Opinión

Por que Raxoi non dialoga con Cataluña?

O aristocrático desprezo de Raxoi ás peticións da Generalitat, desprezo que, non obstante, vai acompañado da puntual actuación da Brigada Aranzadi, é dicir do aparato administrativo e xudicial do Estado, é a parte máis visíbel dun status quo que non deixa de sorprender os observadores internacionais, empezando polos propios gobernos europeos cos que Raxoi mantén boas relacións. O inmobilismo español, respecto a Cataluña, resulta difícil de comprender tanto en Londres como en París, Berlín ou Bruxelas. Unha cousa é que estes países non dean o seu apoio á proposta de secesión catalá e outra que non se estrañen da falta de iniciativas políticas por parte de Madrid. 

Pero que os sucesivos gobernos españois non falen, non debatan nin aínda sabéndose nunha posición de superioridade, non significa que non actúen. Talvez resulte oportuno lembrar que Franco tampouco era un político de grandes explicacións. Para entender mellor este comportamento, parece útil recorrer a algunhas datas sinaladas.

27 de setembro de 1975. Os derradeiros fusilamentos da ditadura non viñeron motivados por unha crueldade innecesaria do réxime. En realidade, foron un aviso ante o cambio que se aveciñaba. Era un modo moi gráfico de lembrar quen gañara a guerra e polo tanto de dicir: aínda estamos aquí e seguiremos estando, a pesar de que o xeneralísimo estea morrendo. De feito, Franco finaría menos dun mes despois. Dos cinco fusilados, dous eran vascos.

Talvez resulte oportuno lembrar que Franco tampouco era un político de grandes explicacións

1977-1978. Debate da Constitución. Aínda que hoxe algúns acostuman a insistir en que a Transición estivo condicionada polos asasinatos da ETA e mesmo que os sistemas forais, vasco e navarro, foron unha concesión ao terrorismo e que por iso Cataluña non ten algo semellante, esquecendo a raíz histórica do dereito foral, os mesmos opinadores exclúen outro xénero de condicionantes que influíron decisivamente no mesmo debate. Xacobe Bastida (A nación española e o nacionalismo constitucional, editorial Ariel) lembra, por exemplo, que o artigo 2º da actual Constitución “non pode disimular o cariz marcial”. O parágrafo, hoxe non só en vigor senón moi aludido outra vez por algúns medios, “a Constitución fundaméntase na unidade de España como patria común e indivisíbel de todos os españois”, chegoulle á comisión de redactores “nun papel escrito a man, procedente da Moncloa”. Se ben “os emisarios non especificaron a que sectores había que atribuírlle a autoría do texto”, a verdade é que “non resultaba difícil adiviñalo”, tal e como apuntou o membro da propia comisión J. Solé Tura. Deste modo, o uso de terminoloxías, como “estado plurinacional” e outras semellantes, empregadas até aquel momento polos redactores, desapareceron dos debates. 

1976-1981. Máis de cen militantes de esquerda foron asasinados neste período, en manifestacións ou atentados, segundo Alfredo Grimaldos, autor de A sombra de Franco na Transición. Os autores foron a policía, a garda civil e a extrema dereita. As agresións nas manifestacións, bastante habituais, por parte de grupos paramilitares, tiñan como finalidade provocar medo entre a poboación e, polo tanto, reducir o número de asistentes. Se a lembranza da guerra estaba aínda na cabeza da maior parte dos cidadáns, estes feitos non facían máis que mantela viva. No caso de Galiza, podemos lembrar, a modo de exemplo, a carga de dúas seccións da Policía Militar contra unha manifestación anti Otan que se estaba a celebrar na praza de María Pita da Coruña, o 29 de novembro de 1981. O grupo estaba dirixido por un home de gabardina que arrebolaba unha pistola, como recolleron despois varias imaxes de prensa. Os policías militares detiveron sete manifestantes e feriron varios máis. 

23 de febreiro de 1981. A inclusión do papel do exército como garante da unidade de España fora outra das concesións que os redactores do texto constitucional tiveran que facerlle ao estamento militar. A pesar diso, a cúpula castrense non debía estar moi contenta co curso dos acontecementos, pois o 23 de febreiro de 1981, e despois dalgúns avisos anteriores, tivo lugar un intento de golpe de Estado. Pese a frustrarse moi pronto, o tejerazo tivo varias consecuencias. Unha delas foi a Loapa, lei destinada a “harmonizar” o proceso autonómico, que na práctica rebaixou “as expectativas diferenciadoras das tres nacionalidades históricas”, como ten lembrado o historiador Lourenzo F. Prieto. Deste modo quedou establecido, até hoxe, o famoso café para todos. Outra consecuencia concreta foi a expulsión do parlamento galego dos tres deputados do Bloque-PSG, en novembro de 1982, por negárense a xurar a Constitución. A nova norma fóralles aplicada de maneira retroactiva.

