Opinión

Do kalashnikov ao móbil

A represión e o control trasládanse dos exércitos aos xuíces e á propaganda, que asume un papel maior do que xa tiña

Acaída do Muro e a disolución da URSS supuxeron un freo para o Estado de Benestar que era unha concesión do capitalismo co fin de desanimar, cando menos en Europa, calquera proposta de cambio de sistema. Pero nada permanece quieto.

Neste momento non falta diñeiro para as pensións ou para a seguridade social. Hai máis riqueza que nunca, a produtividade aumentou. Pero as modernas tecnoloxías do XXI viñeron acompañadas dun regreso aos dereitos laborais do XIX, así como dun menor control sobre os fondos de investimento e os paraísos fiscais.

Os Estados Unidos perden peso no comercio:do 45% ao 15%, desde a II Guerra mundial. Nese marco, o proteccionismo trumpista é unha política defensiva. A salvo dunha sorpresa final, pódese afirmar xa que Trump impulsou menos guerras no exterior que Obama. Aínda así, os EEUU manteñen o poder de boicotear calquera país só co uso da moeda e co embargo de efectivos, como están facendo en Venezuela.

Hai outros cambios. Na política interna, a represión e o control trasládanse dos exércitos aos xuíces e tamén á propaganda, que asume un papel maior do que xa tiña. A democracia formal e a non violencia son aceptados agora por todos, incluídos tanto os partidos máis esquerdistas como os máis dereitistas. O sufraxio universal permite cambios importantes, aínda que reversíbeis. A ditadura militar, con xenocidio incluído, xa non é unha solución para latinoamérica (véxase o recente caso de Bolivia). A guerrilla da nova época son as redes sociais, de aí a campaña contra elas que desenvolven constantemente os grandes medios. O kalashnikov é agora o móbil.

Os cambios tecnolóxicos tardan en ser interpretados pola gran maioría dos cidadáns. Primeiro veñen o asombro e a alienación fetichista. A crítica política chega máis tarde. Non é só unha opinión, é o que xa sucedeu a finais do XIX, unha época tamén de grandes inventos.

Hai que entender que os recortes de liberdades son propios de todos os sistemas. Máis que co seu carácter, teñen que ver coa súa seguridade. O grado de represión é directamente proporcional ao grado de inseguridade que sente o poder. Se España recortou dereitos, primeiro en Cataluña e despois no resto, non é porque se sinta máis forte, senón máis feble.

As principais consignas de hoxe son: menos violencia e máis democracia. Poñer os cidadáns a enfrontarse á policía é un xesto decimonónico. Remite máis á Comuna de París que ao século XXI. Certo que a violencia non desapareceu. Os telexornais desmenten iso cada día. Pero probabelmente non ocupará xa o lugar central da política, non cando menos na mesma dimensión que no pasado. Os Estados Unidos perderon en Vietnam non por falta de helicópteros senón porque había xornalistas con cámaras. A multiplicación descomunal de cámaras frea hoxe os intentos homicidas. É imposíbel controlar todas as redes e todos os móbiles. Os Estados son máis débiles e sábeno. Véxase a recente protesta contra o racismo nos Estados Unidos. O empoderamento civil gañou forza. Isto tamén ten que ver co máis elevado e máis democrático uso da educación e da información.

Aumentan os populismos e o peso dos liderados, pero tamén aumenta o número dos que opinan. A sociedade politízase, democratízase e iso esixe discursos fáciles de difundir e de entender. A rapidez dos novos medios provoca fluidez. O líder ou a consigna que non son útiles desaparecen de seguida.

O aspecto positivo é o aumento de esixencia social. Nunha sociedade mellor informada, baixa en aparencia o nivel porque non só opinan as elites pero en realidade sube moito a media, sube o conxunto.

Aumenta a tensión, coinciden varias crises (todas elas derivadas, en maior ou menor medida, do cambio tecnolóxico). Sentímonos confusos, os privilexiados resístense aos cambios, manipulan a verdade, pero non son tempos peores que os que viviron os nosos avós. Son tempos que requiren máis coñecemento. A política perderá algo do vello romanticismo, pero non por iso será menos interesante. Lean A cripta dos capuchinos de Joseph Roth, sobre a caída do Imperio Austro-húngaro.

Comentarios