Opinión

O extremismo cambiou de bando

Non teño que facer ningún esforzo de memoria para lembrar os tempos nos que algunha prensa sintetizaba así a manifestación do 25 de xullo: “esos jóvenes que bajan por las calles con los ojos inyectados de sangre”. En realidade, a descrición non era de todo falsa. Foi a época na que estivo prohibido manifestarse e as cargas policiais eran sorteadas con “saltos” pola zona vella.

Anos despois, co Nunca Máis, Aznar pronunciou a célebre frase de: “esos perros que ladran su rencor por las esquinas”. En xeral, o poder, aquí e en todas partes, procura identificarse coa estabilidade e coa normalidade. Sendo presidente, Felipe González, copiando a Leibniz, dixo que “vivimos no mellor dos mundos posíbeis”.

Na Xunta había conselleiros como Portomeñe que sabían chiscarlle o ollo á oposición nos descansos. O comentarista, Barreiro Rivas empregaba, nos seus artigos, a verdadeira ironía, a que sabe recoñecer que hai algo de verdade nos dous contrarios.  Os radicais, os extremistas, eran os outros, os que non tiñan os votos suficientes para gobernar. Pero, os tempos están cambiando, como cantou Dylan, inspirándose en Brecht.

Están cambiando porque un goberno cuxos funcionarios nas oficinas de emprego recomendan, por toda alternativa laboral, a emigración, non é un goberno que ofreza estabilidade e menos aínda futuro. Un goberno que se confesa desaparecido “durante doce horas”, cando os incendios arrasan o país, non é un goberno que garanta a tranquilidade que todos necesitamos para vivir. Os gobernos do Partido Popular, aquí e en Madrid, xa non teñen nada que ofrecer. O crecemento anunciado dos últimos meses é falso ou, cando menos, non está sendo percibido pola sociedade, como demostra a subida apenas dunhas décimas das pensións, fronte ao previsíbel incremento do IPC. Non se ve no horizonte ningún sector que poida liderar o crecemento, salvo o fráxil e estacional turismo. 

 Os radicais, os extremistas, eran os outros, os que non tiñan os votos suficientes para gobernar. Pero, os tempos están cambiando

 

O presidente da Xunta, Núñez Feixóo, leva anos criticando a oposición, sen ofrecer propostas concretas propias. E, cando as ofreceu, resultaron falsas, como os encargos de buques para os estaleiros, por parte de México. Vivimos dentro dun túnel, no que a ausencia de perspectivas vese acompañada por unha escuridade mediática, apenas compensada polo pulso das redes sociais que tamén intentan neutralizar.

Estamos vendo como o extremismo e a descortesía cambiaron de mans. Agora son os periódicos, que antes presumían de moderación, os que ocupan toda a portada con palabras apocalípticas. Os paternalistas de hai pouco, agora berran. As acusacións, de clara terminoloxía franquista, proliferan. Até os murais coloreados de Galiza Nova son esborranchados co patético símbolo do xugo e as frechas. 

O goberno está nervioso e boa parte da oposición aínda parece confusa. Pero a xente necesita ter algo agradábel no que pensar antes de prender no sono. A xente necesita esperanza. A emigración non é unha saída. Cando o goberno non ten na carteira ningún proxecto viábel, debe ser a oposición a que se mobilice e a que presente as súas propostas, con serenidade e firmeza.

Até os murais coloreados de Galiza Nova son esborranchados co patético símbolo do xugo e as frechas

 

Porque, o certo é que si hai propostas. Si hai ideas e persoas capacitadas para levalas a cabo. Os menores de cincuenta anos non aceptan, nin sequera entenden, a vella clase política. O mundo, e Galiza con el, están cambiando. O poder si o sabe. Por iso se unen os dous partidos dinásticos. Polo de agora aínda non é para defenderse da oposición. Estanse defendendo xa da propia realidade que os supera.  

Comentarios