Opinión

Por que é importante que o BNG goberne?

Ante a posibilidade de que Ana Pontón acade a presidencia da Xunta en 2024, algúns nacionalistas mostran receo. En primeiro lugar hai desconfianza a respecto de cal será a actitude do PSOE. Unha desconfianza bastante fundada, vista por exemplo a actitude de Pachi Vázquez no bipartito (2005-2009). En segundo, hai temor a que a propia dinámica institucional e a presión de certas forzas vivas acaben por adormecer as reivindicacións nacionais.

Non hai dúbida de que algúns nos sentirÍamos mellor se a chegada ao goberno fose a consecuencia dunha maior conciencia galega e dunha maior mobilización social. Pero tamén hai que dicir que non existe un manual exacto de cómo executar os cambios políticos. A conciencia e a maior organización poden chegar tamén despois de que se acade o goberno, sempre que se actúe nesa dirección e as condicións acompañen. Por outra parte, as máis próximas eleccións municipais constitúen xa unha oportunidade para fortalecer ese tecido orgánico.

A visita de Pontón a Inditex e as posteriores mobilizacións de traballadoras do grupo en demanda dun maior salario parece que mostraron unha contradición no ámbito do que estamos a falar.

O BNG si poderá inverter a tendencia privatizadora da sanidade, reconstruír os medios públicos nun sentido máis profesional, impulsar de novo o tan necesario Banco de Terras

Pero é un erro interpretalo así. Por que? Porque Inditex non é nin de lonxe un dos problemas que hoxe ten Galiza, máis ben o contrario. Un conflito laboral desas características entra dentro do normal nun país estábel, mesmo avanzado, e non é algo que non se poida resolver a través da práctica sindical, como así ocorreu.

O aspecto sobranceiro que debe contemplar un goberno nacionalista non está na relación coas empresas pequenas ou grandes que funcionan máis ou menos ben, senón en romper coa inacción dos gobernos do PP. A diferenza do que pode pasar no escenario estatal ou noutros países, en Galiza non hai só un problema de mal goberno. O máis grave é a ausencia práctica de goberno e de iniciativas. Galiza leva anos semiparalizada e se non o está de todo non é grazas á Xunta, senón grazas a actividade social de empresas, traballadores e da comunidade en conxunto. Son os de abaixo os que, con grandes dificultades, se autogobernan sen apenas apoio nin planificación institucional. Mantéñense, iso si, as consabidas prebendas caciquís e a marcha consuetudinaria da política estatal.

É certo que as competencias autonómicas son insuficientes. Sabémolo pero só na teoría, porque os gobernos que houbo até agora na Xunta, coa excepción do bipartito, apenas lle tiraron partido ás que xa existen. Non chegaron nin con moito ao límite do autorizado.

Como repetiu moitas veces Camilo Nogueira, Galiza sería ben diferente de estar gobernada desde 1981 por unha forza nacionalista, como sucede en Cataluña e no País Vasco. Hoxe non seriamos libres, pero cando menos teriamos unha economía máis activa e saneada, teriamos un ambiente menos pesimista e maior confianza nas nosas posibilidades.

O programa do BNG para o 2024 non incluirá a independencia nin a propiedade pública dos medios de produción, cuestión de oportunidade a primeira e corrixida pola historia a segunda. Pero si poderá inverter a tendencia privatizadora da sanidade, si poderá reconstruír os medios públicos nun sentido máis profesional, menos mimético a respecto de Madrid e non partidista. Podería impulsar de novo o tan necesario Banco de Terras. E reformular os proxectos eólicos, dunha forma máis respectuosa co territorio e en beneficio do conxunto do tecido económico. Ou superar o papel protocolario, pero pouco funcional, que o PP lle vén outorgando á nosa lingua. Podería facer que se incrementase o peso da industria cultural no PIB.

De formar parte o BNG do goberno, a bo seguro que a Xunta non tería estado ausente da pasada reunión en Viana do Castelo sobre o eixo atlántico ferroviario. Son todas elas cuestións urxentes, máxime nun tempo de crise coma este, que axudarían a reconstruír o país e a evitar que acabemos convertidos nunha finca eucalipteira e nun destino turístico desvalorizado.   

Comentarios