Opinión

O “pobo” de Mera

Manuel Mera é unha das persoas máis representativas do nacionalismo –e por suposto do sindicalismo– dos últimos corenta anos. Tamén das máis valiosas. Sempre estivo aí, sen agachar a cabeza. Quen desexe coñecer a súa nutrida traxectoria dispón dun interesante libro-entrevista, publicado por Xerais, en 2000.

Se a figura de Mera non foi aínda suficientemente recoñecida, quizais se deba aos cambios de opinión que o caracterizaron en moitos momentos. Eses cambios non son estraños na tradición arxentina da que procedía cando chegou aquí, aínda vivo Franco. Pero resultaban raros na cultura política galega.

A min eses cambios non me pareceron nunca defectos. En primeiro lugar, porque el mesmo os explicaba e argumentaba. En segundo lugar, porque Lenin foi a persoa que máis cambios tácticos realizou en menos tempo e, sen eles, a revolución rusa non tería trunfado.

Mera, digámolo dunha vez, é un intelectual. Un intelectual obreiro. Algo que custa valorar nos países abducidos pola “titulite” universitaria.

Mera foi sempre un intelectual ou cando menos cultivou sempre esa faceta, acompañando os demais labores de sindicalista. Escribiu miles de artigos, sempre ao fío da actualidade, impulsou a edición de múltiples libros de pensamento e participou na constitución de varios proxectos xornalísticos, este Sermos entre eles.

O pensamento de Mera tende á socioloxía. Gústalle apoiar as súas ideas con números. Está atento a certas estatísticas e aos cambios que se dan na sociedade, aínda que a súa terminoloxía é demasiado debedora dos conceptos de moda nos setenta.

Ademais das súas mudanzas tácticas –que nunca afectaron aos seus principios–, Mera é unha persoa instalada na crítica, algo que debe ser xustamente apreciado, sobre todo porque en ningunha parte a crítica acostuma a ser ben recibida.

Nos últimos anos, Mera distinguiuse polas súas avaliacións periódicas aos distintos liderados nacionalistas, así como aos seus cargos institucionais. Os artigos de Mera, demasiado verbosos, son como un exame trimestral que estes representantes deben pasar. O último que lle lin analizaba, minuciosamente nalgúns aspectos, a mobilización do 25 de Xullo. Coincido con algunhas das súas críticas, non con outras.

O que me resultou máis estraño e menos aceptábel, a estas alturas, é que recorra ás supostas opinións do “pobo” para xustificar as súas propias.

O nacionalismo non é un movemento menos democrático nin menos libre que outros. Polo tanto, non é necesario acudir ao “pobo” para lexitimar as opinións individuais.

Ninguén podería dicir a que “pobo” se refire Mera. Hoxe sabemos que nin sequera o de “clase traballadora” é un termo suficientemente concreto.

Como coñece Mera o que pensa o “pobo”? Como pode saber o que opinan os traballadores, con tal precisión?

Mais ben, parece que utiliza esas expresións como arma arreboladiza que serve para neutralizar as ideas dos demais. E, por outra parte, ao tratarse dunha expresión xenérica, evita que, cando se equivoca, as súas propias opinións retornen cara el como un búmerang.

De ostentar eu calquera responsabilidade, tomaríame con interese as opinións de Mera. Pero rexeitaría, bastante molesto, que tratase de darme co martelo do “pobo” na cabeza.  

Comentarios