Opinión

A pancarta de Torra, espello de España

A condena de Torra, por causa tan nimia, non é illada nin casual. Tampouco que a pancarta fose para defender a liberdade de expresión. Sen chegar á importancia do Estado francés nin á do imperio austro-húngaro, que inspirou a obra de Kafka, a administración española posúe tamén un elevado grado de refinamento. A pancarta de Torra é un espello que reflicte moi ben o tipo de Estado no que vivimos.

Cando México se independizou entrou en crise por falta de ingresos regulares. Perdeu de golpe o sistema fiscal que se gobernaba desde Madrid. España tamén foi un imperio e un imperio require, antes que soldados, unha boa administración.

A Inquisición movía máis papeis que aparatos de tortura. Máis importantes que os seus sotos eran os seus tombos coas declaracións conseguidas e os seus confidentes. A Inquisición é un arquivo, por certo feito desaparecer na súa maior parte para desgraza dos historiadores.

Despois da guerra, o bando vencedor comezou a recolocar o seu exército nos distintos estamentos. Os oficiais pasaron a ocupar cargos, desde as múltiples direccións do sindicato vertical, até as oficinas das nacentes caixas de aforro. Algúns antigos soldados, con méritos suficientes, acabaron de serenos. Durante o longo franquismo, até o persoal  máis baixo do réxime era capaz de amedrentar a cidadanía. Chegaba con que lle desen unha gorra oficial.

Estamos gobernados por serenos con gorra do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo. E todos os demais con medo. Non só Torra. A estes, a estes en concreto, gustaríalle volver a prohibir que as parellas se desen bicos nas esquinas.

Comentarios