Opinión

A desaparición da bio muller non terá lugar

As teorías feministas, e tamén as que estudan o papel da muller desde ámbitos non confesionalmente feministas e mesmo antifeministas, encóntranse hoxe co problema –as veces sorteado, pero nunca evitado de todo– de saber até onde chega o peso da natureza e até onde o construto cultural no actual papel feminino. Desde Nancy Huston, poñamos por caso, máis proclive a darlle importancia ao biolóxico, a Paul (antes Beatriz) Preciado que o cifra todo maioritariamente á cultura como ente artificial, coexisten un amplísimo abano de posturas que non só non conseguen pórse de acordo senón que tampouco logran estabelecer un separación clara de espazos.

Lembremos que o afán clasificatorio forma parte dos avances xerados pola Ilustración. Clasifícanse as plantas e os animais, agora máis exhaustivamente coñecidos. Créanse mapas e reclúese aos individuos en cuadrículas. Pero o que supuxo no seu día un avance notábel para o coñecemento e a interpretación hoxe xa non é visto desta forma, sobre todo a partir das teorías de Foucault, sociólogo francés xa falecido pero máis influínte que nunca.

Igual que sabemos que as liñas rectas fronteirizas en certas zonas de África e dos Estados Unidos non reflicten unha realidade xeográfica e nacional exacta, tamén sabemos que hai animais e plantas que non encaixan exactamente no apartado que lles asignamos, é dicir, teñen características dun e outro. De aí xorde tamén o mundo LGTBI+.

Pero, cando intentamos coñecer ese territorio, que antes entendíamos dividido de forma simple entre homes e mulleres con algunha matización marxinal, descubrimos que non só non é doado de clasificar, senón que non sabemos até onde facelo. É válida aínda a división entre homes e mulleres? Aquelas que a impugnan encontráronse coas críticas de sectores políticos como VOX, críticas importantes porque teñen continuidade nas doutras persoas menos reaccionarias, menos machistas e incluso feministas. Véxase a división entre as ministras do propio goberno actual: PSOE por unha banda, Podemos pola outra.

Pero resulta, agora o sabemos, que cobiza e afán competitivo son características humanas, están na nosa natureza e non sempre para mal.

Parece evidente xa que ignorar por completo a importancia do biolóxico, do que outros chaman natural, está abrindo unha vía de auga, un importante ángulo de ataque contra o feminismo.

Para establecer un criterio ás veces é bo cambiar o campo de análise. Vexamos o ocorrido con outra teoría liberadora: o socialismo ou o comunismo, no seu momento. Elevar, correctamente ao meu entender, o papel social da comunidade e da solidariedade levou a desprezar e mesmo condenar o papel da cobiza e da competencia que ficaron así como características exclusivas do capitalismo. Pero resulta, agora o sabemos, que cobiza e afán competitivo son características humanas, están na nosa natureza e non sempre para mal. En parte chegamos aquí grazas a elas, aínda que tamén sexan a causa dunha parte importante dos nosos problemas, como a inxustiza ou a desigualdade.

Creo así que por máis que Preciado se decante pola farmacoloxía e a cirurxía para falarnos dunha futura sociedade –da que xa estamos vendo os xérmolos– na que os sexos non só non serían só dous, senón que mesmo poderiamos escollelos case á carta, construíndonos a nos mesmos con, por exemplo, o bigote de Groucho, as tetas de Rita Hayworth e as pernas de Nuréyev (busquen modelos máis actuais se o desexan), o certo é que máis probabelmente o que hoxe chamamos home e muller siga existindo cando menos por un tempo, se cadra longo. E iso sen desbotar para nada o incremento das prácticas hormonais e cirúrxicas. 

A bio muller, como Preciado denomina a muller actual, identificábel polas súas características biolóxicas, seguirá sendo protagonista na sociedade e polo tanto o feminismo seguirá a ter sentido tal como o entendemos hoxe.

As formulacións audaces e indubidabelmente intelixentes, como as de Preciado, abren camiños de futuro e gañan espazos para a liberdade, pero a perda do chamado sentido da realidade sempre prexudicou os movementos de liberación, sobre todo porque lles creou inimigos innecesarios.

Comentarios