Opinión

Podemos ser optimistas, neste momento?

Hai algunhas semanas, o vicepresidente de Bolivia, Álvaro García Linera, afirmou que os gobernos de dereita ou de extrema dereita que estaban a formarse en Sudamérica, nomeadamente o de Bolsonaro en Brasil, non ían durar. Hai menos tempo, a pasada semana, o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, dicía máis ou menos o mesmo e engadía que pronto ía vir unha nova onda de esquerda, pero esta vez máis radical.

Ben se podería responderlles que a historia mostra o trunfo de partidos fascistas que carecían dun programa viábel e mesmo dunha lóxica aparente. Con todo, e a pesar do arriscado que é facer vaticinios, inclínome a crer a afirmación de Linera. Franco impúxose só grazas a unha guerra cruel e, pola súa parte, o goberno nazi foi capaz de presentar notábeis trunfos económicos: fin da inflación que caracterizara a república de Weimar, construción de obras públicas, caso das primeiras autoestradas, e impulso a empresas, como a Wolkswagen (literalmente, o coche do pobo). E iso foi posíbel, grazas, sobre todo, á colonización por Alemaña do chamado “espazo vital”, ao sur e ao leste do país. É evidente que unha parte notábel da poboación alemá encontroulle beneficios inmediatos a ser gobernados polo nazismo.

A historia mostra o trunfo de partidos fascistas que carecían dun programa viábel e mesmo dunha lóxica aparente

 

Pero, están Sudamérica ou España nunha situación similar? Non parece que Vox ou o resto da dereita vaian impoñerse militarmente, nin sequera en Cataluña. Tampouco parece que teñan receitas económicas milagrosas que nos poidan sacar da crise. Nin, por último, espazo vital que colonizar (un novo centralismo beneficiaria a Madrid, pero non o resto). 

Tampouco Trump parece en condicións de arranxar os problemas do seu país (os Estados Unidos dificilmente van recuperar o terreo perdido no comercio internacional).

Pode, si, que a extrema dereita se sosteña nalgúns países, pero non ten por que ser a receita gañadora en Occidente nos próximos dez anos.

Para o caso do Estado español, hai bastantes razóns para crer que a división da dereita acabará resultando negativa para ela. Por unha banda, a lei electoral penaliza a división; por outra, pode provocar enfrontamentos programáticos internos (como o que está a darse en Andalucía, coa proposta de Vox de derrogar as leis contra a violencia de xénero).

Hai bastantes razóns para crer que a división da dereita acabará resultando negativa para ela

 

Pero ademais, hai outra forma de ver esta deriva extremista. É a de considerar a perda do centro (a posición cómoda) como unha fuxida cara adiante e no fondo como unha derrota. Unha sociedade, salvo facendo uso da violencia, dificilmente pode sosterse sobre posicións moi retrógradas. De feito, poderiamos definir a dereita como aquela ideoloxía que asume sempre as propostas da esquerda, pero con cincuenta anos de atraso. Sirvan como exemplo, a xornada de oito horas, o sufraxio universal, o laicismo, o voto feminino, o dereito ao divorcio, a seguridade social, a liberdade de expresión, etc.

A salvo de que España colonice algún novo país e a salvo dunha matanza numerosa de cataláns, ideas como as de Vox, e incluso como as de Rivera (véxase Macron) son difícilmente sostíbeis no tempo. Se o PP de Raxoi non foi capaz de manterse no poder, pola súa incapacidade para resolver os problemas reais, tampouco parece que vaia conseguilo unha alianza de dereitas, que como únicas novidades tanxíbeis só presenta unha narrativa nostálxica e o feito do puñazo na mesa. Nin sequera é seguro que a dereita vaia ser capaz de gañar unhas eleccións. Outra cousa é que a algúns, que non pertencen a esa alianza (e refírome a algúns políticos e a algúns bancos), lles poida vir ben asustar con ela.     
 

Comentarios