Opinión

O referendo do 78 contado ás novas xeracións

Hai poucos días, unha xornalista fíxome varias preguntas sobre o referendo da Constitución e sobre o ambiente daquela época. Conteille algunhas anécdotas. Por exemplo, como ao final da festa dalgunha parroquia rematabamos todos cantando o himno galego, moitos incluso co puño erguido, e sen que viñese moi a conto. Lembreille a cara que puñan moitas mulleres, criadas nun ambiente relixioso, cando pasaban ao lado dun quiosco de prensa no que estaban expostas máis dunha ducia de portadas de revistas pornográficas (daquelas a chegada da pornografía considerábase parte do novo ambiente de liberdades). E describinlle o que sentiamos algúns mozos “de provincias”, que estudabamos en Madrid, cando percorriamos aquelas rúas tan anchas, manifestándonos por calquera motivo. Faleille tamén de como por toda Galiza se comezaron a convocar conferencias para falar, con toda liberdade, da nosa historia.

Chegado un momento, a xornalista, que parecía comprender ben o ambiente que lle describía, adiantouse e díxome: “Votaches “si”, claro?”. 

Decateime, ao instante, de que se viña de producir unha desconexión. Informeina de que o meu voto fora negativo. E tocábame explicalo. A pesar de que a conversa era telefónica, percibía ben a cara de estrañeza que se lle puxera á xornalista. 

Decateime, ao instante, de que se viña de producir unha desconexión. Informeina de que o meu voto fora negativo

 

Díxenlle entón que, a pesar de todo o que gañaramos en liberdade, unha parte da miña xeración vía cousas que non lle gustaban. Parecíanos un cambio insuficiente. Os xuíces do Tribunal de Orde Público pasaran directamente ao Supremo e á Audiencia Nacional. Lembreille, buscando apoio ao meu argumento, que as consecuencias desa continuidade estabamos a percibilas ben hoxe. Non obstante, pareceume que a xornalista perdera a sintonía comigo. Tamén lle dixen que a prensa daqueles días falaba, cando menos unha vez ao mes, de “ruído de sables”. O exército tivera unha influencia importante na redacción definitiva do texto constitucional, sobre todo no que concernía ás autonomías. De feito, recordeille que, poucos anos despois, o 23 de febreiro de 1981, producírase un intento de golpe de Estado. E non foi só a asonada de Tejero. As imaxes dos tanques percorrendo as rúas de Valencia marcaron un antes e un despois. A liberdade encolleuse, o medo –non como o de antes, pero un medo real– percorreu a todos os militantes e partidos nacionalistas e de esquerdas. 

A xornalista non me volveu falar no mesmo ton. Creo que xa estaba desexando rematar a conversa. E eu quedei pensativo.

Dicir que o Réxime do 78 é un franquismo sen Franco, paréceme unha boutade. As diferenzas coa ditadura son máis que evidentes. Pero ocultar que a democracia que veu tiña, e ten, uns límites claros, non decididos en ningunha votación, e que unha parte do Réxime do 78 –unha parte, non todo– é fillo directo da ditadura, paréceme igual de evidente.

E non foi só un problema dos militares ou dos xuíces franquistas. Vou lembrar só un detalle. Creo que o contou hai bastantes anos Ceferino Díaz, nun artigo. Para as primeiras eleccións de 1977, o PSG celebrou un mitin masivo na Coruña. Un membro desta forza falou entón con Ramón Piñeiro en ton optimista. Piñeiro, mellor informado, non estivo de acordo, díxolle, entre outras cousas, que aínda faltaba a influencia da Televisión. En efecto, o PSOE, que apenas tivera asistentes ao seu mitin, arrasou os socialistas galegos. 

A xornalista non me volveu falar no mesmo ton. Creo que xa estaba desexando rematar a conversa

 

Estou seguro de que, se falásemos en privado cun constitucionalista da época, con algún membro dos servizos de seguridade ou con xente similar, recoñecería, sen pudor, os límites que se lle impuxeron ás nacentes liberdades. E dirán, ademais, que é lóxico e que calquera outro réxime, nunha situación así, trataría de facer o mesmo.

Non o dubido. A historia poucas veces dá motivos para o optimismo. Pero o que non deberían é de facernos cegos. Que os tanques en Valencia saíron é un feito. Que non se permitiu a equiparación legal do galego co castelán, como aprobara por unanimidade o Parlamento galego, é outro feito. O coñecemento do galego segue sendo voluntario, mentres que o do castelán é obrigatorio, o que nos coloca os galego falantes nunha situación de desvantaxe permanente ante calquera funcionario ou entidade privada que se negue a atendernos. 

Polo tanto, non nos poden dicir que a democracia que temos hoxe é unha obra exclusiva da soberanía popular. Votamos e está moi ben. Pero tamén hai quen segue tendo “dereito a decidir”, sen pasar nunca polas urnas. 

Comentarios