Escoito a xente de dereitas falar na rúa. Hai un leit motiv e un lamento debaixo das súas palabras: "Estamos a perder o sentido común". Percíbese neles a nostalxia por un pasado máis ordenado e previsíbel. Xa non parece haber un sentido común, senón varios.
Pero non só a dereita se mostra confusa. Como entender que, ao mesmo tempo que progresa a intelixencia artificial, algunhas persoas defendan o terraplanismo? Como poden ser máis escoitados, algunhas veces, os novos gurús das redes, que os propios científicos? Esquecemos que o ser humano non só é capaz de facer cálculos fríos; tamén busca constantemente respostas e, cando non as encontra na lóxica, recorre á transcendencia, ao espiritual, a aquilo que está fóra da razón.
A época de Copérnico foi tamén a de Nostradamus. Cando Galileo e Copérnico destruíron a imaxe dun mundo ordenado, a angustia e a estupidez abríronse paso. Fronte á obstinación dos científicos medrou a crenza nas máxicas influencias astrais.
Máis recentemente, Arthur Koestler, que coñeceu ben as revolucións políticas, sobre todo a rusa, escribiu que cada paso adiante do progreso técnico deixa o desenvolvemento intelectual un paso atrás. Dito doutra forma, as consecuencias dos avances conseguidos por uns poucos científicos tardan anos en ser entendidas pola maioría da poboación.
En cada momento de aceleración da historia, a dereita, ou parte dela, busca refuxio no pasado, vólvese máis reaccionaria, no entanto a esquerda descubre que a sociedade asimila os cambios máis lentamente do previsto.
No paso do século XIX para o XX, un período tamén de grandes progresos (pensemos na electricidade, no teléfono ou na aviación), príncipes e políticos acudían á consulta de célebres visionarios e botadores de cartas. Mesmo o matrimonio formado por Marie e Pierre Curie, os descubridores da radioactividade, parece ser que asistiron a sesións de espiritismo. Na fin de contas, pensarían, a ciencia aspiraba a facer visíbel o invisíbel.
No ámbito máis político, vemos que o avance das comunicacións sincroniza as relacións económicas e sociais: os máis de vinte millóns de habitantes de Lagos (Nixeria) saben, mellor ca nunca, como viven os multimillonarios europeos; a corrente woke convive, en boa parte do mundo, cunha recuperación das tradicións e as Tanxugueiras interpretan vellas cantigas que encherían de orgullo as nosas bisavoas ao tempo que ensinan as pernas dun modo que espantaría as nosas mesmas bisavoas.
O goberno comunista chinés, que en vinte e cinco anos sacou a 600 millóns de persoas da pobreza, que vén de poñer unha nave na cara oculta da lúa e que situou o país na vangarda da física cuántica, está a promover, ao mesmo tempo, as ensinanzas de Confucio. Os seus dirixentes saben que a ciencia, por cada resposta que ofrece, acostuma a xerar dúas ou tres novas preguntas.