Opinión

Paco Jorquera e Carles Puyol

En certa medida, Paco Jorquera parécese a Carles Puyol. Aínda que tamén o poderiamos comparar con Sergi Busquets.

Paco Jorquera non necesita presentación. De Carles Puyol digamos que era un xogador que destacaba pola entrega ao equipo, pola súa honestidade e pola súa eficacia. O máis negativo de Pujol eran as entrevistas. Un día, un xornalista, farto de non ser capaz de encher dez liñas despois de facerlle vinte preguntas, atreveuse a formularlle a cuestión clave: “Como un xogador tan importante no campo e de tanto peso no vestiario, despois nunca contesta nada?”. Puyol respondeu: “É que eu, nas entrevistas, procuro ser o máis aburrido posíbel”.

Os medios de comunicación, como ben saben Puyol e Jorquera, están para botar sal nas feridas (salvo, claro está, cando se trata das do banco que ten as accións ou das do seu partido satélite).

Pero, como a vida non é en branco e negro, os medios, ás veces, tamén lle fan entrevistas os líderes do BNG, que despois son transcritas e difundidas con aceptábel rigor.

Puyol respondeu: “É que eu, nas entrevistas, procuro ser o máis aburrido posíbel”

O resultado de moitas destas entrevistas acostuma a ser plano, hermético, falto de ideas e aburrido. Isto é debido tanto á prevención, xa mencionada, dos entrevistados como a outros motivos nos que agora non vou entrar. Só destacarei un deles: as entrevistas aos líderes nacionalistas son aburridas porque o nacionalismo carece, as máis das veces, de iniciativa política e, cando non existe a iniciativa política propia, non queda máis opción que a de defenderse dos ataques dos adversarios.

En política, coma no fútbol, a mellor defensa é un bo ataque. E o nacionalismo hai tempo que non sae da súa área. Os seus argumentos son maioritariamente defensivos: as televisións de Madrid, a falta de medios, a falta de conciencia nacional. Pero os equipos pequenos xa saben, de antemán, que deben xogar en inferioridade. Para iso ensaian, entre outras cousas, o contraataque.

As entrevistas aos líderes nacionalistas son aburridas porque o nacionalismo carece, as máis das veces, de iniciativa política

Por suposto, non é fácil acertar nin marcar a axenda política, e máis aínda en momentos de cambio e de confusión. Pero, sobre todo, non se acerta cando algunhas das propostas que se fan son pouco ou nada verosímiles, como a da República Galega, ou cando se pretende seguir o ritmo de Cataluña, coa idea omnipresente do soberanismo, nun contexto social moito menos favorábel.

A min –e sen querer faltarlle a ninguén, como dicían os vellos– tan baleiras me parecen as propostas presentadas até agora polos que queren seguir máis ou menos igual, como as dos que queren cambiar. Todas me parecen superficiais, xenéricas, repetitivas, pouco sinceras, pouco realistas e nada interesantes.

Tan baleiras me parecen as propostas presentadas até agora polos que queren seguir máis ou menos igual, como as dos que queren cambiar

É tan difícil atopar o camiño? Pois aí vai a miña resposta: pode que si ou pode que non. Na política, como na meteoroloxía, todo pode cambiar nun minuto. De repente, o ceo se abre. Pero hai que estar atento e hai, sobre todo, que preparar o terreo.

A iniciativa de “Nós. Candidatura Galega”, nas pasadas eleccións xerais, apareceu case por sorpresa e pareceume inclusiva, empática e valente. De súpeto, moitos elementos parecían terse conciliado e avanzaban na mesma dirección. Foi elaborada despois das conversas directas entre todos os grupos galeguistas e progresistas e permitiu que se conformase unha lista de candidatos, através dunhas primarias que ilusionaron directamente a seis mil persoas.

A iniciativa de “Nós. Candidatura Galega”, nas pasadas eleccións xerais, apareceu case por sorpresa e pareceume inclusiva, empática e valente

Con todo, non foi perfecta e está claro que o resultado quedou moi por debaixo das expectativas. Pero creo que habería que insistir nesa liña, tan arraigada na terra como atrevida.

Eu, ao contrario de Bautista Álvarez, que é do Real Madrid, si confío na canteira. Creo que esa confianza é a que lles permitirá crecer os que veñen detrás.

Por suposto, sen renunciar, a veteranos como Jorquera.

Comentarios