Opinión

Necesitamos aínda un partido duro e contundente?

A moitas persoas, dada a situación actual do nacionalismo, o primeiro que se lles ocorre é pedir unha refundación en toda regra.

A moitas persoas, dada a situación actual do nacionalismo, o primeiro que se lles ocorre é pedir unha refundación en toda regra. Eu mesmo comparto esa opinión. Podemos avanzar un pouco máis e pedir tamén a autodisolución da UPG, un partido fundado, lembremos, en 1964. O argumento é sinxelo e non resulta novidoso: unha vez coñecido o fracaso do socialismo na URSS e noutros países, non ten sentido manter aquí un partido que se define como comunista. Cómpre unha reformulación das estratexias.

O curioso destas propostas está en que, mesmo dentro do mundo dos militantes e simpatizantes, podemos atopar opinións diametralmente contrarias, defendidas, nos dous casos, con ardor. Uns falan de fracaso e aluden ao principio de realidade. Outros seguen aferrados ás vellas posturas, probabelmente porque unha nova situación traería para eles unha grande inseguridade. Manter o pensamento sobre bases preestablecidas resulta sempre cómodo. Ademais, para toda derrota pode encontrarse unha xustificación, abonda con culpar os adversarios, os traidores e os que se deixan vencer facilmente.

Eu creo que ambas posturas, a dos que queren cambiar e a dos que non, reflicten ben o carácter humano e danse, de modo parecido, noutros moitos ámbitos: cambiar parte, cambialo todo, conservar... Nos dous lados hai pros e contras.

A UPG está espida, xa non ten aura. Perdeu o seu alcance mítico

En medio dunha crise, a idea de cambialo todo ou cando menos a maior parte parece a máis doada de defender, por iso eu vou situarme aquí no lado contrario.

Disolver unha organización social, non digamos un partido, é tarefa relativamente fácil. Construíla, en cambio, e labor de anos, de moitos esforzos e nada garante que vaia saír ben.

En Italia temos unha proba. O durante medio século poderoso e influínte PCI comezou a ser reformulado, en varias etapas. A primeira, seguindo unha idea, sen dúbida atractiva e razoábel, de Achille Occhetto. O resultado non pode estar máis á vista. Hoxe Italia, envolta nunha fortísima crise, é o único país da súa contorna sen unha esquerda, non digamos forte, senón minimamente útil para todos aqueles sectores da sociedade que se encontran nunha mala situación. 

Por que entón os mentores do novo, como Pablo Iglesias, deseñaron un modelo de organización inequivocamente leninista? 

Segundo fenómeno que pode facer espertar a dúbida. A caída do muro afectou aos comunistas, pero só algo menos aos socialdemócratas que, desde entón, son incapaces de ofrecer un mínimo programa alternativo ao dos neoliberais, como podemos ver en Alemaña. Nalgún caso, como o de Grecia, reciben xa igual ou menor número de votos que os comunistas. Por que razón as persoas que ven tan clara a necesidade de desaparición de certos partidos demasiado á esquerda, non din o mesmo dos socialistas? Por que non se analiza con parecida intensidade o fracaso da socialdemocracia? Máis aínda, porque á socialdemocracia, a pesar das súas sucesivas derrotas, non se lle aplican máis que un sen fin de panos quentes?

Formulemos entón a pregunta directamente: É necesario un partido duro? 

Nos anos noventa, Xavier Navaza adoitaba a referirse á UPG, desde as páxinas de El Correo Gallego, como o “núcleo de titanio” do nacionalismo. Con independencia de se a opinión particular de cada quen sobre a UPG era favorábel ou desfavorábel, o certo é que este partido conservou durante décadas a súa aura. Moitas das críticas que o debilitaban producían, ao mesmo tempo, o efecto contrario de fortalecelo. Hoxe xa non é así. A UPG está espida, xa non ten aura. Perdeu o seu alcance mítico. Incluso, desde dentro, ás chamadas ao sacrificio, a lembranza da clandestinidade e outras mensaxes similares, son entendidas como xestos inútiles ou como redutos inservíbeis de nostalxia. 

O nacionalismo máis democrático, plural e dialogante coa realidade é o que estamos vendo nos últimos anos. Sen embargo, é o máis contestado e o menos aceptábel

O argumento dos que piden refundacións e disolucións apoiase en datos verídicos sobre a nova sociedade. O nivel de vida e de educación, as posibilidades tecnolóxicas, fan posíbel e esixen unha maior participación das persoas, unha intensificación da democracia e unha redución ou desaparición do concepto de vangarda e de partido xerarquizado.

