Opinión

Madrid perde a batalla de Barcelona

Madrid ten xuíces e antidisturbios, pero a súa clase política segue atuada na braña, por empregar o título dunha novela de Xavier Quiroga. Goberne o PSOE ou goberne o PP, desde a segunda lexislatura de Aznar, a iniciativa estivo sempre en mans da FAES e dos medios de comunicación de extrema dereita que son moito máis numerosos do que correspondería en relación co tamaño do seu público e da súa representación electoral.

O PSOE non pode facer política, está bloqueado. Acaba de mostralo moi ben estes días Sánchez: négase a falar con Torra e visita unicamente os policías, completamente abstraído da sociedade e cun escolta fotografado subfusil en man, coma se estivese nun país en guerra.

O PSOE está bloqueado pola dereita que é tan extrema e tan pouco liberal (como demostrou Rivera desde a manifestación das tres dereitas en Madrid) que está disposta a non deixar que ningún presidente, sexa da cor que sexa, faga política. Xuíces e antidisturbios deben substituír, cos seus medios e de modo bastante irregular tratándose dunha democracia, o que esa clase política inmobilista non resolve.

Dos incendios de Barcelona pódese dicir de todo, sempre que se faga só de fronteiras a dentro. Pero, internacionalmente, hai que recoñecer que a comparativa con Hong Kong saíulle ben aos independentistas. Europa está doída por esas imaxes. Medios oficiais chineses utilizáronas para lembrarlle a Bruxelas que en todas partes cocen fabas. Merkel mostroulle a súa preocupación a Casado e aos deputados españois do grupo popular europeo.

O incendio de Cataluña coincide ademais co Brexit. Mal asunto, tempo inestábel en todo o continente. Esa coincidencia tamén preocupa en Europa que se sinte novamente incómoda coa parálise de Madrid.

A aínda prestixiada revista Time dálle espazo a Puigdemont para que reclame diálogo. E Bélxica moi probabelmente volva negar a extradición do ex presidente catalán. A detención do seu avogado incrementa a imaxe externa de que a xustiza española fai demasiados movementos estraños.

Marchena rexeitou a condena por rebelión para evitar a reprimenda do tribunal europeo, pero a cambio provocou a división da maxistratura española. Unha parte da mesma está a chamarlle traidor. Sánchez provocou as eleccións sen pensar que Cataluña ía responder do modo no que o fixo. E agora pode perder ou colocarse nunha situación peor da que tiña antes.

O independentismo catalán superou a depresión, non sabe por onde seguir, pero vai seguir. En política non moverse acábase pagando caro.

Comentarios