Opinión

Que lle falta ao nacionalismo para ser un prato apetecíbel?

Non me gustan as ideas apocalípticas, por exemplo esa de que os gobernos nos espían a través das redes sociais e controlan todos os nosos pasos a través do GPS, asociado ao noso móbil. É certo que poden facelo, e que de feito así o fan cando o necesitan. Pero tamén creo, e isto paréceme moito máis importante, que na nosa sociedade as forzas do cambio teñen unha marxe de actuación suficientemente ampla para intentar transformar as cousas, incluso en profundidade.

Por que isto non é, entón, o que está sucedendo? En primeiro lugar, porque unha parte do que o público chama aínda esquerda, é dicir o PSOE, é incapaz de tomar unha soa decisión que incomode ás empresas que conforman o IBEX. Vivimos nunha sociedade de economía mixta, como a chinesa, pero mentres que en China a economía, e sobre todo os seus sectores estratéxicos, están dirixidos polo Estado ou por empresas participadas maioritariamente por este, aquí é o Estado o que actúa, case sempre, en función dos intereses privados.

A confusión que xera esta ubicación ideolóxica do PSOE é moi grave, por enganosa. O PSOE vén servíndose, desde hai anos, dunha fórmula que lle proporcionou grandes éxitos e unha cobertura de avestruz. Esta fórmula é a seguinte. Trátase dun partido progresista no social, centrista no político e de dereitas no económico. Esa definición serviulle, e séguelle servindo, para definirse como desexa en cada momento. Se alguén lembra que Felipe González é asesor remunerado de varias grandes empresas, outro recordará de seguida que Zapatero legalizou o matrimonio homosexual. Ambas cousas son certas, pero serven para confundir a sociedade, porque esta segue movéndose por unha comprensión simplista e binaria da política, esquecendo que para ser banqueiro hoxe non é necesario ser franquista nin desfilar baixo palio. Un conservador pode, actualmente, levar barba de hipster. É o que tende a facer Ciudadanos, a “dereita moderna”, aínda que ás veces non sexa capaz e se quede nunha dereita tamén bastante antiga.

E que dicir de Podemos? Podemos, como non podía ser doutra forma, é unha organización aínda moi pouco madura, moi arroutada nos dous primeiros anos, como correspondía coa novidade e a xuventude que representaba, pero pouco capaz de gobernar e pactar. Podemos só é culpábel, hoxe por hoxe, da súa propia inexperiencia. Non se crea unha organización en dous días nin en dous anos.

E, vaiamos xa ao que aquí máis nos interesa, que sucede co nacionalismo? O nacionalismo sufriu, como un acoso masivo, a ilusión e o crecemento de Podemos. Esta novidade, amplificada polo erro político de Beiras, púxoo en verdadeiro perigo de desaparición, cando menos momentánea. Con máis habilidade táctica, pero tamén con máis risco, como desexaba Vence ou, con máis firmeza e menos ambición, como acabou impoñendo a UPG, o certo é que acabou salvándose, de forma moi meritoria, ao conseguir grupo parlamentar en Santiago. E con toda a valentía, aínda non suficientemente valorada, foi capaz de renovar boa parte dos seus cadros dirixentes.

O nacionalismo respira outro aire, actualizouse, pero segue preso de fortes trabas. En boa medida, segue ausente da sociedade, e non só pola presión mediática, coa que en calquera caso debe contar.

O nacionalismo respira outro aire, actualizouse, pero segue preso de fortes trabas. En boa medida, segue ausente da sociedade, e non só pola presión mediática

Que lle falta, logo? Pois, ante todo, ideas. E un modo de xerarquizalas. O nacionalismo debe articularse, como calquera outro movemento con presenza social, con propostas políticas inmediatas e cunha cultura política que o sosteña. Que quero dicir? Velaí algúns exemplos.

A min interésame o feminismo queer ou post-queer. Leo de boa gana a Beatriz Preciado e á, nalgúns textos similar, Teresa Moure, pero o feminismo que entende que os dous sexos se poden acabar disolvendo nunha especie de sexualidade á carta, non é unha prioridade hoxe, non é o problema central da maioría das mulleres, aínda que se estude e se comece a actuar sobre estes aspectos en determinados campos. O problema máis importante das mulleres segue estando arredor do poder tal e como o coñecemos hoxe, o poder dentro da empresa e o poder económico en xeral. Por moita discriminación positiva que se efectúe (e en moitos ámbitos nin iso existe) o risco de retroceder, a pouco que se free, é evidente. A muller aínda non ten seguras as posicións ganadas nos últimos trinta anos. En medio dunha crise forte, cabe no posíbel que a prioridade laboral volva aos homes. As mulleres poden quizais seguir estudando, igual que os homes, sobre todo porque son máis estudosas, pero poden quedar de novo, ou seguir quedando, fóra dos postos de traballo, non digamos dos postos de responsabilidade, con toda a dependencia (e violencia) que esta situación provoca.

