Opinión

O madrileño galante

Algúns de vostedes terán visto algún capítulo da serie Mad Men. O seu protagonista principal é un home atractivo que viste traxes á medida, bo profesional, amábel coas mulleres pero tamén moi infiel. Se non viron a serie, non se preocupen. Estoume a referir ao modelo masculino de referencia vixente até finais dos sesenta, cando as revoltas sociais da época, entre elas o feminismo, viñeron a cambialo todo. E vouno comparar co arquetipo de madrileño, vixente en España até que o estado das autonomías primeiro e agora o independentismo comezaron a alteralo e a cuestionalo.

O varón que até os anos sesenta servía de modelo (falo dun modelo que se dicía a imitar non da realidade) non era agresivo coas mulleres, todo o contrario, mostrábase sempre galante. Como o Don Draper de Mad Men, pedía que lle servisen o café, pero cun “por favor” por diante. É un home de familia, sempre cariñoso coa súa muller e cos fillos, pero sobre todo centrado no traballo, adoita a chegar tarde a casa e abúrrese coas obrigas familiares.

O madrileño modelo é, pola súa parte, un home orgulloso da súa cidade, pero que nunca o dirá, porque iso pareceríalle vulgar. Madrid é tan extenso e tan variado que lle resulta suficiente. Imaxínase que podería pasar toda a súa vida sen saír nunca da cidade. Pero, por outra parte, é un ser humano curioso que tamén ama o diferente. Gustaríalle ter un apartamento en Torrevieja e aplaude con gañas os futbolistas vascos, tan nobres sempre. Se viaxa a Galicia, non ten inconveniente en tratar cos paisanos. Sabe que algunha vez tratan de enganalo, pero non lle importa. Incluso, de volta a Madrid, conta con graza, como lle deron o calote e el inxenuamente como picou. Considera que a súa famosa chulería é só unha pose simpática, aínda que é certo que sabe manexarse en todas partes.

Tamén Don Draper quere a súa muller. Pensa de si mesmo que é un bo pai e un bo marido. Cando ela empeza a ter problemas, non dubida en pagarlle un psicólogo. Até que a muller descubre unha das súas moitas infidelidades e pide o divorcio. En realidade, non entende que fixo mal.

O arquetipo masculino, como o de madrileño centralista, móvese ben no ámbito social. É onde realmente se sinte cómodo. É dicir, gústalle mandar e exercer un mando comprensivo, galante. Os problemas aparecen cando alguén lles pide que repartan ese poder. Por que a muller non está cómoda na casa? Só ten que ter a cea preparada e atender os nenos, pero el paga todo, incluso permite que vaia montar a cabalo e que organice algunha festa.

A muller, ao parecer, non necesita máis. Non é un suxeito activo e pensante. Na empresa as mulleres son todas secretarias ou mecanógrafas. Iso si, sempre deben vestirse de modo atractivo. La Coruña e San Sebastián deben lucir bonitas para o visitante. O madrileño gasta unha parte dos seus aforros nas vacacións. Só lles pide que falen na lingua de todos, de todos os homes.

Mad Men tivo moito éxito, sobre todo entre o sexo masculino. Algúns veríana con ollos críticos, pero a outros seguro que lles recorda aquela arcadia viril de “alcohol, tabaco e mulleres”. Hai tamén un madrileño nostálxico que espera que lle fagan unha serie. Este domingo haberá quen vote pola España de Di Stéfano.   

Comentarios