Opinión

En Marea e a ORGA

1.-Talvez comprendamos un pouco mellor o fenómeno En Marea mirando no espello retrospectivo da ORGA, unha forza política galega dos anos trinta, non moi coñecida, pero interesante.

A ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma) foi creada en 1929. Na conformación do seu núcleo inicial participaron significativos galeguistas, procedentes das Irmandades da Fala, sobre todo da Irmandade da Coruña. Este foi o caso de Antón Vilar Ponte, un dos nacionalistas máis notábeis da época.

En 1931, a ORGA logrou 14 escanos, a forza máis votada en Galiza. Dous anos despois, baixaba sen embargo a cinco. Tras unha serie de sucesivas alianzas, en 1934 integrouse en Izquierda Republicana, o partido fundado por Azaña.

Desde a inicial defensa dunha república federal, a ORGA acabou decantándose por un autonomismo moderado, case puramente verbal. Os galeguistas que operaban no interior foron sufrindo sucesivas derrotas e, na súa maioría, acabaron abandonando a ORGA.

Os galeguistas que operaban no interior foron sufrindo sucesivas derrotas e, na súa maioría, acabaron abandonando a ORGA.

Antón Vilar Ponte, que saíra deputado en 1931, deuse de baixa e, en 1934, ingresou no Partido Galeguista.

2.- Podemos e as confluencias acadan os seus mellores resultados nas comunidades bilingües, con algún engadido notábel, como o de Madrid.

Antigos votantes nacionalistas decántanse agora por esta opción, pero alí onde o nacionalismo está máis asentado –Euskadi e Cataluña–, moitos nacionalistas resisten baixo as súas siglas habituais.

Nun segundo nivel encóntranse as comunidades de nacionalismos máis débiles: Navarra, Valencia, Galiza e Canarias. Neste caso, os nacionalistas optan por integrarse nas confluencias ou corren o risco de quedar sen representación.

Parece, polo tanto, que o principal problema do BNG provén da débil conciencia nacional existente en Galiza.

En Marea é, para o BNG, unha galerna, unha cicloxénese explosiva que deixa a casa dos nacionalistas sen boa parte do tellado e con varias árbores, das máis antigas, tombadas polo vento. 

3.- En 2015, o electorado, dentro dunha escala de cero a dez (na que o cero é o punto máis á esquerda), situaba a Podemos no 2,28; aos vascos de Amaiur no 2,34; ao BNG no 2,45 e a IU no 2,62.

O barómetro do CIS, do pasado mes de maio, ofrecía outro dato de interese, en parte contraditorio. Entre a clase alta e media alta, Podemos e as confluencias recibían o 22,4% dos votos; o PP o 17,5; Ciudadanos o 15,9 e o PSOE o 8,9.

Parece, polo tanto, que o principal problema do BNG provén da débil conciencia nacional existente en Galiza

Quere isto dicir que Podemos e as confluencias son vistas como unha forza claramente de esquerda –máis ou menos ao nivel do BNG– pero que, ao mesmo tempo, Podemos e as confluencias son a opción preferida dos sectores máis acomodados, por riba incluso do PP.

4.- Galiza perde 40 habitantes cada día. É a quinta comunidade que máis perde. Entre 2010 e 2014, marcharon de Galiza máis de 100 mil mozos e mozas.

Por cada maior de 15 anos hai dúas persoas que superan os 65. En 2015 só creceu o grupo dos maiores de 45 anos.

En 2009, as persoas activas en Galiza, de entre 16 e 29 anos, representaban o 20% do total. En 2015, esa porcentaxe descendeu ao 14%.

5.- Un dato europeo. Eslovenia e Eslovaquia crecen. Conseguen investimentos externos grazas a contar cun goberno propio que lles permite negociar directamente.

Estes dous pequenos Estados, de creación relativamente recente, están menos illados hoxe que cando formaban parte dun Estado máis grande.

Comentarios