Opinión

Unha Constitución fósil é o que máis beneficia o independentismo

O constitucionalismo fósil é o maior apoio co que conta, a corto e medio prazo, o independentismo catalán.

O líder que colocou o PSOE entre os partidos non constitucionalistas e que recorda cada dous por tres o pacto “PSOE-Bildu”, como antes o “ZP-ETA”, é un líder que, como nunha reacción física, acaba de proclamar a morte da Constitución, posto que se a Constitución só representa a dereita é obvio que non serve. Pasa de ser unha norma de todos a un programa de partido.

Quen foi ese líder que colocou o PSOE practicamente fóra do sistema, así fose de modo declarativo? Pois Casado ou Rivera. Non o lembro, pero tanto ten. Ciudadanos abandonou o seu espazo no centro, se algún día chegou a ocupalo, para sumarse a unha tendencia cada vez máis dogmática que entende España ontoloxicamente como un “ser” máis aló do tempo e da historia, como un “ente supranatural” que de ningún modo se pode discutir, dentro dunha especie de teoloxía da nación, adornada de toureiros, tricornios, cantos de “viva la muerte” e tapas de tortilla, como unha virxe barroca, con tantos adornos que resulta de imposíbel interpretación, que non nós ofrece ningunha idea coherente, senón só unha imaxe que nos deixa perplexos. A España da que fala hoxe a dereita é unha España que está máis alá da razón.

Borrell fixo o ridículo ante unha cadea de televisión alemá, cando se enfadou porque o entrevistador lle lembrou que o 76% dos españois desexan a reforma da Constitución. Borrell preguntou primeiro de onde tirara o dato e, ao responderlle o xornalista que do CIS, o ministro veuse abaixo.

Pero, a verdade é que Borrell tiña unha resposta doada que non se lle ocorreu. Se ben é certo que o 76% da poboación quere unha reforma, tamén é certo que esa porcentaxe non está unificada no sentido de que tipo de reforma quere. Uns piden máis centralismo, outros federalismo e outros o recoñecemento do dereito de autodeterminación. Ese é o problema e a clave á que podía ter recorrido Borrell, se fose tan listo como el pensa.

Esa clave deuna Raxoi, que non é tan parvo como din, nunha entrevista de hai xa varios anos cunha axencia e que publicou Faro. “Non estou en contra da reforma constitucional –cito de memoria– pero tería que haber un mínimo consenso previo sobre o sentido desa reforma”, dixo o ex presidente. E díxoo con toda a lóxica, pois abrir un debate sen unhas liñas previas acordadas sería como abrir a Caixa de Pandora, sería como poñer o Estado á altura dun debate interno de Podemos, con cen liñas enfrontadas e varias escisións. Ningún Estado pode permitirse iso, a non ser que se queira suicidar.

Pero ese é o centro do problema: a procura dun consenso para reformar a Constitución. O que ocorre é que a realidade camiña en sentido contrario e, como diciamos ao principio, canto máis se fosilice o constitucionalismo, canto máis se dogmatice e se agreda aos disidentes coa Constitución na man, canto máis se use como palabra de orde dun ou de tres partidos, máis a estarán matando, máis a invalidan. O mesmo que a bandeira, canto máis partidaria, menos española.

A conclusión é clara, canto máis se extreme o españolismo, máis cataláns se irán facendo independentistas. Onde queda a estratexia de Londres con Escocia, a de seducir e convencer, que acabou resultando gañadora e que conseguiu apazugar o problema por anos?

Diriamos que en España isto seguirá así até que a UE, os bancos ou as multinacionais manden parar. Pero xa ven como está a UE e o FMI xa fala dunha nova crise.

Así que incluso o impensábel podería ocorrer: que Cataluña se independice.    

Comentarios