Opinión

De ‘A Nosa Terra’ a ‘Nós Diario’

O próximo mes de xullo fará dez anos que pechou o semanario A Nosa Terra en papel e con el a editorial do mesmo nome, aínda que en soporte dixital puido prolongarse un ano máis. Ao longo de tres décadas e pico de historia, ademais de manter o proxecto xornalístico, sempre con moitas dificultades, A Nosa Terra conseguiu editar case mil libros, nos ámbitos ensaístico e infantil sobre todo, así como numerosas publicacións especiais.

A Nosa Terra foi vítima do que poderíamos chamar unha tormenta perfecta, na que coincidiron tres factores negativos: a chegada ao goberno de Feixoo coa súa ruptura do consenso lingüístico e a súa campaña contra os medios en galego, o estalido dunha crise económica moi forte e o declive da prensa en papel, co desafío aínda non superado de conseguir que o soporte dixital fose rendíbel.

Como medio de comunicación, A Nosa Terra foi durante ese tempo a voz nacionalista máis importante. Relacionada sempre co Bloque desde todos os sectores, o seu peor paradoxo consistiu en que as sucesivas direccións desta organización nunca se sentiron cómodas con ela. Algo non obstante comprensíbel, dado que a pesar da súa clara liña editorial sempre tratou de cumprir cos requisitos de independencia dos seus profesionais. En certo modo, un medio de comunicación é sempre un contrapoder e iso convérteo loxicamente nun material sensíbel. Nada por outra parte que non se poida ver noutras latitudes. Habería que lembrar a permanente tensión entre Felipe González e Juan Luís Cebrián cando ambos eran presidente do goberno e director de El País, aínda que os dous curiosamente sexan hoxe bos amigos.

Pero a historia segue e quedou demostrado que o esforzo humano que move o nacionalismo galego nos diferentes ámbitos non só non se esgotou senón que está máis crecido. Hai, sen dúbida, moita máis conciencia, medios e persoas hoxe traballando nesa dirección que hai trinta ou vinte anos.

O resultado, no ámbito da comunicación do que estamos a falar, é este Nós, un proxecto que, como diario que é, vai felizmente bastante máis alá do que foi A Nosa Terra, salvo aínda no aspecto editorial. Nós Diario e a súa larva Sermos Galiza, como A Nosa Terra no seu momento, naceron contra as expectativas, case se podería dicir que contra a lóxica. Unha proba de que o esforzo da vontade nunca debe ser desprezado. Oxalá dure cando menos outros trinta anos.

A Nosa Terra tivo moitos referentes humanos, como xa os está a ter Nós Diario, pero hai unha persoa que destacou nos dous proxectos, trátase do historiador Francisco Carballo, impulsor constante, lúcido e sempre optimista de ambos. Carballo foi unha das poucas persoas da súa xeración que apoiaron desde un inicio o nacionalismo. Carballo era un home ben informado, de prosa áxil e moderna e, aínda que cristián, en política nunca dobrou o xeonllo. Era ademais un firme defensor do diálogo, nada autoritario e que sabía escoitar.

El entendería moi ben que Nós Diario hoxe non é só un medio imprescindíbel para sacar o idioma do seu cerco, nin é só un medio para que as propostas que proveñen do nacionalismo, incluso as máis sensatas e cortopracistas, non fiquen practicamente en silencio. El sabía que esa sociedade dinámica que unhas veces crea pequenas empresas, outras defende os bosques, unhas veces solidarízase coas mulleres e outras cos desempregados ou coas carencias en tal ou cal vila, esa sociedade ten moi escasa voz na maioría dos demais medios. A saber por que.

A existencia de Nós Diario vén así xustificada non só pola causa galeguista, non só pola causa lingüística, senón ante todo pola razón democrática. A súa necesidade involúcranos a todos. A onde chamar senón cando padeces unha discriminación? Onde escribir cando un quere opinar sen a ollada censora de Feixoo pousándose sobre el? E como construír unha alternativa sen unha axenda informativa propia? Nós Diario pode atinxir hoxe aínda a unha minoría, pode ter carencias e cometer erros, pode ter que romper aínda varios corsés. Pero a súa falta supoñería un silencio destrutivo para todos e para o país.

Comentarios