Que lle falta, logo ao nacionalismo? Pois, ante todo, ideas. E un modo de xerarquizalas

 

Que fixo o nacionalismo até hai ben pouco, nos últimos sete anos? Colocar, ás veces, a independencia, nun lugar prioritario e solidarizarse con algúns presos; promover, con escaso éxito, a organización Galiza pola Soberanía (GpS); aceptar a voluntariedade das normas ortográficas do galego, até dar paso a unha multiplicidade sorprendente; levar ao primeiro plano a represión franquista, con multitude de actos, libros e exposicións; reivindicar as loitas de finais dos setenta, etapa fundacional do nacionalismo que hoxe coñecemos, lembrando Baldaio, Xove e As Encrobas; converter a Manuel María en “poeta nacional”, entendido case en exclusiva nun sentido político, o cal tamén é un modo de reducionismo; e subscribir, en canto á linguaxe e o método analítico, e non só da man dos veteranos, senón tamén de persoas máis novas con vontade teórica, subscribir, digo, a linguaxe dos pais fundadores do marxismo e as propostas tácticas e os métodos de tempos da revolución rusa, co seu centralismo e a súa disciplina, imprescindíbeis daquela nun país enorme, case incomunicado e cheo de analfabetos.

Castelao non perdeu actualidade, escóitase dicir polos altofalantes nacionalistas. Pois si que a perdeu. O Sempre en Galiza é unha análise política dun momento concreto, con algunhas ensinanzas clave que aínda teñen moito sentido hoxe, pero fundamentalmente é un libro que forma parte da historia e que explica unha parte da nosa historia. Como forma parte da historia a revolución rusa e o marxismo leninismo. Sigo apreciando o valor e o estilo de Lenin, simpatizo cos bolxeviques, pero tamén aprecio e aprendo da revolución francesa, releo as controversias de Marat, e non por iso teño dúbidas de que vivimos outros tempos, aos que corresponde outra linguaxe e outros métodos de análise. Historia si, pero ante todo análise concreto do presente. Iso é o que faría Marx se vivise hoxe. Iso é o que hai que aprender del, igual que de Lenin ou de Castelao. Eles analizaron o presente, o seu presente, que non é o noso. Eles non tiveron medo a inventar, a ser anovadores.

Historia si, pero ante todo análise concreto do presente. Iso é o que faría Marx se vivise hoxe

 

O nacionalismo non se pode dirixir á cidadanía cun vocabulario e unhas ideas pasadas de moda, non pode ir por Galiza coa monteira nin tampouco con pantalóns de campá. Sería absurdo, aínda que un mire con simpatía as fotos das mobilizacións de Ascón. Ao nacionalismo fáltanlle ideas, teme contaxiarse coas ideas dos demais e por iso acostuma a usar as redes pro domo sua, equivocando así o seu verdadeiro sentido que é a comunicación en ambas direccións.

Hai persoas hoxe que estudan en detalle os diversos campos. Afortunadamente non estamos nos setenta. Somos moitos máis e moito mellor formados. As análises destas persoas e os seus datos deben nutrir a acción política. Certo que, nalgunha medida, os actuais dirixentes do nacionalismo xa o fan ou intentan facelo, buscan a colaboración neses ámbitos. Pero esa actitude non pode ficar illada, confundida, en medio doutras propostas, propias dun nivel distinto ou directamente desfasadas. Falta articular un discurso, un programa coherente para o día de hoxe.

Ao nacionalismo fáltanlle ideas, teme contaxiarse coas ideas dos demais e por iso acostuma a usar as redes pro domo sua,

 

Non, as Bases Constitucionais non valen. Nin as BBCC nin o pelo cardado. O nacionalismo necesita un programa, expresado nunha linguaxe actual e para o futuro. E tamén ir nutrindo unha cultura política, feminista, de base social, alternativa, coñecedora do mundo lusófono, soberanista, sen censuras nin limitacións previas.

O nacionalismo pode ignorar o que di a prensa, pero non pode ignorar as preocupacións, a maneira de ser e de expresarse das persoas correntes e da mocidade, a día de hoxe. Debe distanciarse da realidade fantasmal que proxectan os medios, pero non da realidade dos datos que observan os economistas. Debe aplicar unha política para o inmediato, realizábel e atrevida, e promover tamén que os sectores máis avanzados e máis atentos vaian creando os seus laboratorios de utopía.

O nacionalismo hoxe é un totum revolutum onde o vello destaca aínda máis que o novo. A mestura, o vintage, poden dar bo resultado no mundo da estética e da arte. Pero a política esixe xerarquías, é dicir, prioridades. A política, para ser eficaz e conducir a algunha parte, debe destilar só o esencial desa cultura que o movemento, no seu conxunto, mantén constantemente a ferver.

Comentarios