Opinión

Un Galeuska máis débil que nunca

Non é difícil de entender o pacto do PNV co PP. Neste punto, e desde unha visión nacionalista, o grave non é o pactar co PP da corrupción. Sempre se pacta co adversario e o adversario é, de por si, criticábel. Se non existise esa capacidade para superar o mal olor, non habería pactos e as guerras durarían sempre. Ademais, como escribiu Vence, “o asunto é que con isto Euskadi vai cada vez máis por libre (case independente-confederal) e a calidade democrática en España xa non é o seu problema”.

O máis importante aquí, insisto, desde un punto de vista nacionalista, é a soidade na que o PNV deixa o independentismo catalán. Viña sendo así desde hai meses, pero o tema agora é máis utilizábel pola prensa de Madrid.

Quizais o cambio no Estado, que reclaman todos os nacionalistas, só sería posíbel se as tres nacións históricas se coordinasen. Entón pasariamos dun problema cos nacionalismos ao problema de España. 

Houbo Trilaterais nos anos vinte, Galeuskas nos trinta, a Declaración de Barcelona, no que a nosa memoria persoal xa abarca. Pero nunca houbo unha coordinación práctica, probabelmente porque era imposíbel. As tres nacións, como nacións que son, non son iguais. A distancia de Galiza das outras dúas é evidente.

E vaiamos a Galiza. O BNG está mellor orientado que hai uns meses. Comeza a verse a súa proposta política. Pero non foi capaz aínda de traspasar case ningunha das barreiras que o manteñen illado.

Nunca houbo unha coordinación práctica, probabelmente porque era imposíbel. As tres nacións, como nacións que son, non son iguais

O problema de fondo iniciouse hai tempo, como se sabe, coas intolerancias internas e o mal paso de Beiras, esgallando a súa propia biografía, o que acabou por deixar a Galiza fóra do panorama estatal, como se puido ver agora coa inexistencia de propostas galegas no debate dos orzamentos.

A división continuada das Mareas só a mitiga o tirón electoral de Podemos e a busca dun futuro persoal dentro que saia dun hipotético pacto co PSOE en Madrid. Nada ou moi pouco que teña que ver cos intereses prácticos da poboación do Noroeste.

O interese dun sector por crear un “partido nacional” non é tolerado por outros que parecen moi contentos de citar as súas viaxes por distintas capitais de provincia españolas, como nun eco da volta ciclista. O das “cidades rebeldes” non é máis que un nome conxuntural, un salvavidas á espera de non se sabe que.

O interese dun sector por crear un “partido nacional” non é tolerado por outros que parecen moi contentos de citar as súas viaxes por distintas capitais de provincia españolas

Dividido internamente o propio partido de Beiras, a idea de crear un “partido nacional” parece imposíbel. Toda vez, ademais, que o BNG non desapareceu nas autonómicas, como algúns prevían, senón que logrou case o mesmo resultado que cando Podemos aínda non estaba presente.

O mundo das Mareas-Podemos conserva atractivo pero este depende, cada vez máis, do que suceda en Madrid. E iso, obviamente, terá as súas consecuencias internas.  

Comentarios