Opinión

O dilema de La Voz de Galicia

Hai poucos días, o colectivo que forma La Voz de Galicia celebrou un acto con motivo do 80 aniversario do seu editor. La Voz é un periódico ben implantado territorialmente. Hai algúns anos presumía de que nada sucede na nosa comunidade sen que un dos seus redactores se encontre, como máximo, a unha hora de distancia. Hoxe, coa mellora das comunicacións por estrada, tal vez ese tempo se reduciu á metade.

La Voz de Galicia, como outras cabeceiras de referencia, é unha especie de lóbulo frontal que planifica e intenta dirixir a conduta.

A pesar da crise da prensa en papel, La Voz é un medio de comunicación aínda moi tido en conta. Nas súas páxinas faise visíbel unha conciencia de Galiza. Expresan preocupación polas infraestruturas, polo futuro produtivo, polo despoboamento, pola nosa capacidade financeira ou pola redución da poboación activa. Algúns dos seus titulares, moitas veces con cifras, son citados en twitter ou en facebook, por persoas de diversa orientación.

Esa conciencia que expresa La Voz encontra, sen embargo, unha disrupción cando entra en materia política, a clave do lóbulo frontal, a toma de decisións. En política La Voz de Galicia é mimética, carece case sempre de punto de vista propio ou, cando menos, de orixinalidade. Síntese incapaz de trasladar a termos executivos as conclusións que suscita a súa información territorial, financeira, económica ou demográfica. É como se a parte política do seu cerebro estivese, demasiadas veces, desconectada da outra. 

En política La Voz de Galicia é mimética, carece case sempre de punto de vista propio ou, cando menos, de orixinalidade

 

La Voz de Galicia radiografía cada mañá o territorio sobre o que ten incidencia, pero espera a que Madrid a oriente en termos políticos.
Isto xera, sen dúbida, unha confusión entre os seus lectores, que non saben a que carta quedarse, impelidos a avanzar nunha dirección, para despois tomar o camiño contrario ou simplemente quedar quietos.

E sospeito que tamén provoca unha frustración entre os seus editores, sen dúbida conscientes de non ter sido capaces aínda de resolver este dilema.
 

Comentarios