Opinión

A sesenta anos dos anos sesenta

En Que noite a daquel día?, un dos filmes protagonizados polos Beatles, encóntrase quizais a clave do que significaron os sesenta. Os catro mozos fan brincadeiras nun tren ante a mirada severa dun adulto que sen dúbida viviu a pasada guerra mundial, os bombardeos de Londres, o racionamento, a morte de seres queridos etc. A súa ollada pon de manifesto que non entende a frivolidade daqueles rapaces.

Noutras imaxes, os catro músicos dan chimpos sen moito sentido nun descampado. A maiores da súa alegría, que significado tiña iso? Hoxe podemos entendelo, pero para os que viviran tempos dolorosos, a actitude da nova mocidade era irrespectuosa e irresponsábel, non podía anunciar nada bo.

Se os Beatles representaron o cambio de conciencia na música, Warhol e o pop art elevan o consumismo a categoría

Outra imaxe icónica que serviría para explicar a década é a do cadro no que aparecen pintados, de forma realista, varios botes de sopa. O artista é Andy Warhol. Se os Beatles representaron o cambio de conciencia na música, Warhol e o pop art elevan o consumismo a categoría. A pintura, aínda transcendente no expresionismo abstracto, vólvese cotiá, popular. Warhol non é superficial, o que nos di é que o superficial –o consumo dunha sopa enlatada, por exemplo– é agora a norma, algo que nos interesa, que nos mobiliza. En palabras de Marx, estamos ante o fetichismo das mercadorías. Adoramos comprar, a compra dálle sentido á nosa vida.

E por que ocorre isto nos anos sesenta? Porque é aí cando se fai adulta a primeira xeración que non viviu a guerra. Non só iso. Trátase da primeira xeración favorecida por un auxe económico inusitado, pola difusión masiva do automóbil e dos electrodomésticos caseiros.

Os sesenta teñen importancia porque boa parte do que somos agora naceu naquel momento. Desapareceu a sociedade de tipo vitoriano, a das antigas fórmulas de respecto. O consumo masivo esixe compradores aos que é necesario seducir. As reverencias, incluso o medo, pasaron de moda. Na sociedade masificada dos obxectos a rixidez diferencial entre clases perde moito do seu sentido. Non só compra aquel que dispón de elevados recursos. Agora todos somos clientes. O capitalismo dá un novo salto, faise “popular”. O empresario norteamericano senta na mesa do despacho, en mangas de camisa e exprésase coloquialmente.

Agora, os obxectos da nosa vida cotiá, ao alcance de calquera, poden ser incluso arte. A música xa non precisa de grandes orquestras, nin de elaboradas sinfonías. Chega cun grupo de guedelludos atrevidos, cun ritmo pegadizo, porque son capaces de vender millóns de discos, mentres que a música clásica, coa marca de elitista, mide as súas vendas nin sequera por centos, ás veces por ducias.

Na sociedade masificada dos obxectos a rixidez diferencial entre clases perde moito do seu sentido

O crecemento económico fai a vida máis relaxada. A revolta dos sesenta non é política, salvo ao final, pero aínda así é importante, porque modifica completamente os costumes, a forma de vestir, as normas de convivencia. As mulleres comezan a súa liberación grazas á píldora anticonceptiva e á posibilidade de realizar abortos con garantías sanitarias. Ademais, a mobilización dos soldados, na última guerra, mostrara xa que era posíbel que as mulleres atendesen as fábricas e, ao mesmo tempo, mantivesen en pé a familia.

A forma de vestir sufre un cambio radical. Se antes todas as prendas debían ser a representación dunha vida seria e ordenada, agora cultívase a informalidade e o confort. O estilo “casual” nace aquí. Outra das imaxes icónicas da época é a da cantante Patti Smith e o seu compañeiro, o fotógrafo Mapplethorpe. A fotografía dos dous xuntos, ambos con vaqueiros con cortes e rachaduras na perna, é de 1968, pero podería ser de onte.

Hoxe nada diso chama a atención, pero daquela era case comparábel a un acto terrorista. A música que daquelas só se podía escoitar en locais underground e en presenza dos iniciados pasou a ouvirse en programas de radio de vangarda, pouco a pouco na televisión, para finalmente utilizarse como sintonía mesmo dun telexornal ou da volta ciclista.

Os sesenta foron un tempo de hedonismo, de cambio e de inocencia. Quizais estamos a vivir o final desa época. Quizais estamos a punto de dar un novo salto.

Comentarios