Opinión

Imos falar, por fin, do elefante na habitación

O elefante é o Partido Popular. De dez comicios autonómicos gañou os dez, sete deles con maioría absoluta. Case corenta anos de dominio indiscutíbel, en todas as franxas de idade, tanto no campo como nas áreas urbanas, tanto nas clases baixas como nas de maiores ingresos, con poucas excepcións. O obxectivo permanente da oposición é impedir que logre de novo esa maioría absoluta. Pero, o máis significativo é que, cando non a logrou, volveu. Despois do tripartito (1987-1989) e despois do bipartito (2005-2009) gañou de novo o PP. Iso querer dicir algo importante, a súa estrutura e fidelidade de voto estaba case intacta. Non só gaña desde o poder, tamén gaña desde a oposición.

En consecuencia, calquera que analice os resultados electorais galegos debería centrarse nese voto conservador que supera case sempre o 45%, unha porcentaxe a todas luces espectacular. Non é iso, sen embargo, o que veu facendo até agora a oposición, obsesionada por conseguir ese pequeno cambio na porcentaxe que lle permitiría a alternancia. É como intentar baixar a febre sen tratar a enfermidade.

Esa sólida base electoral conservadora é o elefante que non se quere ver. Unha realidade tan evidente, pero tamén tan poderosa, que tanto a esquerda como o nacionalismo prefiren ignorala, porque, en verdade, non saben como se podería contrarrestar. Ese 45% é asumido como un fenómeno natural. A oposición actúa neste sentido cunha paciencia antropolóxica.

Con todo, hai que lembrar algúns intentos de afrontar o problema. Unha das alternativas máis recorrentes foi a de constituír un centro galeguista ou unha opción nacionalista moderada que puidese restarlle votos ao PP “da boina”. Pero todos os intentos, nese sentido, fracasaron. Cabe deducir entón que non era ese o tipo de resposta que se necesitaba.

Creo que a razón dese voto masivo non hai que buscala na superficie, non ten moito que ver coa ideoloxía máis consciente dos electores, senón con algo profundo, estrutural. As operacións de imaxe, os aggiornamentos, as campañas electorais, os liderados sexan radicais ou sexan amábeis pouco poden facer contra iso, porque nin sequera rozan o cerne do pensamento deses individuos pertinazmente fieis á súa sigla.

É esa “diferenza” galega a que causa estrañeza fóra. Esa parte do PP que algúns políticos, algúns comentaristas de televisión e incluso algúns historiadores, cualifican ás veces de “nacionalista”. O importante non é a súa desmesura analítica, senón a dirección na que apuntan. Ese españolismo duro, de trazo groso, é consciente de que unha parte significativa do electorado galego que vota conservador non está de todo entregada e baixo o seu control e intenta atemorizala ou cando menos condicionala coa súa contundencia característica.

Dixemos que o problema era profundo, case diriamos que inconsciente. A mellor proba está en que os hábitos dese electorado non só se activan cando trata co PP, senón tamén cando son outros partidos os que ocasionalmente teñen o poder, por exemplo o municipal. Tamén lle pide favores ao Bloque e ao PSOE e este ás veces faillos porque considera que, en certos ámbitos, e non só nos rurais, esa é a única forma política de relacionarse.

Esa parte da sociedade considera que o partido que non fai favores non pode ser votado. O sufraxio nese caso sería un regalo sen contrapartida, un xesto inútil. Galiza, desde este punto de vista, non é un país, nin unha sociedade estruturada, senón un conxunto de individuos cos que o poder tradicional negocia persoalmente.

“Vai a esa tenda que eles tamén nos mercan a nós a madeira”, escoitamos dicir. Ese habitual intercambio de favores, perfectamente admisíbel na esfera privada, é trasladado sen maiores prexuízos éticos ao nivel público, o que de paso mostra unha grave falta de madurez democrática por parte dese electorado.

Pero hai tamén outras claves, non menos importantes: “Voto PP porque son os que saben, os que sempre xestionaron a administración”. Non nos presenta este sector ningunha convición intolerante que lle impida convivir con outras forzas, pero domina nel unha opinión conservadora que distingue aínda entre clases educadas, as que antigamente se distinguían pola “boa letra”, tamén chamadas tradicionais, ben reflectidas no dito “aquí mandaron sempre eles” e as outras, a clase baixa, que non estaría capacitada para gobernar.

En toda Galiza, pero sobre todo nese sector do electorado do que vimos falando, ten tamén moita importancia o complexo de inferioridade. Vémolo con algúns exemplos: “Ese ten un fillo que foi director de Correos en Madrid”. “Foi número un da oposición”. “De aquí saíu moita xente importante”. Dáselle moito valor ao título e aos méritos (reais ou esaxerados). “Eu vou moito a Coruña (ou a Vigo ou a Madrid, incluso a Marbella). Alí na rúa tal…”. Danse de coñecedores de sitios que xulgan máis importantes que o lugar onde viven, por complexo de inferioridade “xeográfica”. “Eu alí coñezo un xuíz ou un médico que é de aquí. Xa me dixo que cando quixese que fose velo”. Despois non vai nunca. Mostra a necesidade de ter contactos, froito do seu complexo de inferioridade individual. Quen así actúa tranquilízase crendo que ten “agarradeiras importantes” por se lle fixesen falta. É dicir, non ten dereitos, ten amigos.

Polo demais, cando aínda non se ten asumido, e comprobado por experiencia propia, o principio democrático de igualdade ante a lei, o obxectivo necesario en todos os ámbitos da vida é obter vantaxe. E nese sentido, dentro desa carreira, resulta lexítimo  mentir. A mentira vólvese un instrumento corrente, sen transcendencia moral.

Calquera destas actitudes o que nos mostra é unha sociedade constantemente obrigada ao subterfuxio, a escribir con liñas tortas, para manterse e conseguir a mellora individual, pois a colectiva nin a imaxina. Mostra unha sociedade prepública e dependente, desarticulada, o contrario dunha nación.

Pero os cidadáns están dispostos a cambiar. A sociedade galega de hoxe defende por exemplo a sanidade pública. Cre e confía en que, en xeral, se respecta a orde nas quendas e nas listas de espera.

A sociedade non rexeita a democracia nin a igualdade ante a lei. Sabe ben que con elas sairía beneficiada, pero ante o risco –moitas veces a evidencia– de que as normas non se cumpren segue acudindo á práctica do favor, á procura de amigos ben colocados e ao pacto co poder tradicional.

Polo tanto a oposición terá que demostrar, a través dun proceso máis longo do previsto pero xa en marcha, a capacidade dos seus representantes para administrar e gobernar. Terá que facer moita pedagoxía para reducir o complexo de inferioridade dos administrados. E deberá demostrar que cando a lei se aplica da mesma maneira para todos, o que se consegue é eliminar as humillacións. Ninguén pide favores de boa gana.

Comentarios