Opinión

Descontaminar a memoria do bipartito


Seica, Martiño Noriega, alcalde de Santiago, dixo hai pouco que a Marea aínda non ten preparado o equipo de catrocentas persoas que necesitarán para gobernar (se o PP non é capaz de formar maioría, tras as eleccións autonómicas).

Esta afirmación tróuxome de contado a lembranza do goberno bipartito (2005-2009). E tamén unha frase que pronunciou, aos poucos días da derrota, o escritor Manuel Rivas: “Touriño e Quintana dimitiron demasiado pronto".

Non lle debo persoalmente nada a ese goberno, nin pertenzo a Somos Nós. Pero creo que o nacionalismo aínda ten pendente de facer unha análise obxectiva do período. Non é trivial nin algo que se poida pasar por alto. Foi a primeira vez que o nacionalismo galego tivo na súa man administrar un orzamento de importancia.

A imaxe social que quedou foi negativa e iso pesa aínda hoxe como unha lousa sobre o BNG. O creador desa imaxe, en primeira e última instancia, foi o PP. Pero, o lamentábel é que, en todo este tempo, o nacionalismo non foi capaz de realizar a súa propia interpretación. Escapou do tema como da terra queimada. Pero a lousa, como o dinosauro do conto de Monterroso, segue aí.

Non lle debo persoalmente nada ao bipartito, nin pertenzo a Somos Nós. Pero creo que o nacionalismo aínda ten pendente de facer unha análise obxectiva do período

Certo que, tras unha derrota, os partidos acostuman a facer borrón e conta nova, polo menos nun primeiro momento. O PSOE fixo algo parecido con Zapatero e o PSC con Maragall.

Seguro tamén que no 2010 non había o clima social adecuado para facer esa análise. E certo, igualmente, que Quintana, como calquera outro gobernante, cometeu erros. O vicepresidente seguía falando de benestar, cando o que temía a xente era perder o traballo.

Pero, con todo, estou seguro de que calquera outro goberno galeguista e progresista que veña, a curto e medio prazo, terá que retomar non poucas das políticas iniciadas por aquel bipartito. Simplemente, porque, a pesar dos cambios derivados da crise, a estrutura básica do país é a mesma e non hai moitas alternativas.

Boto de menos unha reflexión sobre o que se fixo en agricultura ou sobre o proxecto eólico e a significativa sentenza que hai pouco veu confirmar a súa legalidade. Non é xa que esa sentenza chegase, por suposto, tarde, o grave é que o BNG apenas intentou tirarlle rédito político.

Estou seguro de que calquera outro goberno galeguista e progresista que veña, a curto e medio prazo, terá que retomar non poucas das políticas iniciadas por aquel bipartito

E esas batallas tamén son importantes, porque son pedagóxicas para a opinión pública. Igual que foi pedagóxico lembrar a postura crítica mantida polo nacionalismo sobre a Unión Europea, cando chegou a reconversión industrial e o desmantelamento agrario dos oitenta.

Verdade é que o nacionalismo ten poucos medios ao seu alcance para facer pedagoxía. Pero, creo que a esas cousas hai que dedicarlle, cando menos, tanto esforzo como a organizar os anuais recordatorios de Moncho Reboiras que nos retrotraen a unha etapa dificilmente comparábel a esta.

Algúns dirixentes do BNG critican agora a Podemos e ás Mareas polo seu adanismo, por pretender que son a primeira forza progresista que opera en Galiza. Mais, non deberían sorprenderse tanto, se eles mesmos borran ás veces as súas propias pisadas.

Postdata sobre Anxo Quintana: Cando xa rematara de escribir o anterior, leo na prensa un artigo de Anxo Quintana, no que vén dicir que, para que Galiza sexa tida en conta en Madrid, necesitamos converternos nun problema de Estado. Máis alá da súa pouca sutileza, creo que a frase define ben a situación.

E a pregunta subseguinte é: por que unha persoa como Quintana interpreta un papel tan secundario hoxe en Galiza? 

Leo na prensa un artigo de Anxo Quintana, no que vén dicir que, para que Galiza sexa tida en conta en Madrid, necesitamos converternos nun problema de Estado

Hai poucos meses, oín, na mesa dun café, como varios líderes veciñais vigueses afirmaban que Quintana estaba traballando moi cómodo na empresa privada grazas aos contactos que fixera co bipartito.

Pouco despois das últimas eleccións, un ex votante do BNG, e actual votante da Marea, dicíame que moitos líderes do Bloque se aproveitaran do goberno para facer cartos. E como exemplo emblemático deste proceder citaba a famosa imaxe de Quintana no iate. Tamén me confesaba que, despois de Quintana, non era capaz de nomear a ningún outro portavoz do BNG.

É dicir que unha das persoas que hoxe lle sería máis útil ao nacionalismo está socialmente queimada.

Esas son, sinteticamente, as razóns de que Quintana se convertese nunha persoa perigosa para o Estado e ese foi o motivo, polo tanto, de que ese Estado, através dos medios habituais, lle lanzase unha dura campaña de calumnias

Cal é a razón? Poderíase resumir con dous exemplos. Quintana apoiaba ás persoas que, aínda sendo castelán falantes, tiñan simpatía cara o galego e estaban dispostas a pedir clases en galego para os seus fillos. Segundo, Quintana foi capaz de establecer un diálogo cunha parte do empresariado que acumulara a súa fortuna na democracia e que posuía unha mentalidade próxima ao galeguismo e sensíbel co país. (Un empresariado que non formaba parte, polo tanto, desas familias que aínda lle deben a súa riqueza á vitoria do 36). 

Esas son, sinteticamente, as razóns de que Quintana se convertese nunha persoa perigosa para o Estado e ese foi o motivo, polo tanto, de que ese Estado, através dos medios habituais, lle lanzase unha dura campaña de calumnias que por desgraza tivo éxito (e que moitos dos seus compañeiros non tiveron capacidade ou ganas de contestar).

Ese é o tipo de nacionalismo que representa un problema para o Estado, un nacionalismo cunha ampla base social. 

E digo isto, aínda que non lembro ter mantido, na miña vida, unha conversa con Anxo Quintana e nin sequera simpatizo con certos aspectos do seu estilo persoal.

Comentarios