Opinión

Devolverlle a lingua obxectiva ao problema catalán

En todos os conflitos políticos se produce unha guerra lingüística, semántica. No caso catalán isto aínda se agudiza porque o choque está a producirse, non nas beiras do Ebro, senón, sobre todo, na esfera legal e mediática, dous espazos nos que o máis importante é o discurso.

Nesta situación faise máis necesario devolverlle ás palabras o seu sentido habitual e propio. En primeiro lugar hai que dicir que os presos independentistas son presos políticos. Que outra cousa poderían ser? A casuística legal é relevante, pero no ámbito político, no xeral e no que todos entendemos, non pode existir ningunha dúbida. Tampouco pode haber dúbida sobre o feito de que Puigdemont está fugado, a maiores igualmente das consideracións que poidan poñer de manifesto os avogados independentistas.

Dicir que son políticos presos, alterando simplemente a orde das palabras, ou dicir que Puigdemont é un cidadán libre obedece a razóns leguleias, é dicir, a interpretacións da lei ao pé da letra, pero que só un metro máis alá perden o seu sentido e incluso poden resultar inxenuas ou cómicas.

Hai que dicir tamén que en Cataluña non se produciu ningún golpe de estado nin ningunha rebelión. E así é como se ve, por suposto, en todos os países que non son España. A palabra “golpe”, en concreto, pon en evidencia unha propaganda pouco inspirada que, se consigue algún efecto, é unicamente debido á súa reiteración nalgúns dos medios mainstream

A restitución da linguaxe implica dicir igualmente que o 1 de outubro non houbo un referendo, posto que non había consenso para celebralo, aínda que si unha mobilización masiva, como correctamente lle chamou o grupo En Comu Podem. Polo tanto, o independentismo non pode falar, en termos obxectivos, do “mandato do 1-O”, nin basearse nel como fonte de lexitimidade para acometer accións ulteriores, caso dunha declaración de independencia.  

Tampouco é certo que a represión dese día fose moi dura ou incluso sanguenta, aínda que correse un pouco de sangue, nunca até extremos alarmantes. Basta comparar os feitos cos doutros escenarios en conflito.

Ora ben, iso non implica que o ocorrido non fose politicamente grave, posto que o goberno español non reprimiu a persoas armadas nin sequera a alborotadores, senón a persoas pacíficas de todas as idades que querían votar. O Estado, ao dar a orde de secuestrar as urnas, ofreceu ante o mundo unha imaxe de desprezo polas reivindicacións democráticas e, o que é máis importante, suxeriu que para el a unidade de España permanecerá sempre por riba da propia democracia.

Ao longo dos meses transcorridos desde o 1-O, a UE mostrou que está, con certos matices, de parte de España. Tamén é obvio que Cataluña perdeu simpatía no resto do Estado español, pero todo iso podería verse compensando pola visibilidade que gañou a nivel internacional.

O coñecemento exterior do problema catalán é sen dúbida maior que antes do 1-O. E parece posíbel que ese coñecemento se acabe traducindo en prestixio para ese territorio e mesmo en posibilidades comerciais. As últimas cifras de investimento estranxeiro e de número de visitantes parecen apuntar nese sentido.

Comentarios