1993-1996 e 1996-2000. Os gobernos en minoría, nomeadamente os da última lexislatura de González e os da primeira de Aznar, que levaron a asinar pactos de estabilidade, sobre todo con CiU e PNV, acabaron ofrecendo, ante a sociedade española, a imaxe duns nacionalismos que cambiaban os seus votos por “prebendas”. En última instancia, tratábase dunha “chantaxe” e dunha inxustiza para as demais comunidades. Esta forma de interpretar os pactos, difundida por case todos os medios de comunicación e insuficientemente contrarrestada polos nacionalistas conservadores, vascos e cataláns, deu lugar a que os nacionalismos perdesen, entre amplos sectores da poboación española, a simpatía gañada ao final da Ditadura e nos primeiros anos da Transición, pasando a ser vistos como nacionalismos insolidarios. Isto deu lugar a que, a partir destas dúas lexislaturas, ao antinacionalismo herdado da época franquista, viñesen sumarse novos sectores menos ideoloxizados e autodefinidos como demócratas. 

2000-2004. A segunda lexislatura de Aznar, xa con maioría absoluta, foi a do rearme ideolóxico da dereita que conseguiu liberarse do seu “complexo de culpa” franquista. Amparada nos asasinatos da ETA, que pasaron a contar cun enorme realce nos medios, e na, antes mencionada, “insolidariedade dos nacionalismos”, a dereita recuperou por completo o pulso perdido e tomou a iniciativa. Esta capacidade para manter a iniciativa ideolóxica púxose de manifesto incluso durante os oito anos de goberno de Zapatero. Os medios de comunicación, a denominada por Arzallus Brunete mediática, tomando o nome da división acorazada, acuartelada nas proximidades da capital, viñeron substituír, desde o punto de vista da influencia política, o “ruído de sables”. De feito, na actualidade, o artigo da Constitución que encarga o exército o papel de salvagarda da unidade da patria está sendo deixado de lado incluso polo PP, probabelmente debido ao escándalo internacional que provocaría unha actuación do exército hoxe en día, por exemplo en Cataluña. Tampouco os propios militares son os mesmos que fixeron a guerra. Como contrapartida, os medios de comunicación españois están hoxe considerados entre os menos obxectivos de Europa.

Os medios de comunicación españois están hoxe considerados entre os menos obxectivos de Europa

De todo isto, podemos tirar a conclusión de que as reivindicacións dos nacionalismos sufriron un retroceso e incluso unha penalización, sobre todo nos territorios que, para entendérmonos, podemos chamar non bilingües. A esta realidade debemos, con todo, engadirlle dúas salvedades. Primeiro, a da propia Cataluña, que conseguiu usar o seu estatuto para reforzar a súa conciencia nacional e que aproveitou o fracaso económico da marca España e as denuncias de corrupción para intentar dar un salto adiante. A primeira parte desta última afirmación serve tamén para o País Vasco, aínda que os seus últimos pasos sexan cualitativamente diferentes aos de Cataluña. O segundo factor é a nova mentalidade dunha parte dos menores de 45 anos que, segundo poñen de manifesto algunhas enquisas, estarían máis dispostos a dialogar cos nacionalismos e non ven mal, por exemplo, o recoñecemento das linguas diferentes do castelán. Estes novos sectores serían os que se expresan politicamente a través de Podemos e no futuro poden ter máis influencia.

Con estes antecedentes, Raxoi teme dar calquera paso de diálogo coa actual Generalitat, porque unha parte do electorado, sobre todo do propio, está solidamente ancorada en posicións antinacionalistas. O ideólogo desa operación foi Aznar. Pero tamén cabe dicir que CiU e PNV –como de novo se acaba de ver na recente negociación entre Raxoi e Urkullu– non souberon ou non foron capaces de establecer unha pedagoxía, na liña da “nova cultura política”, reclamada en 1998 pola Declaración de Barcelona, destinada sobre todo ao electorado español e que, máis alá do “egoísmo nacionalista”, lle fale a todos do dereito a ter unha cultura propia e a administrar os propios recursos, é dicir, dunha idea plurinacional do Estado.

A derrota de Susana Díaz, e con ela da vella garda socialista, moi virada ao antinacionalismo nos últimos tempos, pode ser un factor que desequilibre, cando menos en certa medida, a outra pata do status quo. Pero este é un elemento que aínda está por ver. 

Unha maior presenza de Galiza no Estado só pode derivar do crecemento do propio nacionalismo, como factor político autónomo

E por parte de Galiza que cabe esperar? Como dixo hai pouco, o ex vicepresidente Anxo Quintana, nunha entrevista en Telemiño, “o Estado ten dous problemas e non quere ter un terceiro”. Tendo en conta o carácter estatal de Podemos, por máis que, como apuntamos, poida ser máis comprensivo cos nacionalismos que o PP e o PSOE, e tendo en conta tamén a situación particular de En Marea, que até agora deu mostras de pouca solidez interna, así como de escasa capacidade de presión nas Cortes, unha maior presenza de Galiza no Estado só pode derivar do crecemento do propio nacionalismo, como factor político autónomo. E para conseguir ese crecemento necesita afondar na análise da situación que actualmente vive Galiza, pois aínda que certas claves seguen sendo similares ás de hai trinta anos, non cabe dúbida de que a situación a outros niveis non é a mesma, por exemplo no que respecta á linguaxe política e á forma de relacionarse coa sociedade.

Comentarios