Opinión

Nin a ciencia é tan exacta nin as humanidades tan inútiles

O gran debate do século XX consistiu en identificar e separar as ciencias naturais ou físicas das sociais ou humanas. As primeiras gozaron desde a Ilustración do aval das matemáticas. O descubrimento científico baséase nunhas premisas, sobre as cales se establece unha hipótese que, para ser aceptada, debe ser verifícábel universalmente, como sucede cos experimentos de laboratorio. 

As ciencias sociais ou humanas, en cambio, sempre sufriron a acusación de teóricas, de retóricas ou, algo peor, de especulativas, non en balde nalgún momento se denominaron tamén ciencias do espírito. É dicir, non parecían ciencias realmente tales. 

Os sociólogos e incluso os historiadores comezaron, por ese motivo, a recorrer aos números, aos cadros de datos, ás estatísticas. Canto máis amigo dos métodos cuantitativos, maior prestixio conseguía o autor. Un libro de socioloxía ou de economía que non contase con táboas numéricas podía ser facilmente rexeitado. 

Pero, o problema dos sociólogos que comezaron a seguir os métodos empíricos foi o de que, a pesar diso, moitas veces só conseguiron demostrar, despois de densos e custosos estudos, o que resultaba obvio desde o principio.

Os economistas, convertidos en matemáticos, comezaron a utilizar moitas curvas e fórmulas –a métrica proxectiva de Hilbert no reparto e transporte de mercadorías, poñamos por caso–, modelos moi abstractos aplicados a economías con infinitos consumidores. 

A historia económica do século XX demostrou sen embargo que nin os máis destacados expertos económicos eran capaces de predicir unha gran crise. 

Pero a cuestión fundamental non é que as ciencias sociais e humanas sexan inexactas, senón que as ciencias físicas tamén o son, salvo nas condicións do laboratorio. É dicir, son válidas como abstracción, pero ofrecen dúbidas e espazos ambiguos cando se contrastan coa realidade, unha realidade de variábeis case infinitas e en boa medida incontrolábeis, de modo que o encargado de garantir a seguridade dunha central nuclear non está, no fondo, moito máis convencido das súas teorías que o experto que aconsella investir os aforros nun determinado valor de bolsa, en base, non o esquezamos, a complexas fórmulas de rendibilidade. 

Non se trata de quitarlle prestixio aos científicos, pero si de recordar que son falíbeis e quizais tamén de que chegou o momento de poñer en valor as humanidades. O sociólogo Manuel Castells ten explicado os avances que traerán consigo, nos próximos anos, as novas tecnoloxías. Podemos mencionar só dous: a atención sanitaria non presencial, que chegará a facer posíbeis as operacións a distancia, e o ensino: clases á hora que se escolla, posibilidade de acceder a múltiples coñecementos, interacción en rede, etc. 

Tras describir esta probábel evolución, Castells lembra que todo isto choca, por exemplo, coa realidade actual das listas de espera ou co escaso uso que se fai da informática básica actualmente nos centros de ensino. E conclúe afirmando que estamos a vivir unha gran modernización tecnolóxica en medio dun enorme atraso social.

Hai así un desfase entre o desenvolvemento da ciencia e a súa asimilación. Mesmo, existen casos nos que parecen camiñar en sentido contrario: tecnoloxías para facilitar a vida e ideas que parecen querer retrotraernos a un pasado escuro. En último extremo, poderían conducirnos a unha sociedade de relacións case feudais pero con técnicas futuristas.

E ese é o lugar onde cobran importancia as humanidades. En certo sentido, a historia, a socioloxía, a filosofía e as artes en xeral funcionan como un laboratorio científico. Nel vemos representados os seres humanos. Grazas ao que xa sabemos do pasado e a través da imaxinación podemos coñecer ou simular a maioría das situacións posíbeis e así saber cales serían as nosas reaccións e a partir de aí crear alternativas, medir o noso potencial e tomar decisións.

A ciencia pode ser fría e máis ou menos exacta, pero para que nos sexa útil debemos coñecernos antes a nós mesmos que tendemos a ser débiles e sentimentais.

Comentarios