Opinión

Da cuncha peregrina á cona feminista

Os símbolos que Galiza ten como país non son escasos. As chamadas “nacións sen historia” son propensas aos mitos, único modo de conservar o seu legado, e os mitos xeran símbolos. Os símbolos de carácter feminino son agora máis valorados e, sobre todo, lidos baixo un novo prisma. Rosalía é a sinécdoque da literatura galega. Xa o era, pero novas lecturas fana aínda máis representativa.

Por suposto, a simboloxía feminina sempre foi importante, sobre todo en forma de maternidade, como esas figuras primitivas que agora censura Facebook. A Vía Láctea, ou Camiño de Santiago, formouse, di a lenda, grazas ás pingas de leite da virxe. E a cuncha dos peregrinos, ou venera, é o símbolo da concepción. 

A cuncha, figuración do Monte de Venus, aparece moi representada na pintura. A máis coñecida quizais sexa a de Botticelli. É unha forma de representación común na historia da arte. Hai que entender que a sexualidade e o erotismo, na idade antiga e no Renacemento, eran vistos de forma diferente a como o son na actualidade. 

Os símbolos de carácter feminino son agora máis valorados e, sobre todo, lidos baixo un novo prisma

 

Cando os arxentinos falan da cuncha, para referirse á vaxina, non están utilizando polo tanto unha metáfora nada estraña, como tantas outras que ten o órgano sexual feminino.  

A cona, á que se refire a recente campaña das mulleres do BNG, talvez non sexa polo tanto unha saída de ton, senón unha versión popular máis dun símbolo de todas as culturas e particularmente da galega. Non máis vulgar talvez que a Enxebre Orde da Vieira.

Comentarios