Opinión

O soufflé era Podemos

A política na España monolingüe presenta dous puntos de fricción importantes. O primeiro, entre o PP e Cs. Despois de ver o resultado das últimas xerais, Rivera xa non se conformou con facer de muleta. A vaidade pode levalo a querer ir máis alá do que os seus mentores desexarían. (Ollo co Santander que acaba de absorber o Popular, o banco que tiña máis créditos concedidos aos partidos. O Santander pode condicionar máis o pluralismo que a xustiza politizada).

O roce entre PP e Cs vai ser continuo nos próximos meses. Esa competencia desgasta e confunde o electorado.

Vox parece outra cousa. A mancha demasiado visíbel na camisa do domingo. Pon de manifesto certo descoido e quita confianza nos pactos a tres.

As máis recentes eleccións, autonómicas e municipais, coa supervivencia e incluso o éxito da dereita en Madrid, móstrannos, para o futuro inmediato, o outro punto de fricción. O PSOE está primeiro pero o PP aguanta e a capital, como se viu, é unha inesgotábel fonte de recursos para os conservadores. Sánchez non ten suficiente marxe de manobra. Calquera decisión súa vai xerar conflito e polémica. España seguirá tensa. Máis desgaste para os dous bandos.

E mentres tanto, Cataluña resiste e resiste ben. Puigdemont e Junqueras eurodeputados. Veñen nubes do continente para o xuíz activista Marchena. Máis tensión para os poderes do Estado que levan case dous anos sen un momento de respiro.

Se a historia se repetise, poderiamos vaticinar que o de Errejón será como outra daquelas saídas de diversos grupos do PCE e IU. Todas acabaron no PSOE

O soufflé non era Cataluña, como inxenuamente pensaba Raxoi, senón Podemos. Co resultado de Más Madrid na man, Errejón anuncia a creación dun novo partido de esquerda. Máis ardor guerrero. Se a historia se repetise, poderiamos vaticinar que o de Errejón será como outra daquelas saídas de diversos grupos do PCE e IU. Todas acabaron no PSOE.

En Galiza, Ana Miranda logra un bo resultado, pero nas municipais o BNG é incapaz de aproveitar o suficiente a caída das Mareas. Non lle foi posíbel apenas reforzar a súa implantación territorial pensando nas vindeiras autonómicas.

Cabe supoñer que unha parte do electorado estaba até o domingo en situación de espera. Algo que non favorecía nin a inclusión de candidatos fortes nin a ilusión dos votantes. A derrota das “cidades do cambio” reducirá previsibelmente a confusión. Vendo a táboa de resultados, en Galiza parece que volve haber tres alternativas, as tres de sempre, parafraseando a Castelao. Quen o diría hai moi pouco tempo! Nese sentido, pódese afirmar que o nacionalismo galego segue frouxo pero ten o panorama máis despexado, despois de anos de fortes dúbidas, incluídas as existenciais. Por outra parte, o BNG aproveitou este “tempo morto” para acometer unha renovación xeracional e de estilo.

Un novo bipartito na Xunta? A día de hoxe, parece incluso probábel. Estaremos ás portas dun deses momentos de “aceleración”, como di Erri de Luca, o escritor que foi militante de Lotta Continua nos setenta?

Comentarios