Opinión

A folla de ruta de Beiras

Primeira vista panorámica. O feudo abertzale de Gipuzkoa entrega unha boa parte dos seus votos a Podemos. Un sector da CUP está pensando en chegar a acordos con Ada Colau...

Primeira vista panorámica. O feudo abertzale de Gipuzkoa entrega unha boa parte dos seus votos a Podemos. Un sector da CUP está pensando en chegar a acordos con Ada Colau e, de feito, moitos electores da CUP, partido que non se presentou ás pasadas eleccións, votaron esta vez a Podem. Beiras, principal símbolo histórico do nacionalismo para a maioría dos galegos, leva meses apoiando unha alianza con Podemos, a mesma que agora acaba de lograr un excelente resultado.

Dito doutra forma: Podemos foi, nestas eleccións, a forza máis votada en Cataluña e no País Vasco e a segunda en Galiza. Nos tres casos trátase dun resultado contra prognóstico.

E, terceira cara do prisma. Podemos recolle a maioría dos seus votos nas tres nacionalidades históricas, máis Valencia, que tamén conta cos seus trazos diferenciais, e Madrid.

Como diría Gila: Aquí, alguén quere algo.

Agora, un pouco de historia, recente e imprescindíbel. Primeira etapa. Ante o inmobilismo e, mesmo o retroceso, do goberno central no que respecta aos dereitos das nacionalidades, o número de cataláns que se declara independentista multiplícase, cando menos, por dous. Ambiente ao que contribúen tamén a corrupción e a crise que fan baixar, de golpe, a cotización da marca España.

Segunda etapa. O goberno central segue enrocado, a pesar das grandes mobilizacións cataláns e dos case dous millóns de votos independentistas. Nin referendo nin diálogo. Para manter esa postura intransixente conta ademais co discreto apoio de Bruxelas.

Terceira etapa, as eleccións do 20-D. Moitas persoas tiran a conclusión, especialmente moitos votantes das nacionalidades históricas, de que Cataluña, por si soa, non vai conseguir que Madrid ceda. En consecuencia, é necesario cambiar primeiro o goberno central e hai unha única opción con posibilidades, neste sentido, de facerse oír na capital: Podemos. Para iso hai que convencer os seus dirixentes. Beiras e Colau xogan aquí un papel destacado. Finalmente, eses dirixentes parecen receptivos e Podemos recibe o voto útil de moitos nacionalistas.

A primeira reacción de Podemos, tras as eleccións, é coherente co número de votos recibido nas tres nacionalidades históricas e Valencia, esixindo grupos parlamentarios propios (salvo o vasco) e poñéndolle, a Pedro Sánchez, o dereito a decidir como condición para negociar.

Algúns analistas xa recoñecen que Beiras foi un dos primeiros en abrir a vía na que agora se encontra Podemos, vía que podería acabar levándonos bastante máis alá das declaracións autodeterministas do PSOE en 1977

Pero, o futuro non está escrito, nin sequera o máis inmediato. Será interesante ver o que dá de si a situación. En todo caso, os nacionalistas que se presentaron a estas eleccións de maneira diferenciada poden argumentar que, sen a súa existencia, nin Iglesias nin Errejón estarían falando agora de Estado plurinacional. Conclusión lóxica da máxima política de que ninguén concede nada se non é baixo algún tipo de presión.

Anotación teórica. Se alguén dubidaba xa da validez da dialéctica para entender a historia, aquí ten un bo exemplo de que aquelo de tese-antítese-síntese, que teorizara Hegel e máis tarde Marx, segue estando en vigor. Ou, se non é así, encontrámonos ante algo moi parecido. 

Pero xa saben que a síntese actual (Podemos+confluencias) está chamada a converterse, no seguinte paso, na nova tese. Permanezamos atentos.

Segunda parte e conclusión: Algúns analistas xa recoñecen que Beiras foi un dos primeiros en abrir a vía na que agora se encontra Podemos, vía que podería acabar levándonos bastante máis alá das declaracións autodeterministas do PSOE en 1977. En todo caso, é algo que estaremos en condicións de comprobar moi pronto. Aos socialistas o seu autodeterminismo duroulles daquela un suspiro.

Ante as inevitábeis críticas provenientes do lado nacionalista, Beiras pode xustificarse dicindo que xa intentou o outro camiño: en 1998 e en nome do BNG, foi un dos asinantes da Declaración de Barcelona, apoiada tamén por representantes de PNV e CiU, para reclamar “unha nova cultura política” no Estado español que recoñecese o dereito das nacionalidades. Aquela proposta fora recibida en Madrid co silencio habitual.

Estamos ante dúas formas de intentar que Madrid escoite as nacionalidades: indo en coche propio (soberanismo) ou en transporte colectivo (Podemos)

Estamos, por dicilo graficamente, ante dúas formas de asaltar a fortaleza ou, en termos menos castrenses, ante dúas formas de intentar que Madrid escoite as nacionalidades: indo en coche propio (soberanismo) ou en transporte colectivo (Podemos). Polo de agora, ao coche propio non lle alcanzou a gasolina. O autobús parece un medio de transporte máis robusto, que ademais conta cos permisos necesarios para o uso do novo combustíbel catódico. Pero, os viaxeiros do autobús son diversos. Seguro que vai haber moita discusión sobre a ruta e sobre as paradas ás que se lles debe dar prioridade. Ademais o condutor é de Madrid e ten o micro.

Non descarten ademais que, nalgún momento, Beiras anuncie a súa baixada, amparándose en que, por idade, non está xa para viaxes tan longas.

Comentarios