Opinión

O nacionalismo egoísta

Deixando á marxe o franquismo e os seus epígonos actuais, cómpre preguntarse en que momento o discurso nacionalista comezou a estar tan mal visto por gran parte da sociedade. Opino que o xermolo comezou a formarse durante o derradeiro goberno de Felipe González e o primeiro de Aznar. Ningún dos dous presidentes tiña maioría e ambos botaron man dos votos de CiU para gobernar. Pujol pasou a ser esa sombra que decidía gabinetes, sen formar parte directa deles. O líder catalán, cun pasado de banqueiro, foi tamén capaz de construír unha nación –como hoxe estamos vendo– sen deixar nunca de ser banqueiro, é dicir, de entender a política como un escenario propicio para o comercio: eu douche os votos que necesitas e ti inclúes determinadas partidas nos orzamentos.

Durante os anos seguintes, a estratexia pujolista foi impoñéndose, até ser asumida incluso por forzas como o BNG, cando tivo capacidade de influencia en Madrid. Era unha política eficaz, parecía dar votos e, co seu avance silandeiro, ninguén se preguntou dentro das propias filas polas súas consecuencias ideolóxicas globais.

Foi un bo momento para o nacionalismo, pero na sociedade comezaba xa a medrar unha inquietude. Moitos empezaron a ver o nacionalismo como unha chantaxe ao Estado e como unha doutrina pouco solidaria. Os nacionalistas pasaron a ser considerados xogadores de vantaxe.

O problema non estaba principalmente na dereita que, se por unha parte entende España como algo eterno e sagrado, pola outra comprende á perfección a linguaxe comercial. Na dereita nunca houbo necesidade de sistemas coherentes de pensamento.

O problema estaba e está na esquerda, no PSOE e hoxe tamén en Podemos. Para os seus votantes –que tamén os hai e en bo número naquelas comunidades nas que está presente o nacionalismo– a solidariedade é un valor e, aínda aceptando as diferenzas culturais, ven os nacionalistas como egoístas e contrarios a un reparto xusto dos recursos, é dicir como dereitistas, digamos, territoriais. A partir desta consideración, a vía da demagoxia queda aberta e pode ser usada en maior ou menor medida: Por que pecha unha escola ou un centro médico en Estremadura ou en Andalucía? Porque os cataláns sempre queren máis.

O feito de que os nacionalismos máis fortes coincidan con dúas das comunidades máis ricas facilita, claro está, á expansión deste argumento. A prioridade de PP e PSOE de incluír a Galiza nun eixo con Castela, León ou Asturias ou incluso con Estremadura ou Andalucía, dentro dunha España doliente, na que por certo sempre se obvia a hipertrofia madrileña, ten a súa base precisamente neste factor, na súa característica de comunidades pobres ou supostamente pobres, necesitadas permanentemente de axuda.

A favor da estratexia pujolista, hai que recoñecer, non obstante, que comercio e política sempre estiveron unidos. As relacións non se poden fundamentar unicamente en ideas globais. A Unión Soviética compráballe trigo arxentino á ditadura de Videla. Non é un sacrilexio pedir máis diñeiro a cambio de apoio político, pero si é un problema cando esta é a divisa que máis se resalta e, para algunhas partes interesadas, a única.

En medio deste cada vez máis agudo desencontro, a postura de Galiza resulta crucial porque, de contar cun nacionalismo máis forte, podería facer quebrar o esquema, por outra parte simplista, dos nacionalistas como defensores de privilexios.

O nacionalismo quizais debería insistir menos na súa utilidade como posíbel conseguidor, nunha negociación orzamentaria, e máis na súa capacidade para asignar mellor os propios recursos. Deste modo evitaría, cando menos en parte, a acusación de querer munguir incansabelmente a teta oficial, idea que pon nerviosa non só a esquerda defensora da solidariedade, senón tamén a dereita atenta sempre ao déficit público.

Non se trata dunha postura estraña, vaga ou utópica, pois é a política na que xustamente xa se basearon concellos como os de Allariz ou Pontevedra. O seu éxito non provén do incremento de recursos nin do apoio das administracións superiores, senón basicamente da aplicación dun modelo municipal diferente.

Mentres que A Coruña, nos tempos de Vázquez, ou Vigo na actualidade con Caballero, ambos coa mangueira dos orzamentos ben conectada a Madrid, investiron ou invisten importantes cantidades que non provocan ningún cambio real nin beneficio sólido a medio ou longo prazo, o nacionalismo municipal, en cambio, foi capaz de esbozar con claridade un programa que, con outros matices e noutra dimensión, tamén se podería aplicar ao conxunto de Galiza.

Comentarios