Opinión

Menos que nada

Menos que nada é o título do ensaio máis ambicioso de Slavoj Zizek


Menos que nada é o título do ensaio máis ambicioso de Slavoj Zizek, un filósofo, europeo e de esquerda, moi de moda na última década. A pesar dos chistes e das constantes alusións á actualidade que adornan os textos de Zizek, non é este un libro do que se poida dicir que está ao alcance de todos os públicos. Son mil cen páxinas de metafísica. Paréceme, non obstante, un bo título para empezar a comentar o resultado electoral do nacionalismo, agrupado arredor da candidatura Nós. 

Menos que nada podería ser a expresión que definise o momento político desta candidatura netamente nacionalista, despois de comprobar que non só non logrou ningún deputado, senón que outra, En Marea, que se move nunha órbita aproximada, conseguiu un éxito bastante superior ao agardado por todos. 

A reflexión metafísica hai tempo que quedou atrás no nacionalismo galego. Un dos seus últimos e quizais máximos expoñentes foi o libro Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista, publicado en 1990 por catro autores: Xaquín Leiceaga, Antón Baamonde, Rafael Martínez e Bieito Iglesias. Bieito Iglesias pediu nas pasadas eleccións o voto para Nós, mentres que Xaquín Leiceaga forma parte, desde hai anos, das filas socialistas e hai uns meses sorprendeunos a todos cunha novela, ben recibida pola crítica. 

Todo isto condúcenos á pregunta principal: Foi o de Nós un fracaso absoluto?

Sobre algúns destes ensaios sobrevoaba unha comparación: a da organización nacionalista, máis en concreto a UPG, coa Igrexa católica.

Todo isto condúcenos á pregunta principal: Foi o de Nós un fracaso absoluto? Se nos remontamos ao nada desprezábel número de seis mil adscritos e máis de catro mil participantes presenciais que logrou nas súas eleccións primarias, poderiamos aventurar case a afirmación contraria. 

Esta fenda, tan visíbel, entre participantes nas primarias e electores finais podería explicarse de varias maneiras: o duopolio televisivo, ao que constantemente aludiron os candidatos de Nós, a falta de tempo para dála a coñecer e, en terceiro lugar, o voto útil e ao mesmo tempo rebelde que absorbeu, case por completo, Podemos. O enorme éxito de Pablo Iglesias en territorios como Gipuzkoa sería outro exemplo disto último. 

Claro que calquera destas explicacións pode ser discutida, matizada e ampliada. 

Botando man da terminoloxía marxista, e tamén militar, de táctica e estratexia, poderiamos chegar a dicir que o resultado electoral é un pésimo resultado, pero “só” a nivel táctico. Mentres que o número de seis mil persoas apuntadas ás primarias (ou o número de visualizacións do seu vídeo máis coñecido) significarían que Nós ten percorrido estratéxico, incluso un percorrido esperanzador. Claro que non estamos a falar do BNG, senón de Nós. E claro tamén que o de Nós non é o “único nacionalismo realmente existente”. Por poñer un único exemplo, lembremos que Miguel Anxo Fernán-Vello é hoxe deputado en Madrid.

Comentarios