Opinión

Hai máis cambio do que a vitoria do PP indica

A consecuencia máis visíbel do último resultado electoral é que Galiza volve contar, na práctica, como nacionalidade histórica. O mapa de partidos do parlamento galego é diferente do de Madrid. Gaña unha forza que se viste de rexionalista, aínda que os intereses económicos que representa digan algo distinto, e lidera a oposición unha forza nacionalista. O españolismo non dá votos, cando menos nas autonómicas. Parece natural, pero non o é, tendo en conta o paraugas propagandístico madrileño ao que estamos sometidos as vinte e catro horas.

O BNG obtén un grande éxito. O feminismo é unha das claves que o explican e pode selo máis. O lastre do Bloque veu representado historicamente por un ideoloxismo excesivo e superficial que levaba a unha tensión constante que se resolvía con pactos entre homes. Esa masculinidade desbordada creo que está tamén, en parte, entre os motivos do fracaso das Mareas-Podemos. Sexa por bioloxía, por cultura ou por ambas as cousas, as mulleres en xeral tenden a ser máis empáticas e a contemplar a realidade con máis matices, en máis tonalidades. É certo que hai mulleres presas do fanatismo ás que ningún argumento saca dos seus trece. Pero o home fanático é peor, porque non só non cede, senón que ademais trata de aniquilarte. A visión feminista é necesaria incluso cando non hai mulleres presentes. A competencia entre homes, esa necesidade de mostrarlle incluso ao amigo que sabes máis ou que mandas máis ca el, acaba sendo esgotadora incluso para nós mesmos. Se o nacionalismo non quere recaer en polémicas estériles, o feminismo quizais lle sirva de antídoto.

O BNG aproveitou ben a crise para acometer o relevo de dirixentes. Hai que recoñecérllelo tamén aos que deron un paso atrás. Esa nova xeración, coas mulleres á cabeza e nacida xa maioritariamente na democracia, ten o diálogo non como consigna senón como actitude natural.

Por outra parte, a nova vitoria do PP supón un freo para o país nun momento crítico, pero pode darlle ao nacionalismo ocasión para fortalecerse nos concellos e para preparar mellor as súas propostas. A rexuvenecida organización dispón de tempo biolóxico, sen as ansias que ultimamente premían os anteriores cadros.

Por último, cambia o pano de fondo. Perde capacidade decisiva o imaxinario político da Transición. O BNG vén de lograr o 24% dos votos. Mañá podería volver ao 8%, pero tamén podería subir ao 34%. Iso significa que os prexuízos ideolóxicos, herdados do franquismo, teñen cada vez menos peso. A sociedade civil, concepto que comezou a utilizar a finais dos oitenta Esquerda Galega, é hoxe unha realidade para o 70% da poboación. En Cataluña para o 100%. A sociedade civil é esa cidadanía que decide libremente o seu voto en cada ocasión e á que se lle pode atribuír madurez democrática. En Galiza aínda subsiste un electorado, non antidemocrático, non reaccionario, senón predemocrático, é dicir, necesitado de intermediarios, inseguro, que confunde ter amigos con ter dereitos. Pero ese sector estase reducindo e desaparecerá.

Tamén hai un cambio no PP. O éxito de Feixoo consiste en reter o voto de Vox baixo unha estética global de Sargadelos. Pero quizais non poida facelo sempre ou non sexa capaz de facelo quen o substitúa. A afirmación de que non hai nacionalismo moderado porque non hai burguesía nacional é outra das máximas da Transición que ficaron obsoletas. En Galiza pode nacer unha forza galeguista moderada e autónoma de Madrid con capacidade para obter entre 15 e o 30% dos votos. Non está escrito en ningún lugar que un conglomerado do tamaño do PP galego vaia seguir unido no futuro inmediato. O mapa político asemellaríase entón máis ao de Cataluña e Euskadi. A sociedade evoluciona. Evoluciona economicamente e tamén socialmente.

Creo que o éxito en Galiza das Mareas deu o aviso dun cambio de época. Ese cambio reoriéntase e consolídase agora. Xa non estamos na estética da resistencia, senón nun tempo para a audacia das ideas e o diálogo como método.

Comentarios