Todo isto parece innegábel. A pregunta é, sen embargo, por que entón os mentores do novo, como Pablo Iglesias, deseñaron un modelo de organización inequivocamente leninista? Por que no seu día o PSOE renovado se valeu dun dirixente como Alfonso Guerra, cuxa frase máis célebre foi: “o que se mova non sae na foto”? Non falemos xa da dereita, directamente presidencialista e autoritaria, non só en España, e que prescinde na práctica das votacións internas.

A resposta é a seguinte. A sociedade avanzada necesita de máis democracia, pero tamén de eficacia e de decisións rápidas, incluso máis rápidas que antes. Pode que algúns cando falan dos defectos dos partidos comunistas, deberían falar das limitacións da burocracia. E a burocracia, non o esquezamos, é un dos piares principais sobre os que se apoia a Unión Europea. Moitos sociólogos sosteñen, no seu favor, que a burocracia busca sempre a eficacia e rexeita as guerras. 

Por outro lado, o mundo de hoxe é un mundo de marcas, de símbolos. As narrativas épicas, non perderon, a pesar de todo, nada da súa forza, seguímolas encontrando por todas partes. O ser humano necesita recoñecerse en certos signos que resuman a súa maneira de pensar, así como en mitos que representan, de maneira fermosa, a súa orixe e os seus obxectivos. Non importa que non crea neles literalmente, o certo é que seguen funcionando. E iso é así porque a linguaxe natural do ser humano é a da ficción. O consumidor sabe que os anuncios publicitarios non din a verdade e iso non lles resta eficacia. De igual modo, a maioría dos crentes non acepta o 90% dos dogmas do Vaticano, pero aínda así mantense fiel á Igrexa. A Igrexa é precisamente unha das institucións que proban a validez da afirmación de Althusser de que o ritual externo materializa a ideoloxía. 

Os cadros do nacionalismo que pechan facebook aos “amigos” que ás veces lle poñen algunha pega están demostrando que aínda non entenderon nada

Os símbolos políticos, igual que a publicidade, van dirixidos e funcionan, en parte, a través do noso subconsciente. E, se é así, por que razón, cabe preguntar, as forzas que defenden a nación galega deberían desfacerse de toda a súa equipaxe simbólica? Non parece evidente que hai un interese político en esixir isto?

Poderiamos engadir aínda outro argumento que provén da psicoloxía. Toda forza política organizada exerce un labor de presión. Esa presión acéptase mellor, de forma menos traumática, cando é máis forte. É, en cambio, cando cede terreo cando resulta máis difícil de soportar. A diminución da presión priva ao que a exerce da aura que a fai aceptábel. 

Non é este o lugar de explicar porque isto ocorre así, pero si podemos comprobar facilmente o seu efecto. O nacionalismo máis democrático, plural e dialogante coa realidade é o que estamos vendo nos últimos anos. Sen embargo, é o máis contestado e o menos aceptábel. Ten menos aura.

Non quero poñer fin a este artigo sen explicar cal é a miña postura persoal. Penso que é imprescindíbel unha refundación, un relevo xeracional, un cambio de linguaxe e unha actualización de certos postulados. Non estamos xa en 1977 nin sequera en 1997. Os dirixentes políticos nacionalistas non poden finxir que os únicos debates válidos para eles son os que se producen nos organismos pertinentes, é dicir no interior da organización. Hoxe, o concepto de sociedade civil ten moita máis importancia que cando Esquerda Galega o comezou a incluír nos seus programas, nos anos noventa. Os cadros do nacionalismo que pechan facebook aos “amigos” que ás veces lle poñen algunha pega están demostrando que aínda non entenderon nada. 

Creo non obstante, tanto como hai trinta ou corenta anos, na necesidade de autoorganización e estou convencido de que, por moi escépticos que sexamos, non podemos prescindir da funcionalidade dos mitos. Unha das mellores creacións da, necesariamente modesta, campaña de Nós. Candidatura Galega foi o vídeo: “Porque este soño é necesario para un soño”. Todos sabemos que a Galiza real non é a que nel se reflicte, pero o que interesa é esa imaxe do que queremos idealmente ser. 

O vídeo, sen embargo, vai moito máis alá, ou moito máis acá, de prometernos unha utopía. El mesmo nos ofrece catro minutos e cincuenta e cinco segundos de independencia. É, nese sentido, no que nos deixa máis satisfeitos. Igual que a contemplación dunha paisaxe ou un instante de liberdade teñen valor non polo que prometen, senón, sobre todo, polo que son, en si mesmos.

Comentarios