén ao “creador”. Ambos papeis conteñen unha gran forza mítica, en boa medida inconsciente. No caso do pai, pode deducirse facilmente da necesidade de recibir a súa “bendición” ou ben de “matalo”. No caso do “creador” a imaxe é aínda máis profunda, porque non só é o pai senón que ademais é o primeiro pai. Na nosa tradición cultural, Deus é pai e creador. A palabra grega “poesía” significa creación. Estamos ante algo que toca o inconsciente, o que significa que o seu modo de manifestarse é, sobre todo, a emoción, ben a favor, ben en contra.

O dito até aquí explica que o problema do relevo estea presente en todos as forzas políticas, organizacións sociais, Estados etc., e que o terreo no que se produce sexa, en boa medida, o da sensibilidade, que desde o exterior se observa como “irracionalidade”. 

Consciente de que o tempo humano é limitado, o normal é que a xeración fundadora coopte ou promova os que deberán ser os seus sucesores

Consciente de que o tempo humano é limitado, o normal é que a xeración fundadora coopte ou promova os que deberán ser os seus sucesores. Por lóxica, acostuman a ser persoas próximas e fieis, o que non significa menos intelixentes, senón menos ousadas. Esa capacidade de xestión comprobada pero tamén esa falta de atrevemento, son as que converten os dirixentes cooptados en aptos para situacións de estabilidade, pero tamén en menos apropiados para momentos de crise, nos que habitualmente se esixen cambios profundos. 

Creo que moitas persoas estarán de acordo en que o nacionalismo de hoxe conta con bos cadros, que non participaron na fundación da organización, persoas xenerosas e intelixentes, pero tamén ás veces dubidosas e incapaces de dar de si todo o que poderían. Cústalles tomar calquera iniciativa que poida molestar a ese pai que respectan e, como actuais administradores, temen ser eles precisamente os que boten a perder a súa creación. Son bos fillos, pero ser bo fillo non é suficiente ás veces para levantar a empresa.

A pesar do recente resultado electoral, penso que os candidatos e a campaña de Nós.Candidatura Galega mostraron a capacidade desa terceira xeración nacionalista e dixital

A comparación co mundo empresarial creo que non resulta, neste caso, inadecuada. Hijos de Rivera, empresa fabricante da cervexa Estrella de Galicia, debe o seu actual éxito á súa habilidade para abrir mercados, mellorar a distribución e modernizar a súa imaxe publicitaria, sen deixar por iso de homenaxear e enorgullecerse das súas orixes, aspecto este último que lle proporciona “autenticidade” e imaxe diferenciada. 

Cando o problema non se resolve adecuadamente na segunda xeración, a marca corre perigo. Ou toma a responsabilidade unha terceira ou a situación esmorece. 

A pesar do recente resultado electoral, penso que os candidatos e a campaña de Nós.Candidatura Galega mostraron a capacidade desa terceira xeración nacionalista e dixital. Non é só, por suposto, unha cuestión de idade física, senón, sobre todo, de mentalidade e de linguaxe.

O que nunca debería facer a xeración fundadora é pisar os gromos novos.  

  

Comentarios