Opinión

A lección (equivocada?) que Lula lle quixo dar a Chávez

En xaneiro de 2018, Lula referiuse aos consellos que unha vez lle deu a Chávez, o falecido presidente de Venezuela. Un deles era o de que falase menos de Bolívar e máis da industrialización.

Esta anécdota aparece no último libro de Farruco Sesto, quen foi varias veces ministro bolivariano, e que se titula Chávez de quen dou fe.

A frase de Lula serviría para comezar un debate interesante. Precisamente, a esquerda dos países máis ricos volveuse positivista. Os chamados á moral revolucionaria entendémolos xa como simples retórica, romanticismo doutra época. Resulta que é en Latinoamérica, onde a poboación está máis necesitada, onde aínda se usan esas expresións.

Un pouco despois de contar a anécdota de Lula, Farruco Sesto, seguro que algo molesto polo consello do brasileiro, pero sen querer dicir nada desagradábel del, escrebe con gran prudencia, á galega: “Eu non sei… A Lula déronlle un golpe de estado xudicial, e o pobo brasileiro non saíu a impedilo. Mentres que nin a Chávez nin a Maduro lograron sacalos da presidencia. E é que aquí houbo un pobo que non o permitiu. Tal vez, e con todo respecto, foi porque Chávez falounos bastante de Simón Bolívar”. E a continuación, conclúe: “E ambas as cousas non son contraditorias, digo eu: politización profunda para a emancipación e o desenvolvemento da economía que lle dea sustento. De maneira que seguiremos falando bastante de Bolívar… e de Chávez”.

É longo o debate que pode –e quizais debería– saír destas palabras. Foi demasiado positivista Quintana cando estivo no Goberno? Deixou demasiado de lado a ideoloxía? Entendendo ideoloxía por unha explicación, aos da casa e aos de fóra, de cal é a situación real, de porque convén tomar unhas decisións e non outras. Importan os símbolos, os referentes? Serven para unir ou, talvez algúns, para desunir?

Abonda con ser eficaces, no caso de logralo, se despois o adversario e os seus medios deforman a túa actuación?

Volvendo a Latinoamérica, tería resistido Cuba o período especial sen as constantes chamadas á moral que comezou no seu día Fidel, coas citas constantes de Martí, cos seus pedagóxicos discursos que incluían o recoñecemento dos fracasos?

Economicismo, positivismo… Dicíame un amigo hai anos en ton un pouco provocador: “De que serve que os sindicatos consigan unha suba de salarios, se a maioría dos traballadores non tardan nin un día en ir gastala a Alcampo, nalgunha parvada”.

Pedro Juan Gutiérrez retratou en Triloxía sucia da Habana os peores anos de Cuba tras a caída da URSS. Un libro extremadamente vitalista e algo cínico. Pedro Juan, así se denomina tamén o personaxe principal, di que carecendo de case todos os demais bens, os cubanos que non se guindaran ao océano nunha balsa dedicábanse a “templar” todo o día. (“Templar”, cubanismo por “fornicar”).

O certo é que moitos cubanos perderon eses anos a fe na revolución, pero outros moitos quedaron, aguantando e “templando”. E Cuba, contra todo prognóstico, resistiu.

Alguén tan cínico como Pedro Juan, pero desde o outro lado, diría que mellor lles tería sido renderse. Salvo que non é iso o que reclaman hoxe os chilenos, os bolivianos, os colombianos nin os peruanos, fartos moitos deles dun capitalismo sen piedade nin ética, onde só vales o que podes vender, o sexo das mulleres, a man de obra dos traballadores, un órgano interno que che poden quitar sen aviso cando entras nun hospital de poucas garantías e que, en minutos, nunha caixa frigorífica e nun avión, marchara ao norte para un transplante.

Farruco Sesto conta máis cousas interesantes en Chávez de quen dou fe e tamén noutro libro breve que publica simultaneamente: Ser de esquerda despois de Chávez, os dous así, en galego. E cóntaas envoltas nunha prosa moral e lixeira, como a murmuración dun regato, para algo é tamén poeta, que parece máis candorosa do que realmente é, porque dentro contén perlas de groso calibre político que quizais conviría estudar por aquí, como el di que segue estudando a Chávez.

Comentarios